UNHA RESPOSTA NATURAL
O resultado das eleccións catalás, tendo en conta as circunstancias internas e externas a Cataluña, parece lóxico e, seguramente, o máis acorde co que o país necesita neste momento, alén de algúns aspectos discutíbeis. Lóxico, porque non cabía máis que unha reacción de defensa do autogoberno do país, do seu dereito a decidir, da súa lingua e da súa cultura. As agresións e incomprensións dos aparatos de poder do Estado, desde o Goberno ao poder xudicial, pasando pola xenreira do Partido Popular, co Estatut de Nación aprobado polo Parlament, tiñan que provocar unha reacción de autodefensa e de afirmación da vontade política propia, tamén nas urnas. Natural que o nacionalismo catalán saíse robustecido da acometida. En conxunto, as forzas nacionalistas sitúanse sobre o 50% dos votos emitidos, mentres que no 2006 acadaron o 45%. As alternativas non nacionalistas, no seu conxunto, sitúanse sobre o 42%, mentres que no 2006 superaron lixeiramente o 50%. Cabe termos presente que a participación popular foi superior en 4 puntos á do anterior proceso electoral.
No espectro nacionalista, o voto formalmente independentista repártese entre CiU, ERC e Solidaritat Catalana. Deste espectro, o partido damnificado, sen dúbida pola súa participación e actuación no tripartito e por problemas internos, foi ERC, do que saíron votos en dirección ao primeiro e ao último. A lectura é obvia: o nacionalismo catalán está agora máis proclive a enunciar alternativas soberanistas, após o resultado da última experiencia estatutaria. Porén, tamén tende a concentrarse pragmaticamente en quen se considera ten a capacidade de aglutinar e gobernar en Cataluña. O retrato final da sociedade catalá representa unha maior vontade para superar a estrutura institucional do Estado español, mais tamén indica que as propostas de celebracións de referendos de autodeterminación deben meditarse con máis cautela e precaución.
A melloría do Partido Popular non o coloca porcentualmente por enriba dos seus resultados de 1995 (13%), malia obteren un deputado máis que entón. Uns resultados que non son para cacarexar, se ben indican que está a atraer o españolismo máis aceirado. Neste aspecto vai ser sintomático comprobar como o PSOE-PSC sairá das eleccións xerais, após estes resultados das autonómicas, o peor da súa historia. Cantos dos seus votos foron ao PP, alén dos que se conduciron cara CiU?.
Pode haber quen teña tentación de facer a lectura de que en Cataluña gañou a dereita, seguindo estereotipos cómodos para a cultura política española. Non sería desde logo, nin sequera, unha dereita máis á dereita que o PSOE, no plano económico e no social. CiU non chegou aínda a aceptar o recorte das pensións do Goberno Zapatero. Alén disto, é obvia a súa imposibilidade de entendemento cun PP que manteña o discurso e a práctica de hostilidade en contra dun Estado das autonomías que se conciba con autogobernos con capacidade política, e non como mera descentralización administrativa. Unha tendencia que corroe tamén ao PSOE e que está a facer a cada paso máis inviábel a dualidade na que se movía o PSC. Como se ve, as contradicións están servidas. Polo demais, un goberno de CiU non é de pleno agrado para a oligarquía que se reuniu con Zapatero o 27 de novembro na Moncloa, por moito que o nacionalismo catalán hexemónico se esforce por congraciarse con ela. Precisamente esta oligarquía española, incluída a que ten orixe catalá, repite, con desagradábel e incisiva insistencia, que "el Estado de las Autonomías es insostenible por el alto nivel de gastos que genera". Certamente non é esta a causa que os alporiza, alén de ser falsa. A causa está en que os seus negocios non se acomodan ben a un autogoberno real das nacións sen estado, á vontade de decidir dos pobos e á tendencia, implícita ou explícita, dos nacionalismos a estaren máis apegados aos intereses das sociedades concretas representando así unha molestia no proceso de globalización...
Para Galiza non vén mal este resultado electoral. Representa un aliciente construtivo para aguilloar á sociedade galega a mirar para si e asumir que tamén é un pobo capaz e que o nacionalismo é a única alternativa que pode representar os seus intereses. Tamén é unha muralla contra as agresións que, en materia cultural e lingüística, e contra o autogoberno, se enuncian desde o PP, e co mal disimulado seguidismo, en gran parte polo PSOE. O Goberno español aproveita mesmo a actual situación económica para recentralizar o Estado. O nacionalismo galego, sen esquecer o noso contexto específico e o estado de consciencia da nosa sociedade, debe actuar, como xa o está a facer, ao servizo das necesidades do país, e intentando que medre a nosa autoestima. A idea de que somos unha nación, que temos unha lingua merecentes de ser realmente oficial no país, que posuímos Historia propia, que non se nos pode agochar, que a capacidade de decisión é esencial, moito máis nesta crise do capitalismo globalizador, teñen que seguir caracterizando o noso discurso e a nosa práctica. A actual situación política só pode enfrontarse acaidamente apoiando o nacionalismo galego, pois é a única alternativa de inequívoco contido popular, totalmente antagónica ás pretensións e os obxectivos que os 37 oligarcas, algún deles de ubicación galega, teñen expresado a Zapatero. En consecuencia, o nacionalismo galego é a única esquerda posíbel na Galiza, entendendo por tal o servizo aos intereses do pobo, aos intereses da maioría da nación, sen inxerencias nin subordinacións alleas. Afortunadamente, as contradicións que vive no terreo político, social, económico e cultural o Estado español non van ser eliminadas polos que perseguen un estado centralista, unha lingua única, unha soa nación imperial e o entreguismo aos poderes e aos espazos globalizados. A sociedade galega, a nación galega, que vive de forma crítica esta situación, necesita unha alternativa propia e xenuína como a do Bloque Nacionalista Galego. Este ten que ser o alicerce do noso discurso. Salvando todas as distancias e diferenzas, o resultado das eleccións autonómicas en Cataluña aporta oxíxeno, sen eximirnos de que todo dependerá do noso esforzo.