Unión Europea, ruina da pesca galega
Foron moitas as mobilizacións sociais promovidas historicamente polo nacionalismo galego na defensa do elemental dereito a producir, a vivir do noso traballo con dignidade. Era o noso deber combater polo noso, contra unha estrutura xerarquizada e inxusta, que nos condenaba á esmola subsidiada e ao desmantelamento do que nos permitía xerar riqueza. Hai 25 anos, o 1 de xaneiro de 1986, producíase o ingreso formal do Estado español no que daquela se denominaba, sen eufemismos, Mercado Común Europeo, hoxe Unión Europea. Prognosticaba o BNG, coas novas regras de xogo ao servizo das grandes corporacións económicas dos estados máis fortes, un futuro difícil para os sectores produtivos básicos da nosa economía nacional. Vinte e cinco anos despois as consecuencias están á vista.
O caso da pesca é un dos mellores exemplos da incompatibilidade existente entre a política comunitaria e a nosa capacidade produtiva. Galiza era daquela a primeira potencia pesqueira da UE (hoxe xa non o é), con posibilidades teóricas, portanto, de competir con calquera, e mesmo de marcar pautas na política común de pesca. Iso non só non sucedeu, senón que, como é contrastábel, Galiza foi o país de toda a UE que perdeu máis buques pesqueiros, posibilidades de pesca e postos de traballo no mar nese espazo temporal de vinte e cinco anos. Mentres, outras frotas europeas foron medrando e, simultaneamente, multiplicáronse as importacións de produtos pesqueiros e marisqueiros no noso mercado.
É neste contexto no que se produce o último dos ataques contra a nosa frota pesqueira de altura, arrastre litoral e baixura. O Consello de Ministros de Pesca da UE, na súa última reunión (decembro de 2010) fixou os Topes Autorizados de Captura (TAC) e Cotas para as diversas especies no ano 2011. Os acordos adoptados (de non se modificaren) conducirán a unha parte moi importante da nosa frota á inviabilidade, ao amarre e ao despezamento. Milleiros de postos de traballo, no mar e en terra están en xogo.
O proceso de toma de decisión é unha mistura de traxedia e de comedia, iso si, con elevadas doses de surrealismo. Comprobémolo: Os acordos foron adoptados co voto favorábel do Goberno español, quen compartillou presenza nese foro coa Comunidade Autónoma de Estremadura, en representación de Galiza. Á marxe do insólito e incomprensíbel da marxinación do noso país no proceso negociador e de toma de decisións (Galiza, potencia pesqueira, mais sen voz, voto e veto para facer valer os seus intereses nos foros nos que se toman as decisións que nos afectan), resulta insultante que se substitúa a nosa participación pola de Estremadura, comunidade sen ningún interese pesqueiro. No ano 2009 tampouco participou Galiza: foille encomendada a presenza a Castela e León. E o ano anterior, Castela-A Mancha. Espectáculo surrealista, e ademais con consecuencias devastadoras para Galiza.
As cotas de captura de especies con maior interese para a frota pesqueira galega reciben, de xeito incomprensíbel (e por certo, acientífico, isto é, sen fundamentación técnico-biolóxica) uns recortes absolutamente brutais. É o caso, singularmente, do lirio, que experimenta unha redución do 93% a respecto do ano 2010. Tan só 824 toneladas a repartir entre os 93 buques que compoñen o que aínda fica de frota de arrastre litoral. Esta cota non só é escasa: é ridícula, e ademais inxusta. Para todos aqueles que intencionadamente nos teñen acusado aos galegos de "esgotadores dos mares", haberá que lembrar que a imensa maioría das capturas desta especie (o 97'40%) son realizadas por buques factoría dos estados europeos máis "modernos", "ecoloxistas" e "glamourosos", e logo destinados non a consumo humano (como si fan os nosos buques), senón ao seu procesamento como fariñas de peixe. Ademais, existen cotas insuficientes para a xarda, o xurelo, a pescada, o rapante, a cigala ou a rabada. E ollo! Se algún buque galego de altura ou baixura captura incidentalmente algunha destas especies, terá que devolvela morta ao mar, baixo ameaza de sanción. Iso si que é equilibrio mediambiental!
Realmente resulta difícil de entender tanta capacidade de encaixe de decisións negativas para con Galiza. O peor é a asunción natural de tanta e tan aberrante discriminación. A obediencia cega, a interiorización como positiva da calquera decisión, por negativa que sexa, que proceda de Bruxelas, son a mellor proba da humillante autoanulación que practican sen complexos o PP e o PSOE.
Non nos deixan pescar aínda habendo peixe no mar. Máis tranquilidade. A Unión Europea é comprensiva con nós, e xa decidiu enviarnos cartos. Millóns de euros xa orzamentados. Cun pequeno matiz: van orientados exclusivamente a subsidiar o despezamento de buques pesqueiros galegos. Sonche así de xenerosos e demócratas. E ademais até protexen o medio ambiente, segundo din. Que marabilla! E aínda hai quen defende a Unión Europea e se declara alegremente europeísta... Cumpre ser europailán, euroidiota e europasmón para defender esta estrutura imperial, discriminatoria e monstruosa. Neste estado de cousas, a nosa proposta pasa ineludibelmente por inverter a situación: As axudas e as esmolas, para eles. Dámosllas. Non as queremos. Que as metan onde queiran. Nós o que queremos é vivir dignamente do noso traballo.