Unha marmota chamada España
Os resultados das eleccións xerais do pasado 26D confirmaron o que xa se sabía. O día da marmota no que semella estar instalada a política estatal, só visa que o statu quo fica intacto. O bipartidismo sistémico (PPSOE) lonxe de esfurricar, gañou alento, reforzando o seu papel para garantir que nada, absolutamente nada, se mova para alén do raquítico marco do posíbel, delimitado polos lindes xerais de toda democracia formal capitalista e pola inserción no euro, na UE e na OTAN.
Após o 20D fun dos que sostivo que malia que a aritmética parlamentar semellaba abrir novos escenarios, mantíñase vigorante a certeza de que pasese o que pasase gobernaría a Troika. Así foi daquela. Así volverá ser desta. Quer cun novo goberno do PP en minoría, quer cun improbábel goberno de coligazón PSOE-Ciudadanos permitido por Podemos, a política española continuará obedientemente ao ditado da clase dominante, como nos últimos 40 anos.
A pinchada electoral do novo reformismo socialdemócrata, resultado do sumatorio da fórmula catch-all de Podemos e das cinzas do eurocomunismo español organizado en IU, é un factor a ter en conta, mais nin de lonxe determinante. A proposta política de Unidos Podemos non avanzaba nin un milímetro sob a cuadrícula prefixada consubstancial ao PPSOE. A presenza destacada dun ex Jemad da OTAN, o rebaixe das propostas en materia social, laboral e económica, ou a indisimulada defensa da UE, do euro e da soberanía española (mesmo de Gibraltar!), non son un agiornamento táctico nin só electoral. O asalto aos ceos prometido demostrouse apenas un intento, sorprendente pola súa potencia, de forzar a alternancia no bipartidismo, apostando nunha nova transición a catro.
O 26X foi, a nivel estatal, un resultado frustrante. Non tanto pola súa tradución concreta, que tamén, senón sobre todo porque confirma, como moitas defendemos, o carácter irreformábel do actual Estado español, se non é pola vía da ruptura. A prometida nova transición, a reforma de España, vai camiño de ficar reducida a un pretendido relevo xeracional na dirección política do Estado. “Tranquilos, gobernaremos” esa é a mensaxe central hoxe. Para que, ao servizo de quen, tanto da. O importante é substituír actores, para refrescar o libreto da mesma obra teatral. A da farsa democrática, antisocial, españolista e imperialista, que Franco deixou atada e ben atada.
A política estatal fica recluída no seu propio canellón sen saída. Con muros erguidos sob a renuncia a transformacións radicais que ameacen o statu quo, as mesmas que só forzas soberanistas (para alén de partidos extraparlamentares) sostemos. Non é casualidade que canto máis se impuxo o enfoque estatal-español durante a longa campaña electoral (desde o 21D), ao límite de case converter estes comicios ao Congreso e ao Senado nunhas eleccións presidenciais á americana, sexa precisamente o bipartidismo sistémico do PPSOE quen saia reforzado, para que nada mude.
A invisibilidade de Galiza, dos problemas e necesidades do noso pobo, foi tan clamorosa como certamente inevitábel. O proceso de recentralización do Estado ten na imposición dunha axenda política uniforme o seu principal ponto de apoio. E infelizmente conta con complicidades por acción e por omisión, aquén do Padornelo. E todo, malia o titánico esforzo do BNG por poñer acima da mesa a oportunidade de que os e as galegas, puidésemos recuperar unha voz propia, firme, insubordinada e coherente en Madrid. Unha oportunidade perdida, mais non un drama.
Fico certo de que houbo moitos milleiros de compatriotas que decidiron, coa mellor das intencións, concentrar o seu voto para forzar un cambio no Estado. Foi un voto inútil na práctica, como amosan os resultados. Dobremente inútil, após a lección do 20D e o recunque do 26X. A invisibilidade de Galiza, volver poñer os problemas deste país, das súas clases populares, ao final da axenda non foi útil para nada. Só axudou a agravar a dependencia política da nosa nación.
O 26X presentaba unhas condicións inda máis difíciles e complexas para o nacionalismo. Á axenda estatal, amplificada pola telecracia orwelliana, engadíase tamén o feito de ter perdido a representación nos anteriores comicios, o que sen dúbida penalizou, máis, o voto nacionalista. Emporiso, os resultados do BNG foron, novamente, malos. Así o quixo a vontade popular.
No entanto, ao longo desta campaña e durante a xornada electoral moitas percibimos un ánimo ben diferente de cara ás decisivas eleccións galegas de outono. Moitas das persoas que creron estar votando "útil" pensando en chave estatal, recoñecen hoxe que nas galegas saben que o nacionalismo galego terá que ser unha forza determinante para derrotar a Feijóo e atinxirmos unha mudanza real, desde nós e para nós.
Os datos confirman esa tese. En Galiza houbo 44.902 votos ao BNG para o Congreso, mais o Bloque recibimos case o duplo de apoio para o senado, con 79.187 (sumando só os votos da nosa candidata máis votada en cada provincia). Un dato ben clarificador, de como o contexto se impuxo, mais sobre todo de que o noso proxecto de cambio, desde a esquerda e o nacionalismo, en defensa do país e da súas clases populares, ten inda hoxe un enorme potencial e merece de confianza e apoio de milleiros de galegos e galegas. Tamén de moitas que para o Congreso optaron por outras forzas, mais que de seguro en outono, pensando xa en chave de país, por e para Galiza, habemos lograr que se sumen xunto a outras moitas ao proxecto do BNG.
Mais iso exixe seguirmos a redobrar esforzos, poñer da nosa banda inda maior determinación e convicción no proxecto político de cambio que queremos representar, e tamén continuar a recuperar e consolidar a consistencia política perdida logo dalgúns anos de xiros e bandazos. Temos que afinar a nosa proposta político para o concreto e o inmediato, cun programa avanzado e audaz, mais temos que enraizalo como parte dun proxecto estratéxico, que sirva de horizonte de esperanza, coa sinceridade de que os problemas do povo traballador galego non se resolverán cun resultado electoral, pero que un mal resultado pode facer inviábel que a mudanza encete. Con claridade no discurso, sen ensimesmamento ideoloxista/esencialista pero sen complexos, falando con franqueza co noso povo, desde o propio povo.
As urnas poden reducir ou alargar a representación institucional do nacionalismo. Poden facernos goberno ou colocarnos na oposición. Poden facernos avanzar ou retroceder. Mais o fundamental non depende delas. Ningún resultado pode facernos arriar as nosas bandeiras. Ningún resultado pode facernos capitular da nosa inquebrantábel determinación por facermos posíbel a mudanza necesaria, por apostarmos nunha Galiza ceive e sen explotación. Por construírmos un país novo, de xustiza social, de emprego e salarios dignos, de igualdade. De prosperidade. De aí non nos baixamos. Ese, e non outro, é o sólido chan sob o que nos seguimos a botar a andar.
En marcha!
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.