Universalizar e visibilizar a contribución das mulleres galegas

Universalizar e visibilizar a contribución das mulleres galegas

Silenciadas, ocultadas, invisibilizadas... é o papel que desempeñaron as mulleres ao longo da historia de Galiza. Se ben, nas últimas décadas proliferan os traballos, estudos e proxectos de investigación das mulleres galegas nos diferentes eidos do saber, estes seguen a ser insuficientes, e a súa divulgación reducida a determinados ámbitos. Temos que universalizar e visibilizar a contribución das mulleres galegas.

O empoderamento das mulleres dun pobo precisa da recuperación da memoria histórica. É necesaria para a deconstrución das mulleres dunha nación que aspiran a un futuro digno, igualitario e liberador das opresións de xénero, de clase e nacional.

Por isto, é importante que os espazos públicos (rueiros, xardíns, prazas...), e as actividades que se desenvolven desde o movemento asociativo ou organismos oficiais (premios, escolas,...) as bauticemos con nomes femininos, cos das nosas mulleres, moitas delas anónimas até os nosos días, agochadas e desexando ser descubertas.
Hoxe mesmo, día no que sae a luz pública este artigo, inaugúrase a I Escola de Formación Feminista Corona González que vén de poñer en marcha o Observatorio da Mariña pola Igualdade para popularizar e promover o coñecemento desta figura.

Imos darlle voz á ourensá Corona González, muller que racha cos estereotipos das mulleres da época, ás que se lles negou a sexualidade feminina fóra do papel de nai e esposa asignado polo nacional catolicismo. Ás mulleres dicíaselles "que non pensaran no acto sexual, que rezaran o rosario mentalmente, non se consentía o seu goce".

Nada na Rúa, mecenas integrante da burguesía e da que destacan escritoras como Carmen Blanco (O contradiscurso das mulleres, Nigra 1995) o seu carácter liberal, intelixencia e cultura. Contactou co galeguismo sendo moza cando a súa familia traslada a súa residencia ao Porriño. Viaxeira, viviu longas tempadas en diversos países como París e Londres, en Río de Xaneiro, e na Arxentina o que se desprende das once colaboracións que fixo co xornal A Nosa Terra entre os anos 1926 e 1930.

Tamén temos que situar a Corona en Ribadeo, debido ao seu casamento no 1900 co ribadense Ramón González, conselleiro delegado do Banco Español de Río da Plata. Estivo moi vinculada a esta vila na que se conta que deu acubillo a todo aquel que ficaba ou paraba en Ribadeo escapando do franquismo. "Eu, que estimo o fogo como algo sagrado, que o amo hastra nas suas mais miudas representacións, considero un tremendo sacrilexio o servirse de tal verba pra mandar fusilar un semellante". ("O fogo", A Nosa Terra, núm. 245 (1-2-1928), páx. 5-4)". Reflíctese nesa cita e ao longo dos seus textos o rexeitamento ás persoas que explotaban, ás que impedían unha vida co dereito a elixir en liberdade, ao egoismo e individualismo.... era unha muller defensora das liberdades, metafórica, e cun grande respecto e admiración pola natureza (xoga con elementos naturais como o lume, sol, a lúa, animais ...) e pola cultura e costumes galegos (véxase no artigo" Vaidades encol do rego" no que fala da matanza do porco).

Nesa mesma liña, podemos apreciar as súas ideas progresistas e revolucionarias no artigo "Como se encaran os diversos casos por aquí embaixo", A Nosa Terra, núm. 236 (1-5-1927), páx. 4":

"Un home malo outro, n-un momento de raiba. É preso, castigado, e hastra enforcado. Outro home-o verdugo- mata a todos os que lle manden, en sangue fria. É pagado, e considerado como bon. ¡É UN ASESINO LEGALIZADO!"

Prosegue defendendo a liberdade das persoas a emparellarse sen ningún tipo de requisito formal ao mesmo tempo que pon de manifesto os prexuízos existentes daquela:

"Unha señora cásase, xa no civil, xa no Católico, divórciase e torna casar con outro, mais só no civil é considerada. Señora formal e decente. Si a mesma ao divorciarse xúntase con outro home, é unha sinvergoña: A primeira é o que se chama AXUNTAMENTO LEGALIZADO". Neste mesmo artigo, como muller feminista daquel tempo sitúa no mesmo nivel as mulleres que exercen a prostitución con aquelas mulleres que casan sen amor, polo interese, todas se venden, segundo ela, cal é a diferenza? (ela denomínao como SINVERGOÑA LEGALIZADA).

Moi consciente da súa identidade nacional, da falta de estima do pobo galego, das virtudes: "O viaxe non pode ser millor, ténse todo para poder ser feliz, saúde, e bon tempo, mais as saudade non deixan de sosegar, é un bichiño que roe... que roe.. sen parar, non podendo entretelo porque é mais esperto do que parece, é a única cousa que temos que nos decrara por vencidos. Vexan si é forte que pode dominar a unha raza, que sabe afrontar todo, hastra a fame!¡Raza a nosa!"; e da morriña que teñen as galegas e os galegos cando se ven obrigados a emigrar e estar lonxe da súa terra: "¡Qué saudades se senten ó separarse cada vez mais da terra querida!"

("A bordo do Arlanza", A Nosa Terra, núm. 258 (1-3-1929), páx. 2-3) "Corona González defensora da educación e da lingua galega", definida así por Aurora Marco ( As precusoras, 1993), incidiu moito na importancia do factor educativo e tenta sensibilizar e instar aos homes a que valoren as mulleres e as fillas e a que promovan a súa educación e formación, e así o reflicte no xornal A Nosa Terra na que as colaboracións e a súa lectura era maioritariamente masculina. Tamén escrebe para as mulleres, "é necesario insinarlle a traballar, para ser independente, e facerlle comprender que non é necesario o casamento nin ser monxa pra ser feliz n´este mundo".("Pr'os pais que tein fillas", A Nosa Terra, núm. 235 (1-4-1927), páx. 3-4).

O descoñecemento de moitos datos arredor desta figura non nos permiten facer unha análise moi exhaustiva, agardemos que no futuro teñamos novos datos que contribúan a clarexar a figura desta muller, de carácter feminista, nacionalista e espírito revolucionario e transformador. E seguramente ademais de intelectual fose tamén unha gran activista xa que algúns aspectos da súa bibliografía tamén a vinculan co movemento anarquista de Montevideo, segundo Luís Soto.

Resulta conmovedor lela, gozala, sentila e lembrala para incorporala ao pasado colectivo da nosa nación como muller defensora das liberdades. E despois de falarvos dela, rematarei coas súas palabras:

"Cada ollada de un galego é unha caricia surateira, non é ollar descarado, é ollar dulce e meigo".