Unha Inmaculada Constitución, cousas do centralismo e La Que Se Avecina por Cataluña

Unha Inmaculada Constitución, cousas do centralismo e La Que Se Avecina por Cataluña

Comezo por La Que Se Avecina. Vexo a serie televisiva que con gran acerto de moi bos protagonistas e guións hilarantes segue 10 anos despois con impresionante e demasiado miúda audiencia. Logo de Aquí No Hay Quien Viva, LQSA foi unha revelación televisiva tocando situacións da vida dunha parte da sociedade que ben cumpría, desde un punto de vista pedagóxico, traballar con elas para previr e educar á adolescencia enganchadísima a uns tópicos e típicos personaxes para non cometer erros na vida adulta. Adiantouse ao crac inmobiliario a ecléctica comunidade de veciños de Mirador de Montepinar pola que as situacións actuais dunha parte da intrahistoria urbanícola van parellas ao desenvolvemento de acontecementos máis ou menos coñecidos.

Sen embargo os ingredientes desa particular sopa de gansos que todo o mundo circunscribe a esa comunidade, a ese edificio, habendo vida moito máis alá dese ben inventado estudio cinematográfico, adiviña outras posibilidades de vida mellor, como o edificio da Atalaya del Arcipreste. Penso eu que esta evolución do “13 Rúa do Percebe” expón unha variedade social dun inmóbel persistente en ser como quere Antonio Recio, Presidente Eterno da Comunidade de Veciños electo varias veces con malas formas ou pouco democráticas -por ser suaves- pero coa aquiescencia da maioría dos propietarios inmersos na vertixe das súas vidas e desprovistos dos mínimos ingredientes para seren membros, de verdade, dunha colectividade que presume de dereitos esquecendo os deberes.

Eu recordo ouvirlle falar de dereitos e deberes no colexio ás miñas primeiras mestras da vella escola, canda outras que calaban e miraban raro para as que esperaban un gran beneficio para a sociedade en xeral coa Carta Magna. Nacía no 1978 a Lei de Leis cun tufo franquista que chegaba ata a Audiencia Nacional (española) en substitución do Tribunal de Orden Público da ditadura e moitas leis, e decretos, e Tribunal Constitucional,... paraugas interesado dun estado centralista español con planificado turnismo.

Recordo ouvir que as feridas do franquismo estaban sen pechar cando se repartiu o territorio á imaxe das “nacionalidades históricas”, o que tal inventaron! Con ridículas e arbitrarias autonomías ás que o trazo político interesado desde Madrid segou como o mapa de África. Galiza, Euskadi e Cataluña son desde séculos unhas definidas nacións de Europa pero necesarias para seguir forxando unha única, grande e libre. Nostalxia -creo- de antes mesmo dos Decretos de Nueva Planta de Felipe V, o primeiro Borbón do S.XVIII xa que a ditadura de Franco non conviña prorrogala nos eidos internacionais. Aí está o comezo do que hoxe se denomina España. E non desde os Reis Católicos como lle ouvín dicir ao M. Rajoy conducindo camiño da Arousa...capaz de ter un accidente de tráfico pola súa burrada! Desaparecen así, coas estratéxicas autonomías, outras posibilidades de emendar o natural desenvolvemento de terras con recursos de seu, leis propias, folclore, tradicións, linguas,... que truncara o pisón do franquismo. E ¡ala! A gozar da terra creando gobernos, infraestruturas, administracións, con epicentro madrileño, iso si... sen dotación económica suficiente ¿quen se acorda xa da débeda histórica? Era o primeiro paso para vixiar desde un centro, ornado todo cunha imposta monarquía parlamentaria bicameral coma noutros estados. Foi así como sucedeu, baixo o manto rexio borbónico. Por certo, Casa Real imposta esquecida xa dos Galos e aquí alporizándose como galiñas coa nosa herdanza franquista cando alguén se mete cunha das riquezas mais importantes de Europa; canto debeu traballar diormío ese campechano que saía pola tele tódolos 24 de decembro antes de comermos o bacallau con coliflor! A ninguén lle estraña se un dos xenros exclamou: -Eu quero ser coma meu sogro!! Eu asisto expectante a momentos que os manuais de historia do futuro seguro mencionarán de termos cambios significativos... ou terxiversarán. Á vez síntome como ese actor secundario, o non sempre lúcido Coque conserxe-xardineiro de LQSA atento e nexo entre a trama e espectador que fai de correa de transmisión de Grandes Relatos.

Con este organigrama constitutivo quedaba todo atado e ben atado “en esta nuestra comunidad”. E fóisenos dicindo que éramos autónomos pero había que render contas en Madrid e desde alí, Capital do Imperio, recibiamos unhas esmolas mentres se modernizaban con redes radiais e non por cuadrículas outras terras con vías e trens que nunca se acordan de Galiza. E a cambio de non termos facenda propia, ou de non poder xestionar a nosa Costa e outros recursos; a costa de deixar ir fábricas fóra, a cambio de non facermos barcos, a cambio de menos cota de peixe ou leite,... Foi iso tamén o custo de entrarmos na CEE. Ai a CEE! Cegou o brillo das estrelas, o cheiro das butacas vip e moquetas estranxeiras a políticos mergullados nunha escuma europeística alimentada polo capital como sustento dunha fráxil realidade esconxurado o comunismo. Era iso, unha co-mu-ni-da-de mer-can-til entre grandes estados fronte ao xigante americano, sen embargo con tantas diferenzas como riquezas culturais. Da CECA, á CEE, á UE “Unida na diversidade” lema tremendo para análise profundo en distintos foros. Os Estados Unidos de Europa que soñara Vitor Hugo feitos realidade. Caeran as fronteiras,... unha festasa! Sen embargo iso fora o fácil para o fillo avantaxado do capital chamado neoliberalismo. Xa o euro foi un duro parto acaecido en Madrid no 1995 (eu cheguei a percibir uns poucos ecus sen seren moeda de curso legal). Tamén recordo a unha profesora dunha universidade europea cabreada polos cambios que cada curso había de introducir na súa materia de dereito internacional ou Constitución Europea. E veña cambios na Lei de Leis dos países membros sen caso á pinga diaria de emigrantes e inmigrantes que non son precisamente do Programa Erasmus! Na Constitución Española de 1978 aínda en vigor, e despois de poñer no 1992 dúas palabras, obrouse un cambio importante no 2011, a introdución do concepto de estabilidade orzamentaria que non pode ir en contra polo teito fixado pola UE. Velaí o que nos trouxo o mal nacido neoliberalismo! Namentres rebulía o mundo buscando outras fórmulas en Quebec, Escocia,... tratados temidos do estilo TTIP ou mesmo o inesperado Brexit fan dubidar a cidadáns e unir a pillabáns.

Outros recordos meus baixo os Pirineos foi a deriva política do ben asentado turnismo nas mans dun virulento capital. Acórdome de hai anos que mesmo nos dixeron que xa non existía o proletariado, eramos todos clase media!!! Parecía todo unha Movida Madrileña perpetua. Xusto cando un partido, antes socialista que perdía o obreiro e centrábase no español, se metía a fondo en temas grosos que o levaron aos xulgados ou a ratificar acordos coa Santa Sede. Acusaba cada vez máis un empacho de poder para dar paso ao outro gran partido. Así recordo eu como lóstregos que me veñen á mente como o incansable retrouso: os “nacionalismos periféricos” son malos, mentindo e encirrando a realidade do País Vasco que só no País Vasco un pode comprender en toda a súa dimensión.

Recordo tamén sen darse un de conta como foron concentrando a atención na unidade de España máis alá dos festivais europeos das televisións participantes, as seleccións españolas dos distintos deportes cunha bandeira coa que nunca, nunca se identificou o 100% do estado,... ata borraron mesmo a identidade da provincia coas novas matrículas dos vehículos desde setembro de 2000 ao lado dun E mentres Francia -país centralista onde os haxa, hai que dicilo- engadía no 2008 á dereita da placa unha “parte da súa identidade” grazas á forte oposición de máis de 200 parlamentarios! Que pasou aquí daquela logo do recoñecemento de OU coma o resto C, PO, LU? A ocorrencia -en vigor- de acabar unha obra pública estatal co “Gobierno de España” penetrou e instalouse co aplauso do partido maioritario na oposición.

A TDT ampliaba a voz e a imaxe dun NEONODO desde a capital do reino como ferramenta útil para as maiorías “plasmadas”. Lembro moi ben como nos dixeron da liberalización das telecomunicacións coa posta en escena de Josep María Carreras chamando desde a nova compañía Retevisión o 28 de xaneiro de 1998 deixando para a historia á Telefónica...e creémosllo hoxe esa pretendida liberdade de operadores telefónicos 20 anos despois? Ou o libre prezo de carburantes?

E así vin como o meu libriño gratuíto en galego e castelán da Constitución raxeaba. A lei d’Hont, os medios de comunicación cos cada vez máis presentes “mass media” aseguran ese centralismo de partidos políticos clásicos aos que sucumben outros que aparecen e desaparecen das mesas electorais. Un non sabe xa se foron antes as multinacionais ou os partidos políticos que lexislan e ampáranas para logo ocupar un posto nos consellos de dirección. A borracheira de poder perpetuou un sistema corrupto que inmerso e instaurado nos poderes lexislativo, xudicial e executivo chegou a un estadio que non pensaba ver. Que dirían persoas coma Montesquieu ao ver un centralismo imperialista fagocitando “Comunidades Autónomas”. Que pensarían das ducias e ducias de casos de corrupción fraguados desde non se sabe cando: Gürtel, metro Valencia, Canal de Castilla, Marcial Dorado, ermasa, Bárcenas, eres falsos, Rodrigo Rato, Púnica,... Discos duros de ordenadores destruídos a propósito con datos comprometidos para os infractores; funcionariado xudicial, altos cargos e políticos recusados, apartados ou suicidados?!?! Ata cambiaron mesmo a palabra imputado por investigado sendo o PP o primeiro partido político citado a declarar como persoa xurídica e sinalado por organismos europeos como corrupto, como estes días quedou ben patente.

E eses que nos dixeron mentiras demostradas co 11-M, coa guerra de Irak, co Yak-42, a película do Prestige ou El Señor de los Hilillos,... Estannos contando agora a verdade sobre Cataluña? Quen nos fala do sufrimento dos recortes sanitarios, a tremenda reforma laboral santificada polos grandes sindicatos estatais cun paro alarmante ao igual que o descenso da natalidade; a lei Montoro que afoga concellos pero non aos ministerios, a deostada LOMCE e a lei mordaza que unha maioría cualificada ía derrogar antes das últimas eleccións e aínda están aí co PP en minoría?!?!!?!

Sinceramente, creo que o pobo catalán veu todo isto desde a súa atalaia. Logo de varias veces que polas canles que tiña, expresou o seu desexo de facer cambios no seu pobo, como aquela proposta do Plan Ibarretxe. E decidiu facer agora con urna, grande e libre un exercicio obrigado de verdadeira democracia fronte a un estado represor que non quere cambiar a Constitución como se difundiu por todos os continentes. E vai e, saltándose artigos fundamentais da súa Inmaculada Constitución escollen o 155 para que Filipe VI o ratifique por TV... apoiado o minoritario PP por PSOE e Ciudadanos coa yenka centralista de Podemos de fondo aflorando así o estercado españolismo. Atrevéndose a utilizar o instrumento dunha cuestionadísima xudicatura cando se trata dun problema político como llo advirten ao estado español maxistrados, universidades e políticos de todo o mundo que resumen o procés como un acto de desobediencia civil ante unha lei inxusta. Aínda así, desde o poder central empéñanse en seguir con ese reseso e caro cocido madrileño para todos cos acostumados ingredientes: un barco de piolín, presos políticos, telelixo, comparecencias, declaracións terxiversadas e radiadas,... que non tragan Els segadors.

Antonio Recio protagonista indiscutible de La Que Se Avecina, heroe do Pobo na serie, machista, xenófobo, ladrón, explotador, corrupto españolista...acusa un cansazo considerable que xa non saben os atentos guionistas que máis negativos colgarlle nin que espazo darlle nun edificio declarado ruína ao que se aferra cheo de vidas necesitadas dun rumbo cara outro futuro, caramba, ¡que similitude!