Unha reflexión ao redor da legalización do cannabis

Cando se pretende abordar un tema polémico — e non hai no ámbito social moitos que o sexan máis do que a legalización/descriminalización do cannabis, cuxa proibición é, de facto, relativamente recente—, cabe de saída evitar o enrocamento dos apriorismos ideolóxicos, que só levan a fechar filas e atrincheirarse no campo do non ou do si. Non se pode reducir a cuestión a unha dicotomía simplista de branco ou preto, mais resulta indispensábel explorar toda a rexión cincenta intermedia que o tema encerra, apreendendo todos os matices e argumentos dun lado e do outro para chegar a unha conclusión razoada e razoábel.
Comezamos, pois, por un dos argumentos que amiúde se esgrime en prol da despenalización do cannabis, nomeadamente os beneficios que teñen algúns dos seus moitos principios activos e outros canabinoides sintéticos (por exemplo, a nabilona). Por exemplo, desde o 2010, o nabiximol (de nome comercial Sativex), cuxos principios activos son o tetrahidrocannabinol (THC) e o canabidiol (CBD), pódese xa prescribir no Estado español para o tratamento sintomático da esclerose múltipla nos casos en que non hai resposta a outros fármacos.
O recente caso no norte da Irlanda dun neno de 12 anos a quen se negou nun principio o acceso ao THC para tratar a epilepsia farmacorresistente que poñía a súa vida en perigo revela claramente o absurdo que resulta negar o uso médico de derivados do cannabis. Un rexeitamento ilóxico cando se contrasta co facto de se receitar ao mesmo tempo morfina e outros opioides a diario, sen falar do flaxelo social que constitui a prescrición irracional e indiscriminada de ansiolíticos (benzodiazepinas), sobretodo en mulleres de avanzada idade (a medicina tamén ten xénero...), que frecuentemente crían unha dependencia que desemboca nunha síndrome de abstinencia severa ao seren retirados.
Ora ben, non se deben confundir allos con bugallos. Se ben é certo que os derivados do cannabis teñen unha serie de aplicacións terapéuticas innegábeis que o tabú que paira sobre esta planta impede investigar e desenvolver (para maior lucro das grandes farmacéuticas...), de aí a afirmar que, portanto, se debería despenalizar o seu uso recreativo hai un salto moi grande, do mesmo xeito que non abundan as voces que argumentarían que se debería permitir a venda libre da morfina ou da metadona partindo do seu uso medicinal.
No que se refere ao seu uso recreativo, coido que se debe refusar as posturas ultraliberais que proclaman que cada quen é libre de facer o que quixer co seu corpo, mesmo se isto entraña consecuencias que se saben negativas, daniñas e mesmo perigosas. O Estado non pode fuxir à súa responsabilidade de velar —sen paternalismos mal entendidos— polo ben-estar das súas cidadás en todos os ámbitos da vida (laboral, sanitario, educativo...). E non poderá ser doutro xeito tamén na futura República da Galiza que tanto arelamos.
Polo tanto, non se deben obviar as posíbeis consecuencias negativas que implica introducir calquer elemento deste tipo no corpo humano, xa que nengunha substancia psicoativa é totalmente inocua.
Podería argumentarse que, ante a realidade da despenalización de facto do cannabis que existe na actualidade dada a indefinición legal imperante, a única solución lóxica e sensata pasa pola súa legalización de iure. No entanto, e aínda sendo así, non se pode —nen se debe— fechar os ollos ante os riscos potenciais do seu consumo, entre os que se inclúen os seguintes:
O uso habitual do cannabis en adolescentes pode repercutir negativamente no rendemento académico, pola súa relación coa deterioración da memoria a curto prazo (dito sexa de paso que debo recoñecer que tendo a acreditar bastante máis nos estudos científicos do que se publica nos sitios web que venden produtos relacionados coa marihuana...).
Un uso prolongado pode levar à dependencia (afección coñecida como ‘trastorno por uso de cannabis’ ou CUD), alén de aumentar o risco de desenvolver psicose e esquizofrenia, moi especialmente en persoas con predisposición xenética.
De xeito nengún se trata de cuestións menores, e tórnase esencial lembrar que cada individuo reacciona de maneira diferente ante unha substancia psicotrópica. Así pois, os efeitos do seu uso non van ser sempre nen necesariamente positivos nen pracenteiros, e o facto de que o cannabis poida ser posibelmente menos nocivo do que o tabaco, o alcol ou mesmo o azúcar refinado non significa que resulte, portanto, inofensivo.
Nestas circunstancias, aínda que a legalización do cannabis traería consigo beneficios claros como o controlo da calidade do que (inevitabelmente) se consume e a conseguinte redución do risco para a saúde pública, ou a erradicación da súa relación co narcotráfico ilegal, o crime e a delincuencia, non podemos esquecer outros probábeis efeitos menos favorábeis como os xa mencionados ou un posíbel aumento do seu uso, co correspondente risco individual e social de desenvolvemento de hepatopatías ou de a sinistralidade por accidentes rodoviarios se ver exacerbada.
En todo o caso, para fomentar un uso responsábel cumpre sempre sopesar todos os aspectos, sen esquecer os posíbeis efeitos negativos. Noutras palabras, calquer proposta en prol da despenalización do uso recreativo do cannabis deberá sempre ir acompañada dunha campaña informativa integral co fin de minimizar calquer dano potencial.