Unha reforma apurada contra a universidade pública

3+2? 4+1? 3+1+1? 3+1? 4+2? Só 3? Só 4? “Adepende?” A mesma titulación aquí 4 cursos e na privada da esquina 3? A alguén lle vai chegar cun título de 3 anos para atopar traballo de calidade? Todo o alumnado que queira vai poder facer os dous anos de Mestrado? Por que Medicina e as Enxeñarías non reducen a duración dos estudos? Contribúe a reforma á internacionalización do estudantado? Facilita o acceso ao mercado laboral? Mellora a formación? É 3 = 4 -1? (Foi xa 4 = 5-1?)
Poderiamos pasarnos todo o artigo lanzando preguntas. Porque cada reforma educativa do ministro Wert e do PP só introduce interrogantes, nunca respostas ou solucións. Só nos levan a falacias e sen sentidos que apuntan a uns obxectivos ocultos pero claros: deterioro do sistema público de ensino, abaratamento do sistema universitario, diminuir os recursos e o profesorado (xa non falemos do número de investigadores...), promocionar o ensino privado e conseguir que principalmente sexan as elites con máis recursos as que podan cursar os mellores estudos de posgrao que logo lles permitirán acceder aos mellores postos de traballo ao estaren máis cualificados academicamente. Unha vez máis parece que o interese do PP é convertir a educación nunha fábrica de cidadáns modelados segundo as necesidades do mercado e clasista.
Apenas hai uns poucos cursos que está vixente o sistema coñecido como “Plan Bolonia”, aprobado no 2007, que afondaba na adaptación do sistema universitario español ao “Espazo Europeo de Educación Superior”. Isto quere dicir que naqueles estudos que adaptaron as licenciaturas aos graos, esán saíndo aínda os primeiros egresados que completaron os estudos segundo o novo plan. Como reclama a Conferencia de Rectores de Universidades Españolas (CRUE), partidos políticos e sindicatos, non houbo tempo para avaliar se os graos de catro anos funcionan. Os rectores e moitas comunidades –incluso gobernadas polo PP- adían ao 2017 a transformación dos graos para que dea tempo a avaliar a implantación do Plan Bolonia e cuestionar e analizar devagar a adaptación a un novo sistema, que pode ter interese, pero que precisa sosego e estudo, non precipitación e caos. E moito diálogo coa comunidade educativa, aspecto que de novo (unha vez máis!) faltou completamente por parte do Ministerio.
A adaptación de xeito opcional por parte das universidades e gobernos autonómicos dos graos que actualmente duran catro anos a tres anos provocará que convivan no estado español e mesmo nunha comunidade as mesmas titulacións con catro e tres anos de duración. É pouco coherente que o partido defensor da cohesión “nacional” do estado español e que utiliza o argumento homoxeneizador na LOMCE para xustificar a imposición de currículos ou a necesidade de reválidas iguais en todo o estado, promova que dentro do mesmo estado e incluso dentro dunha mesma comunidade autónoma, o mesmo grao poda ter distinta duración. É unha desregularización absoluta, unha falta absoluta de planificación.
E a falacia do aforro para as familias: a devaluación dos títulos de grao ao pasaren de catro a tres anos revalorizará o mestrado, empurrando a quen poda pagalo a cursalo, ás veces tendo que solicitar empréstimos. En realidade supón un claro encarecemento do prezo total dos estudos que xa comezou coa modificación da LOE que supuxo un aumento das matrículas nas universidades públicas en 2012. O prezo dos créditos nos mestrados é moi superior aos do grao, puidendo chegar co 3+2 a triplicar o prezo da matrícula. Claro que aforrarán se só cursan tres anos. E máis se cursan dous, un ou ningún!
Si que é un aforro para as administracións. Un ano menos de grao supón unha diminución do alumnado e consecuentemente despedimentos de profesorado e acceso pechado a novos profesores, co agravamento envellamento do profesorado. Pero este aforro non significa un aumento de recursos para as universidades, nin da calidade. Da docencia ou da investigación.
E si que é un desvío claro de alumnado para as universidades privadas, centradas na docencia e especializadas xa hoxe en ofrecer mestrados. Actualmente xa escolarizan ao 30% dos estudantes de mestrado fronte ao 8% dos de grao. O número de universidades privadas aumenta cada ano, mentres que as públicas permanecen sen cambios.
O Decreto 3+2 afonda nos falsos mitos que comezaron co Plan Bolonia. Especialización, empregabilidade, flexibilidade, atención persoalizada... No papel todo moi bonito. Pero estes anos de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior mostrou unha realidade ben distinta e aínda sen avaliar coa debida profundidade.
O debate sobre a duración do grao debe vencellarse ao debate sobre a calidade. Podemos estar de acordo en que o sistema universitario precisa revisión, pero debe ser desde o diálogo e devagar, procurando o equilibrio entre cantidade, calidade e equidade.
Mentres non podemos ficar parados. Debemos amosar a nosa disconformidade coas maneiras autoritarias do Ministro de Educación e a súa premeditada destrución do ensino público a todos os niveis. O vindeiro martes 24 de marzo temos unha boa ocasión para mostrar que as Universidades galegas teñen voz propia.,
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.