Unidos na enfermidade, separados polos privilexios

Unidos na enfermidade, separados polos privilexios
Ao mellor non é o momento de criticar, non é o momento de botarnos as culpas uns aos outros, non é momento de "y tú más". Pero como estou encerrada na casa teño moito tempo para pensar e darlle voltas á cabeza, vou dar a miña opinión anque como din na serie Cosmos, só sexa como unha mota de pó pululando no vasto universo, e quizáis todos estes anos queixándome por moitas cousas, igual me gañei o deretito de decir ben alto como boa galega: XA CHO DIXEN!

A min paréceme xenial que as oito da tarde os balcóns se enchan de xente aplaudindo a diversos héroes da sanidade e outros servizos públicos, pero tamén me parecería moito máis xenial que toda esa xente que agora aplaude se dé de conta que cando saímos a rúa a protestar era por algo, non era por molestar, non era para ver quen tiña a bandeira máis grande. Tivo que aparecer un virus para reaccionar? para sentarnos a reflexionar que é o que somos? que é o realmente importante?

Aínda que nos intenten vender esa soliraridade entre povos, o único que vexo é un montón de países mirando para o seu, países que defenden o mercado libre e global, e agora só fan que mirar o seu embigo. Vivimos nunha especie de xungla económica , os ricos viven os pobres xa saben cal é o seu destino. Que dúbida cabe xa, que a supervivencia da UE está en perigo? ou que o sistema capitalista está caduco? que non funciona. Eu non teño ningunha.

E aquí estamos nós e onde entra a era Feijoo, atrapado nos seus métodos de desarme da sanidade e de repente chega o coronavirus, a dispersión, o esforzo do persoal sanitario, como no resto do Estado Español maquíllanlle os déficits a tal punto que a estratexia é esperar que o resto nos maquille a imaxe. E o certo é que Galiza parece que está en mans de Inditex e a súa capacidade de mover mercancía dende Asia para garantir os suministros hospitalarios, dependemos da caridade e non da fiscalidade.

Ao principio deste problema, leín un artigo interesantísimo onde me chamou a atención varios puntos, pero este foi o que máis: - o virus entrou a través de executivos alemáns e ingleses na cidade de Wuhan, o rastreo xenético do virus confirma esa teoría. Os mesmos países que en certo modo bótanlle a culpa ao Estado Español e a Italia de ser o maior foco de infección... Fixádevos nesta similitude; precisamente Europa foi quen convirteu a España e Italia nun xigantesco bar con praia onde ouriñar o seu calvinismo (di o artigo) e eu pregúntome; en que lugar pensades que está Galiza nese mesmo contexto dentro do Estado Español? exacto, nun xigantesco chiringuito con praias ao servizo dos madrileños. E sei do que falo, e aínda que nunha vez na vida esteamos dacordo Feijóo mais eu, que o 14 de marzo as costas galegas estaban repletiñas e ocupando as súas segundas residencias, como si un día de Agosto se tratase. O obreiros do sector turístico enterámonos moito antes que o presidente da Xunta, porque el tivo que recibir primeiro os datos do Sergas para cair da burra.

China aislou unha rexión con 60MM de habitantes, por que o E. Español non fixo o mesmo con Madrid con tan só 7MM? porque non, porque temos que estar unidos. Unidos nas desgrazas, iguais na enfermidade, pero sempre distintos en privilexios. Estamos a 10 de Abril, e apenas fai dous días vimos como descargaban equipaxes e se abrían persianas pechadas dende Septembro. Hoxe escoito máis xente que, mentres aplauden dende os seus balcóns das súas casas vacacionais, critican a xestión do goberno. Non sei vós, pero eu a día de hoxe xa vin de todo o que tiña que ver na vida.