Unha Terra sen nome


Vén de presentarse “Os nomes da Estrada” de Clara Iglesias, e con ocasión deste traballo que trata dun dos concellos que alberga máis topónimos do Estado tivemos oportunidade de debater sobre este importante patrimonio inmaterial que posuímos, mais tamén sobre outras consideracións que se nos suxiren ao fío desta cuestión.

Na presentación interviu
" target="_blank" rel="noopener">Calros Solla, quen se define a si mesmo e ironicamente como apátrida desde que o seu concello, Cerdedo, fose disolvido recentemente por orde do seu alcalde a cambio de que este recibira unha acta de Deputado. De feito recibiu dúas e tivo que escoller entre o parlamento Galego ou Español, optando finalmente por quedar no Pazo do Hórreo. Sobre esta cuestión quería chamar a atención de que nos últimos tempos en todo o Estado só se produciron segregacións de concellos (7 desde 2014). Só na Galiza se producen fusións. Estas son exhibidas de xeito propagandístico como un intento de racionalizar a administración e economizar. A imaxe que se proxecta está clara: 313 custan menos que 314. Pero para que isto se perciba así hai que partir do prexuízo de que os galegos somos unha carga para o Estado. Senón como se entende que só na provincia de Burgos haxa 371 concellos e en Salamanca 362, e que ninguén se queixe. Mais non é só unha cuestión de que non dan as contas. Tamén hai que ver como se fan estas fusións para entender a intencionalidade de quen as perpetra. Existindo un Plan de Comarcalización, uns partidos Xudiciais, etc... como é que a hora de facer as unións a única cuestión que se ten en conta é a conveniencia persoal dos alcaldes, nin sequera a vontade dos veciños (xa que ningún se presentara as eleccións con isto no seu programa). O caso é que un Concello de Terra de Montes pasa a esgazar da súa comarca e no canto de fundirse co outro, con Forcarei, acaba por integrarse en Cotobade. E con isto ademais logran desarraigar aos seus habitantes dun pasado común sedimentado baixo o nome do que se deu en chamar Tabeirós-Terra de Montes, que de impoñerse a estratexia de demolición das identidades colectivas significativas e que nos vinculan co pasado que explica o presente, teríamos que comezar a chamar tamén Tabarnia ou outro polo estilo que non signifique nada en canto ao territorio que sinala pola existencia dalgún tipo de trazo histórico ou sociocultural compartido. Mais xa foron Tabarnias os Concellos e Tabernias foron as provincias e máis Tabarnias virán co fin de contraprogramar calquera intento de sentirse membro dunha comunidade que vén de vello, dun pobo derrotado que leva séculos tentando erguer a cabeza, dunha colectividade que no presente nos interpela para esixirnos que nos responsabilicemos de mellorar o pasado.

Calros Solla pateando o territorio atopouse cos nomes que acompañaban os achados que o colectivo Capitán Gosende ao que pertence ía dando a coñecer. Dan conta de cando o patrimonio material respiraba un bafo que se condensaba en palabras. Hoxe as pedras quedaron sen alento. A respiración artificial que desde o asociacionismo se lles pretende dar quizais as logren reanimar. Por este activo comando de Cerdedo non vai quedar.

Manuel Cabada Castro tamén interviu na presentación desta obra lembrando como este intento de borrarnos do mapa vén de vello. A súa parroquia, Sabucedo, de nome hoxe internacional pola súa recoñecida rapa, xa se pretendeu deturpar moi cedo. Sinala este filósofo como se inventaban palabras, que nin sequera existían no castelán, para desarraigar o nome da súa orixe asentada no fitotopónimo do que carecían os invasores: Sabugueiro.

Finalmente
" target="_blank" rel="noopener">Clara Iglesias expuxo de xeito didáctico o importante que é a toponimia para saber de nós, e como a orixe dos nomes pode permitirnos comprender mellor a nosa historia, o moito que fomos, o que perdemos, o que merecemos, o que teremos que restituír, o que nos define, o que nos acompaña, o que nos permite organizar o noso mundo ao noso xeito e segundo nos fomos relacionando ou deixando de relacionar con el. O esforzo de poñer luz nisto é a prolongación do seu traballo á fronte da Asociación Cultural “Vagalumes” no que un grupo de amigos e amigas do país estamos desde hai anos a desenvolver un labor de resistencia á extinción que xurdiu no seo de “Queremos Galego!” como resposta á agresión contra a nosa lingua.

Daquela quedou en evidencia que non podíamos fiarnos das institucións nin do traballo institucional para delegar nel a defensa do país. A estas, en mans dos inimigos da nosa lingua, cumpría contrarrestalas co asociacionismo cultural que fora esmorecendo nos últimos tempos a medida que unha inxenua ideoloxía do progreso se instalaba entre quen consideraba que de xeito acumulativo abondaba cos pasos que se daban por enriba de eleccións en eleccións.

Compre dicir neste sentido que “Os nomes da Estrada” enmárcase nunha concepción militante da ciencia. É militante porque a autora podía dedicar os esforzos a centos de tarefas menos gravosas e arriscadas e optou por meterlle dente a este tema tan controvertido pero necesario para o noso país. É ciencia porque se pon a disposición do debate público e recolle o que os demais estudosos achegan co fin de que se avance na descuberta de respostas racionais e compartidas ás interrogantes que aínda neste campo existen.

Mais o fundamental é que con esta obra topamos máis unha achega para tomar conciencia do que se perde coa vitoria dos que quixeran que a nosa fose unha Terra innominábel.