Unidade no propósito emancipador
Non pretendo acrecentar as análises que se teñen feito arredor do desenvolvemento e resultado da XIII Asemblea Nacional do BNG. Hai valoracións abondo, coas que en moitos casos teño unha ampla concordancia e que abordan este proceso asemblear con rigorosidade e profundidade analítica, fuxindo do simplismo co que en moitos casos, de xeito interesado, afrontaron esta cuestión as e os benególogos desde os mass media. Pouco cabería engadir ao editorial do Terra e Tempo do pasado día 31 de xaneiro, ou aos apontamentos feitos polo camarada Duarte Correa e por Rodri Suarez. Tres textos, na miña opinión, de necesaria lectura.
O certo é que foi un proceso asemblear excepcional, por mor de que como nunca antes este desenvolveuse nun clima de confrontación exhibida con obscenidade perante os medios de comunicación de masas, que a agudizaron e dramatizaron até o paroxismo, tomando iso si partido a favor dunhas determinadas tendencias. É certo que non é a primeira vez que unha parte da organización pretende utilizar a amplificación interesada dos media para sobrerepresentar no escenario público posicións que non contaron, nin contan, co respaldo maioritario da base militante. Porén, si que se incorpora un factor novo, nomeadamente pola súa reiteración e crueza, en forma de chantaxe a respecto do risco de ruptura.
Presión previa, mesmo antes de encetar o proceso de debate da proposta de teses, co afán de condicionar anticipadamente o resultado da asemblea, empregando a ameaza de escisión como instrumento. Presión durante o propio proceso asemblear, tanto nas comarcas como no plenario nacional, presentándoo con dramatismo como a derradeira oportunidade que algúns lle daban á fronte para permanecer nela. E presión rematada a asemblea nacional, polo menos na súa parte central (resta a renovación de organismos comarcais e locais), como manifestación de cuestionar o resultado democrático do debate e a escolla de dirección.
Aínda admitindo a falacia de que as teses aprobadas a pasada fin de semana en Amio son inasumíbeis para o conxunto da fronte, por seren teses dunha parte, malia que a súa aprobación con preto dun 70% de apoio o refute, o certo é que non parece que ese presunto motivo sexa a causa real que fundamente a ameaza de escisión no Bloque. De ser por iso, en coherencia non tería habido unha 2ª volta do proceso de elección do Portavoz Nacional, unha vez esta se celebrou após a aprobación das teses e despois de que a militancia outorgase o seu respaldo maioritario á candidatura ao Consello Nacional da Alternativa pola Unidade, e elixise o candidato á presidencia da Xunta. Mais non foi así, e lexitimamente houbo unha 2ª volta da que, porén, sairía re-electo Guillerme Vázquez.
,Nos seus discursos como aspirantes a candidato á presidencia da Xunta e á portavocía nacional afirmaron diante do multitudinario plenario que se non saían elixidos non abandonarían a fronte. O primeiro fíxoo cunha afirmación implícita cando dixo que de non ser electo "non pasaría nada". O segundo expresouno explícita e taxativamente, "pase o que pase permaneceremos no BNG" clamou. Logo, que pasou entón nestes poucos días para que existan ruxeruxes noutro sentido?
Acredito no valor da unidade da esquerda nacionalista galega, en base ao principio de suma e de aproveitamento das sinerxías. A unidade é sempre un medio instrumental ao servizo dun proxecto, como alicerce ou vieiro deste. Unidade si, e asentada no denominador común dos principios ideolóxicos que definen o noso proxecto e as teses que democraticamente acorde a militancia. A unidade para ser efectiva e real, debe ser unidade no propósito, nos obxectivos estratéxicos, alén das lexítimas diferenzas que caiban na súa definición táctica ou programática en cada momento.
A trascendencia do debate asemblear radica en que os votos particulares presentados e algunhas emendas cuestionaban precisamente o propósito estratéxico da fronte patriótica. Discutían a dimensión do Bloque como un proxecto político transformador, se se quer unha alternativa revolucionaria na medida en que aspira a unha mudanza profunda da realidade social, política e económica da nosa nación a favor do pobo, reducíndoo a un proxecto electoral con mera vocación de alternancia de goberno nas limitadas institucións da democracia formal vixente. Promulgaban unha expresa renuncia de obxectivos políticos fundamentais (como a conquista da plena soberanía) en favor dun programa presuntamente posibilista. Pretendían desprazar ás clases populares (clase traballadora, labregas/os, autónomos e pequena empresa) como suxeito político e destinatario do proxecto nacionalista, en favor de non se sabe que amorfa e indefinida "maioría da sociedade", supoño que conformada polos segmentos intermedios máis acomodados, obviando que só as e os asalariados xa representan nesta altura o 80% da poboación galega, a xenuína maioría social. Insistían no espellismo de acreditar nas posibilidades dunha Unión Europea, que máis que nunca se evidencia como un instrumento ao servizo da clase dominante, da oligarquía financeira transnacional, do capital. E pulaban por avalar as posibilidades da vía autonómica, malia constatarse ser unha canellón sen saída, poñéndoa en valor malia non ter sido nunca a aposta do nacionalismo nin contar co aval do noso pobo.
Un factor que explica que se sosteñan posicións tan diverxentes, alén do ideolóxico, é o histórico. Hai sectores dentro do nacionalismo que non comprenderon que a vixente crise sistémica do capitalismo neoliberal está a provocar un acelerado cambio de ciclo histórico. Ciclo no que a agudización e radicalización das contradicións do propio sistema -na súa fase imperialista- están a se materializar en agresións sen parangón contra das clases populares, co obxecto de transferir a estas o custo neto da crise. Non nos achamos nunha paréntese difícil trala que se retomará a situación anterior. A crise constitúe un punto de inflexión que acrecenta e violenta o confronto de intereses entre a minoría explotadora e a maioría explotada, a loita de clases, e que esixe que tomemos partido.
A discusión -en termos de definición política- situouse no plano de desdebuxar o proxecto común para o transmutar nunha opción electoral asequíbel para sectores non nacionalistas e moderados -ou moi moderados- na cuestión social, ou pola contra actualizar con rigor o perfil propio do BNG, en coherencia cos principios sobre os que agromaría hai case tres décadas: a esquerda real e o nacionalismo emancipador. A maioría da base militante decantouse precisamente por esta segunda opción, pulando por alagar e profundar a corrección de rumbo encetada na anterior Asemblea Nacional.
Unha decisión acertada, xa que estarmos á altura deste momento histórico non pasa polo posibilismo electoral doutrora, senón por fortalecer e enraizar no pobo -incidindo na conciencia social- unha alternativa política esperanzadora ao servizo da súa plena emancipación nacional e social.