Unha xeración perdida ou unha oportunidade perdida?

Unha xeración perdida ou unha oportunidade perdida?

A finais do mes pasado a central sindical nacionalista denunciaba que un de cada tres mozos atópase no paro, que a ocupación entre os menores de 30 anos baixou un 25% fronte ao 3% do resto dos colectivos dende o 2007, que teñen contratos temporais que non pasan dos tres meses e son os peores remunerados, non superando os 11.000 euros anuais.

Dúas semanas mais tarde a Organización Internacional do Traballo denunciaba que o desemprego xuvenil achegara ao nivel máis alto na historia e agardaba que seguiría medrando durante o ano 2010. Tanto un como outro informe coincidían nun aspecto crítico como é que a mocidade é o colectivo máis perxudicado polo impacto da crise económica e existe unha preocupante relación entre o nivel de formación e a calidade do emprego.


,
Neste contexto temos que salientar que a diminución do peso do número de persoas menores de trinta anos é moi significativo dentro do conxunto da poboación activa e está por arriba de outros grupos de idade, tendo unha perda constante e é un síntoma representativo da perda de habitantes.


,
É máis, se analizamos os datos do cadro adxunto podemos ver como nun so ano gobernado polo Partido Popular, a mocidade é o sector de idade máis golpeado pola crise e a política laboral nefasta desenvolta polo Goberno da Xunta. O descenso do peso da mocidade ocupada representa o 62´89% do total, podendo afirmar que case que dous de cada tres empregos perdidos estaban ocupados por persoas mozas.

A súa vez, debemos ter en conta un dato salientábel e que moitas veces non se fai uso del dun xeito intencionado como é o número de afiliados á Seguridade Social. Este dato evidencia categoricamente si hai incremento ou diminución das persoas que realmente están traballando. Se ollamos o cadro seguinte podemos apreciar unha baixada significativa de 22.640 persoas menos que están afiliadas a Seguridade Social, pero destas un 90,55% son empregos que estaban ocupadas por xente moza e que se perderon.


,
Ante esta situación xa hai teóricos que falan dunha "xeración perdida", como se a responsabilidade fose na súa totalidade da xuventude. Nada mais lonxe da realidade; as escasas oportunidades de traballo xunto a unhas condicións tremendamente precarias mostra que un mozo ou moza que quere traballar e emanciparse non o pode facer e a única alternativa que lle queda é a busca dun emprego fora da súa terra. Iso si, estamos a falar da xeración mais preparada,

Non é casual que o nacionalismo galego sexa a única forza política actuante no noso País que se ten oposto de xeito frontal á reforma laboral impulsada polo Goberno estatal e consentida polo partido gobernante na Galiza. A prolongación do contrato de formación ata os 24 prolonga á mocidade na súa situación de precariedade.

Mención aparte merece o capitulo de bonificacións nos contratos para a xente moza. Tanto no texto do real decreto de medidas urxentes para a reforma do mercado do traballo como no texto asinado na Mesa Xeral do Diálogo Social na Galiza falase de perpetuar esta situación mediante a bonificación das cotas a seguridade social (real decreto) ou mediante subvencións de entre 2.000 e 4.950 €, cando a realidade ten constatado que as bonificacións foron e son un fracaso que non serviron para reconducir a situación de precariedade. Todo mais representan unha transferencia de rendas da sociedade, nomeadamente das persoas asalariadas, cara o empresariado.

A situación non pode ser mais desalentadora pero a advertencia é moi clara; o desemprego, as condicións precarias e o desánimo xerado teñen un impacto negativo na xuventude a curto, medio e longo prazo e pode comprometer as posibilidades da empregabilidade no futuro, como pode ser a busca ou o rexeitamento dun emprego así como implicacións sociais importantes relacionadas coa exclusión, a delincuencia e a tensión social.

A mocidade non so é o futuro, senón tamén representan o impulso do desenvolvemento económico e social. Desaproveitar esta enerxía representa unha perda insustituíbel que pode deteriorar a estabilidade social e, a súa vez, o esforzo que realizou toda unha sociedade mediante a educación e a formación non reverte no seu beneficio.

Non é indiferente a política laboral que se practique nin é casual a perda de emprego. O camiño pasa necesariamente por reformular as políticas de emprego e formación xuvenil, coa participación directa dos axentes sociais e das entidades representativas da mocidade que teñan como obxectivo o incremento do nivel formativo, a mellorara da súa capacidade profesional e o dereito irrenunciábel a ter un posto de traballo digno e estábel na nosa terra. Cecais o mellor argumento para manter este postulado sexan os resultados acadados polo actual Goberno galego medíante a destrución de postos de traballo da mocidade e a rebaixa da súa taxa de actividade. Non é o fracaso dunha xeración é o fracaso dun xeito de actuar e de gobernar de costas aos problemas e as necesidades da inmensa maioría da poboación

So así será o mellor método para combater a idea de que esta xeración non so esta perdida senón que é a mellor e esta o suficientemente preparada para enfrontar e asumir os desafíos presentes e futuros mediante a participación sociopolítica e a posta en valor da súa capacidade e formación. Así é o resultado dun compromiso colectivo para co País e o trunfo da xeneración que ten depositado nas súas mans o futuro de Galiza como Nación de seu. Do contrario será unha oportunidade da cidadanía galega.