Unha parroquia, un territorio, un lugar, un Pobo

Unha parroquia, un territorio, un lugar, un Pobo
"Os españois nin entenden a nosa cultura, nin entenden o noso idioma, nin si quer comen como nós" Razón ten esta compañeira de Ferrol cando relembra a Moncho Reboiras como mártir da nosa Nazón. Cultura? Que cultura nos van a amosar, nos van a ensinar os españois si tan si quer nos poden ensinar o primeiro que se lle ensina a un neno, a comer? Recordamos fai anos que nos querían facer asumir o que chamaban acervo europeo? Cal, o das guerras, o das desestabilizacións e conspiracións, o dos crimes, o dos imperios que inda hoxe masacran África e outros territorios? A grande diferenza entre o gótico dos países europeos e o de Galiza é que alí practicamente non queda ningún orixinal, destruírono todo naquilo que si é o seu gran acervo, non é precisamente facer o amor, senón a guerra… Non é que pretendan os españolizadores todos (de dereitas, de esquerdas, abertos, modernos, internacionalistas…) borrar a memoria histórica, o que queren é borrar a memoria dun pobo con historia, para estes sería dabondo o sistema das reservas que aplicaron os desbastadores europeos de México para o norte, situadas nos Ancares e algo preto de Compostela para amosarlles aos peregrinos. Si acaso unha tribo de marisqueo ou de pesca da lamprea…

O idioma é o mais identitario pero é a embigueira, a raigaña principal da árbore galega. Mais non lles abonda, quedan aínda despois de tronzada a principal esas raiceiras que forman os trenzados de nervios fronte as enchentes e erosión. Aínda quedan as reigadas nesas corgas profundas que pingan fervenzas cara os ríos. Conta un conto infantil que ate a caperuchiña vermella se decatou que estaba nun territorio diferente cando apañaba flores para a súa mamaíña e de golpe deixou de dicir “unha flor grande, unha flor pequeniña!” e, de pronto, rombou: “carallo, un toxo”!... Somos tanto de “Sitio distinto” que nin a Antón Reixa nin a Rajoy lle deixan ter presidencias en Madrid...

Por un apartado dese grande-pequeno territorio ou nazón irredenta quero pasar eu, non coa finalidade de laiarme, aínda que o pareza, si non coa de axudar a presentar limpo, e brillante a un SER GALEGO, que algúns borraron de Patria para pasalo a matria co fin metelo na familia política. Poñendo a atención no que Manuel María chamaba “andando a terra” e sen saírse do rural atopamos unha Galiza cun pasado tan fértil e xeneroso que nos pide a berros que pola súa vida nos dará mil vidas, que impidamos que o asasinen, que impidamos que nos asasinen a nos tamén. Fagamos o noso corpo cos nosos barros, coas nosas arxilas.

A TRADICIÓN ORAL:


Que fonte máis limpa para que os nosos nenos e nenas abran os misterios da vida e da natureza que a nosa propia tradición oral coo seus contos lendas e fabulacións ¿Canto por recoller e canto máis por utilizar. Cantos xogos colectivos, cantos enredos, canto mundo natural por coñecer e admirar! Estou seguro que hai nenos na Galiza que pensan que o leite nace no cartón. Canta música popular creada ou creándose pero ao mesmo tempo soterrándose con mediocridade ou con cousas que nin se asoman ao arte! A Radio Galega ten unha frecuencia que se chama RGM; que galega, que música? Podemos gozar en Galiza da profundidade e sentimento de país dos mellores humoristas. Está cando menos a literatura e comunicación nacionalista preto das súas mensaxes? Esforzándonos un pouco máis a música ou as artes da representación non poderían estar mais presentes nas festas populares?

A TOPONIMIA E A MICRO-TOPONIMIA:


Comezou a facerse fai anos un valioso traballo entre a Xunta, a Universidade e outras institucións para rescatar eses milleiros de nomes e marcas de historia que ten cada anaco da nosa pel da terra (Sarria por dicir algo máis de dez mil micro-topónimos). Faltoulle tempo a este goberno para borrar do mapa toda esta memoria.

,A NOSA FLORA:

Sen meternos xa co universo da fauna e achegándonos simplemente á flora coa que convivimos van quedando polo camiño todos os saberes de plantas e de herbas incluídas ás que xa coñecían os nosos ilustrados e tamén a sabedoría das nosas vellas e vellos. Enxames de insectos van de árbore a árbore e de arbusto en arbusto e calquera época do ano xuntando o mel chamado de mil flores das froitas de mil variedades. Ten moito valor o pouco que se fixo en Mabegondo e Universidade na chamada “Colección de Cultivares Autóctonos galegos de Maceira do Banco de Xermoplasma de Mabegondo” dende Guísamo o as terras do Eume seguen a facerse esforzos coas variedades de froitas, incluída a viticultura, para non perder tesouros vivos do noso paraíso vexetal. Tiveron que pasar anos para decatarse de novo que as variedades foráneas substituídas despois da filoxera non tiñan moita da valía do que deixaramos atrás. Nomes como a Seara ou Celeiro recordan a manchea coa que a deusa dos cereais sementaba o noso pais cando hoxe nos vemos na pobreza de descargar millo e fabas transxénicas nos nosos portos e nin temos frutificando aquelas variedades que a Misión Biolóxica preparou antes da sublevación fascista do 36. Nin a avena, nin cebada, nin centeo, nin trigos grandal e serodio que poboaron as nosas chairas e as nosas encostas.

Se despois de baixar cara o monte baixamos cara o río escoitamos as queixas ben fundadas de quen aínda vivos recordan en cada treito da auga unha fonte de proteína de alimento e de vida: troitas, reos, anguías, cangrexos (ate aquí ten que ser un americano acoirazado quen substitúe o noso cangrexo de río). Só faltaque alguén considere nostalxia procurar termar da riqueza do noso medio ambiente.

Neses mesmos ríos conxúranse os avarentos donos das eléctricas para matar o restos da historia dos muíños, dos caneiros, das pesqueiras ou das franxas limpas e verdes que nos Ancares ou nas beiras do Arnego do Navia ou do Lérez construían a mellor peza vexetal dos nosos montes, o mellor alimento dos nosos rabaños e os mellores cortalumes. Moito esforzo ten moita xente que estar facendo para conservar as ovellas, as vacas, os bois, os cabalos e ate o laborioso e dilixente burro fariñeiro.

Chegaron as razas industriais de toda parte sen máis mérito que o de entrar nun país colonizado onde o de fóra é bo só por iso e o da casa debe desaparecer só por iso. A pouco que seleccionemos algunha raza decatámonos de que vale porque os de fora fannolo saber. Tivemos aínda xente que non evita referirse a alguén de fóra para collelo como superior así hai quen di querer ter viños como na Rioxa, froitas como no Bierzo, cogomelos como en Cataluña, madeiras como Francia ou trigo como en Castela. Nos gobernantes non hai pega temos unha raza da idade media e non sufriu ningún cruzamento.

Non podiamos esquecernos de que no país dos “Comedores de Patacas” si queremos a semente daquelas excelentes variedades que encheron moitos vagóns do tren como A Cazona temos que ir o Pais Vasco a coñecer esa variedade. Aínda que os españois nos metesen o complexo de superioridade (de España) sobre Portugal temos que ir xa a Portugal para aprender, e podendo ser rápido do cultivo da castaña ou do rendemento de variedades como a Xudía ou a Famosa. Somo conscientes de que están derrubando sen compaixón até os muros físicos dos nosos centros de investigación e formación agraria (Mabegondo, Guísamo, Escola de Alta Montaña de Becerreá...).

Merece unha chamada de S.O.S deixar memoria, aínda que só sexa gráfica do arte a mestría e a cultura que queda en moitos pequenos lugares das nosas aldeas aínda que nada máis podamos retratar a súas portas ao exterior ou o entorno deses eternos lugares encravados nos propios castros ou nos seus arredores.

CONCLUSIÓN:

Non se trata dun laio desesperado nin dun pensamento conservador e fatalista como o dos que vimos a criticar senón todo o contrario estamos a tempo de impedir o suicidio dun País vivo aos ollos doutros pobos e doutras xentes que tamén sufriron estas mesmas pestes e estes mesmos atumes.