Unha mirada en positivo dos resultados electorais

Unha mirada en positivo dos resultados electorais

Antes, e moito máis despois de calquera proceso electoral, vivimos o usual debate de datos e números, de cifras e porcentaxes. Algunhas desas cifras encaixadas nas enquisas agoiraban que o BNG podía perder a representación do nacionalismo galego no parlamento do Estado. Certo é tamén que había quen quería asumir neses prognósticos un esperado desenlace co que alimentar argumentos de desgaste interno. Pero non vou perder eu máis tinta e letras en comentar tal despropósito.

Son das que afirmo e sosteño que na situación e circunstancias nas que se deu este proceso electoral, e aínda cunha perda de 28472 votos (reconto do voto emigrante incluído), que o BNG fose capaz de conservar os seus deputado/a e a porcentaxe de voto nunhas eleccións xerais, pode considerarse con convencemento e criterio un resultado positivo para o nacionalismo e para o país. Conservar a representación parlamentaria era o obxectivo que nos marcaramos. Supoño que se poderá considerar máis ou menos ambicioso, pero o certo é que foi o que a organización asumiu colectivamente. Galiza segue conservando a súa voz no parlamento de Madrid e a defensa dos intereses dos galegos e das galegas vai seguir presente.

Hai quen quererá comparar os nosos resultados cos logrados por outras formacións nacionalistas de Euskadi, Cataluña ou mesmo Canarias, aínda sabendo das diferenzas da nosa sociedade respecto daquelas e que aínda poñen en máis valor o apoio recibido polo BNG. Pero mesmo nesa perspectiva, cómpre ter en conta varios datos. No ámbito de Cataluña, a formación que máis deputados/as gaña é CIU, pero cun apoio en votos moi debaixo do 1.284.000 do ano 2004 (precisamente o primeiro proceso no que gañou as eleccións Zapatero). No ámbito da esquerda, ERC que se presentaba conxuntamente con Reagrupament, perde máis de 47.000 votos, e conserva o seu deputado por Girona por pouco máis de 150 votos. Se de Euskadi falamos o PNV perde un deputado malia subir en votos e Amaiur logra 7 deputados/as. Resultado este último previsíbel se temos en conta o momento no que se produciron estas eleccións, a confluencia de organizacións políticas (Aralar, Eusko Alkartasuna,...) e se non esquecemos a capacidade de mobilización da esquerda abertzale que logrou, por exemplo, que o concello de Aduna (preto de Donosti) quedase sen corporación municipal porque o 96 % dos seus veciños votou en branco fronte aos 12 votos da única candidatura presentada, do PP.

E hai quen buscará na suba de IU o dardo preciso para danar o esforzo e o traballo da militancia e dos simpatizantes do BNG que lograron manter a confianza de case 185.000 galegos e galegas nun contexto de ascenso patente da dereita en todo o Estado. Velaí, -e sen entrar en maiores disquisicións ideolóxicas-, a maioría absoluta do PP, o ascenso de UPyD, o deputado que logra a formación de Álvarez Cascos en Asturias ou os máis de 43.000 votos do Partido Rexionalista de Cantabria. Por certo, e máis alá da necesaria preocupación pola suba de IU na Galiza, cómpre tamén lembrar que un deses 11 deputados/as é da Chunta Aragonesista, 3 de Iniciativa per Catalunya e é preciso subliñar que na maioría daquelas circunscricións polas que logra representación ten unha importante perda en votos e porcentaxes en relación coas autonómicas de hai 7 meses, como é o caso da comunidade de Madrid (16.000 votos menos) ou respecto das municipais de maio: Málaga (19.000 votos menos), Sevilla (máis de 35.000 votos menos).

,Achegándonos ao país, e á parte do contexto xeral, quero poñer riba da mesa algúns factores máis. O primeiro, e malia fixarnos de primeiras nos datos de porcentaxe de abstención, subliñar que nestas eleccións votaron 203.700 electores menos do que o fixeron no ano 2008, aínda que o censo electoral total aumentou en máis de 50.000 persoas. O segundo, a demografía. Lugo e Ourense, ano tras ano e estatística tras estatística, perden poboación e continúan nunha dinámica de avellentamento dos seus habitantes que se reflicte tamén no comportamento electoral. Os resultados evidencian unha dinámica que se acentúa nos distintos procesos electorais e que se traduce nun maior apoio electoral ao PP a diferenza do que ocorre na costa, no occidente. A circunscrición de Lugo é a cuarta de todo o Estado na que máis aumenta a porcentaxe de voto ao PP, só por detrás de Melilla, Tenerife e Teruel. E Ourense a décima. Pola contra, a de Lugo ocupa o número 37 no listado de circunscricións nas que perde voto o PSOE.

Seguramente esta non é a única causa pola que descendemos en votos na provincia de Lugo, pero o certo é que os datos reflicten que tal dinámica interior-costa de Galiza, volve repetirse na dinámica interior-costa de Lugo. E son evidentes as diferenzas nas pirámides de idade entre a Coruña e Pontevedra respecto de Lugo e Ourense, como tamén o son entre a maior parte dos concellos da Mariña e a maior parte dos do interior. Velaquí algúns datos da comarca Lugo-centro a ter en conta e que poden botar luz sobre a cuestión e que indican tamén para onde puido marchar o voto que perdeu o PSOE. Dos trinta e sete concellos da comarca, en vintetrés deles o PP logrou máis do 60 % dos votos e en trece deses vintetrés, máis do 65 %. Deses trinta e sete concellos, en cinco deles, o PP sobe con relación ás municipais 20 puntos na porcentaxe de voto. E respecto desas municipais, noutros quince sobe entre un 10 % e un 15 %, e noutros dez aumenta esa porcentaxe de voto máis dun 5 %.

Como se pode ver, as análises e interpretacións dos resultados obtidos polo BNG dan para moito, e poden axudar se se fan con ánimo de mellorar as cousas e non co ánimo destructivo de quen quere convencernos de que estas xerais foron unha desfeita para o nacionalismo galego. Xa sei que non chega só con resistir e manterse, pero desde logo é realmente positivo lograr facelo no contexto actual, e non falo só do externo.

Cando non existe xa non apoio senón neutralidade nos medios de comunicación nin se conta con unidade interna, todo se volve na nosa contra. E cando desde dentro se pode interpretar que hai interese por destruír e non por construír, pouco máis podemos esperar. Cando falta o máis mínimo sentido común para poñer en valor aquilo que a propia sociedade considera aceptable, non podemos esperar medrar no futuro.