Unidade de acción sindical: si, non ou depende?
Sería francamente doado abordar a unidade de acción dende unha óptica sectaria, ou simplemente facer un relatorio do entreguísmo do sindicalismo español, do seu colaboracionismo vantaxista na persecución contra delegados/as da CIG nas empresas, de cómo tiran favores de determinadas patronais que lles facilitan representatividade, ou dos distintos escándalos económicos que xorden a cotío. Esa non é a cuestión, o sindicalismo nacionalista e de clase ten entre os seus obxectivos a unidade de acción do proletariado galego, a cuestión principal é como abordala neste difícil momento histórico.
É curioso que a maior parte das persoas que tratan de polémizar sobre a posición da CIG a respecto da decisión de manifestarse en solitario o Primeiro de Maio, sexan persoas alleas ao que sucede día a día nas empresas. Semella que a Unidade de Acción é fundamental para facer fronte á ofensiva neoliberal, a esa loita de clases que a burguesía, coma recoñece o millonario estadounidense Warren Buffett, está gañando. Pero a Unidade de Acción só é posible cando se comparten obxectivos e métodos, que non é o caso.
O sindicalismo españolista comparte esa visión rancia e caduca do Estado que inculcou o franquismo a sangue e lume, aquí carece de conciencia nacional e polo tanto dende esa óptica, os obxectivos do sindicalismo galego están nas antípodas fronte ao proceso de centralización económico, social e político e ante o proceso de demolición dos sectores produtivos galegos.
Si o neoliberalismo pretende utilizar esta crise para consolidar un modelo que se impulsou durante a época de bonanza desigual (o desigual reparto da riqueza ven de lonxe), o papel do sindicalismos español tanto daquela coma hoxe foi o de colaboración absoluta co sistema. Grande parte das reformas e recortes contaron coa colaboración de CCOO e UGT e o actual chamamento ao Pacto Social é máis do mesmo.
A Unidade de Acción debemos abordala tendo en conta o momento histórico, non podemos esquecer que Galiza está sufrindo con especial ferocidade as consecuencias da implantación do modelo neoliberal e do proceso de concentración e centralización do poder económico e político.
A crise ten consecuencias en toda Europa e nomeadamente no sur, pero non é menos certo que os distintos Estados son hoxe un instrumento que as distintas burguesías nacionais están utilizando para salvagardar os seus intereses de clase. O Estado alemán defende os intereses das grandes empresas e multinacionais alemáns, coma o Estado Español defende os intereses das grandes empresas e Corporacións españolas. A burguesía galega, contentouse sempre coas migallas e esmolas da burguesía española, hoxe non está nin se lle espera para salvar empresas e sectores estratéxicos para este país.
Galiza cunha burguesía provinciana, carente dun Estado propio e cun Goberno Galego sometido ás decisións do PP Estatal, está afectada coma o resto polo o impacto social da crise pero de seguir este camiño despois desta crise terá menos soberanía económica e polo tanto menos autogoberno. A actitude de CCOO e UGT a este respecto, que como sindicalistas galegos debería ser a nosa preocupación principal, difire ben pouco coa que poda ter mesmo o PP.
Por outra parte incluso a nivel estatal hai un descrédito social das vellas e caducas estruturas que afecta á monarquía e aos Partidos políticos sistémicos, pero tamén ao mundo sindical. CCOO e UGT forman parte do stablishmen español e non queren deixar de selo. Esas cuestionadas estruturas españolistas pretenden salvarse do descrédito lanzando a idea dun “Pacto Nacional”, e lanzando arengas, as veces cuasi bélicas, contra o inimigo externo identificado por Alemaña e Angela Merkel. Coma si eles mesmos non foran os defensores dese modelo de Europa.
A CIG non está polo “Pacto de Salvación da Nación Española”, nin por aceptar caladamente o desmantelamento das capacidades produtivas de Galiza e polo tanto a perda de soberanía económica. Dificilmente podemos coincidir hoxe con quen non compartimos obxectivos, outra cuestión é a posición que o sindicalismo nacionalista poda manter en conflitos concretos, neses casos a Unidade de Acción pode ser ou non, todo depende.