UNHA FOLGA XERAL NECESARIA
O próximo 27 de xaneiro está chamado o pobo galego a unha nova Folga Xeral. Esta vez está só convocada pola CIG. É a resposta necesaria á reforma das pensións posta en marcha desde o Goberno do PSOE, contando co apoio do PP. Lamentabelmente está clara a vontade e a disposición do sindicalismo español de lexitimar este atentado ao benestar social, disfrazándoo dentro dun tan pomposo como fraudulento Pacto Social.
Esta reforma anúnciase nun momento no que en Galiza se destrúe máis emprego que no Estado español, e cun desemprego xuvenil do 35%. Aquí temos os sectores naval, pesqueiro e agrario agónicos. Aquí é onde máis ERES se aproban. Aquí é onde os índices de pobreza e mendicidade aumentan cada día máis, especialmente en Vigo e A Coruña, situación agravada pola eliminación do subsidio de 426 euros aos desempregados sen ingresos. Vemos como retrocedemos en dereitos sociais, como avanza a vaga privatizadora no ensino, na sanidade e nos servizos sociais. O Decreto do Carbón non só representa unha discriminación de consecuencias gravísimas para a economía galega, senón que nos bate de segundas a través dunha espectacular suba da luz e do gas. A espoliación dos nosos recursos naturais volta a fomentarse desde os poderes públicos, de costas ao noso desenvolvemento, a través do concurso eólico do Goberno do PP.
En síntese, acentúanse as nefastas consecuencias da crise e das medidas que se toman desde o Goberno español do PSOE. A forma de gobernar e as medidas que toma no seu ámbito competencial a Xunta de Galiza non fai máis que agravalas.
Cando aínda resoan en Galiza os berros da contundente mobilización do pasado 29 de setembro, de novo, o compromiso coas clases traballadoras da nosa nación, obríganos a reaccionar colectivamente contra o brutal recorte das pensións que se aveciña. Neste aspecto, as maiorías sociais de Galiza estarían tamén entre as máis prexudicadas de consumarse a intención do Goberno. Vexamos por que:
A pensión media en Galiza está en 728 euros fronte á media estatal de 876 euros. De se consumar a reforma aumentando a idade de xubilación aos 67 anos e a 25 anos o período de cómputo para ter dereito a pensión, produciríase unha perda dun 25% na contía da mesma.
Pretenden xustificar esta reforma desde unha argumentación falsa: a creba do sistema público de pensións. Mais o superávit reprodúcese cada ano, chegando no 3º trimestre de 2010 aos 11.000 millóns de euros, mesmo habendo unha taxa de desemprego superior ao 20%. Ademais, o gasto en pensións representa case un 5% menos no Estado español que a media europea. A verdade é que o poder financeiro, o grande capital, ten postas as gadoupas nun dereito social fundamental para aumentar o seu negocio no futuro. Quere reducir a miserábel expresión o sistema público de pensións para fomento dos planos privados, xerando así millonarios beneficios a costa de afondar nas desigualdades sociais entre os pensionistas e facer medrar a precariedade e a inseguridade.
Analicemos o exemplo recente na conxelación das pensións públicas no 2010, decretada polo Goberno. O Estado español "aforrou" 1.530 millóns de euros, pero perdeu 1.440 millóns de euros pola desgravación fiscal dos planos de pensións privados. Xa se ve como e para que queren reducir gastos.
Estamos perante un ataque, sen precedentes nos últimos 40 anos, aos dereitos dos traballadores, das maiorías sociais. A situación require de respostas contundentes, do rexeitamento, da forma de mobilización colectiva máis comprometida: a folga xeral. Cómpre saírmos á rúa para defender o actual sistema público de pensións e a súa viabilidade, seguridade e solidariedade entre as diferentes xeracións, sobre a base de xerar emprego e erradicar a temporalidade (triplicamos a media de contratación precaria de Europa). Esixamos que o sistema público siga a ser xusto e garantista para toda a poboación.
As circunstancias nas que se produce esta convocatoria son difíciles. Haberá silencio e ocultación nos medios de comunicación, enganos, trapelas e confusións, por conta dos axentes sindicais comprometidos con reforma tan impresentábel, nos centros de traballo creando expectativas de falsas solucións. Recorrerán a mallar na incapacidade de Galiza, dos seus traballadores e traballadoras, da súa sociedade, para actuar por si. Estarán, máis unha vez, no seu papel de apóstolos da indigna submisión aos ditados do Estado español.
Mais existe unha realidade obxectiva indiscutíbel: a dureza da reforma das pensións e a grave situación que vivimos obrigan a convocar esta FOLGA XERAL. O máis grave neste momento sería o silencio, a pasividade, a impotencia, xusto cando máis falta fai a coherencia e o compromiso, a reacción en oposición a medidas que están configurando un modelo social máis inxusto aínda. O conxunto das clases traballadoras, concretamente a de Galiza, ten instrumentos sindicais e políticos para non sucumbir no derrotismo e na conivencia con deseños lesivos para os intereses maioritarios. Alá o que fagan outros incapaces de se distanciar dun poder tan oligárquico como voraz, insaciábel nas súas pretensións de dominio absoluto. A súa credibilidade será cada vez menor.
Xa vivimos mobilizacións nas que o sindicalismo nacionalista actuou en solitario con resultado positivo, nas folgas contra os Pactos da Moncloa ou nos anos oitenta coa Xornada Nacional de Loita contra a primeira reestruturación do sector naval. Esta é unha nova ocasión. Fagamos o maior esforzo para espallar socialmente a nosa alternativa, a do nacionalismo galego: a saída á crise debe pasar por políticas transformadoras, en favor do gasto público para impulsar a economía produtiva e mellorar os servizos públicos, cunha caixa de aforros ao servizo da economía real, tendo como obxectivo prioritario a creación de emprego e a industrialización.
A folga convocada para o día 27 pola CIG é unha forma práctica de combater a resignación e a desmobilización que se predica desde uns Gobernos, o español e o galego, entregados aos intereses da banca e das empresas multinacionais, dunha forma impúdica e sen disimulos. Esperar a que se produza a reforma anunciada para reaccionar sería tan frustrante como estéril. En defensa das pensións e do emprego, o día 27, FOLGA XERAL.