Unha xeración sen proxectos vitais

Unha xeración sen proxectos vitais

A emigración é un grave problema para a mocidade galega, pero desde logo son aínda máis graves e azoutan con maior crueza as mozas de clase obreira a precariedade laboral e/ou a dependencia económica familiar. É no momento actual o fenómeno que en maior medida nos tronza as vidas na nosa xeración, e especialmente para as mozas de maior extracción obreira, precisamente as que contan con menos recursos no fogar familiar.

Isto non é máis que un obstáculo insalvable á hora de termos un proxecto vital e unhas mínimas opcións de construírmos unha vida propia: somos unha xeración condenada ao estancamento máis absoluto. Ante isto, as alternativas que se nos ofrecen son dúas: ou ben a resignación e asunción totais, ou ben seducións de tipo neoliberal relacionadas co traballismo e a vida frenética, o emprendemento ou calquera outra sorte de evasión individualista.

O certo é que a imposibilidade total de termos aspiracións vitais por mor da incapacidade para asentarnos a través dun emprego, que non só non está garantido senón que non proporciona ningunha estabilidade a quen o consegue, demostra que chegamos a un punto de non retorno no que o emprego perde por completo o seu papel central no funcionamento da sociedade.

É fundamental que esta análise teña calado entre as organizacións revolucionarias e comecemos a artellar o discurso non só arredor do cambio na forma de produción e na procura doutro uso do noso tempo, senón na reivindicación deste para nós mesmas e non da súa “digna” expropiación –un oximoron máis que habitual cando reproducimos a cantilena do “emprego digno”, obviando a inexistencia de tal cousa en tanto non hai dignidade posible na explotación de empregadoras cara a empregadas–.

Se asumimos que a clase obreira todo o produce e polo tanto a ela todo pertence, asumimos tamén que a apropiación da nosa forza de traballo non pode categorizarse baixo ningunha circunstancia, teña parellas as condicións que teña, como “digna”. Traducir a situación de desamparo da nosa clase –especialmente das máis novas– nunha reivindicación de “menor precariedade” é un erro no que non podemos caer. O problema está xa xeneralizado e golpea violentamente a nosa xeración: combatámolo sen caer na superficialidade nin no dogmatismo. O noso tempo, para nós mesmas.