Unha fazaña...

Queridas leitoras, queridos leitores: Escrebo este artigo, con demora bastante sobre a hora habitual de envío, por mor de poder celebrar con todas e todos vós a obtención de dous escanos no Congreso dos Deputados por parte do BNG, ou, o que é o mesmo, a revalidación como deputada e deputado de Olaia Fernández Davila, por Pontevedra, e mais Francisco Jorquera Caselas, pola Coruña. Faltan uns minutos para as dez da noite e os últimos datos a que tiven acceso falan dun 55% dos votos escrutados, polo que é de esperar que esta afortunada repetición non se altere. O substantivo que utilizo para encabezar este artigo non é meu: pertence a unha crónica política do momento galego e español publicada por Justo Beramendi nas páxinas do último número da revista Tempos novos. Nela, o historiador cualificaba así, unha fazaña, que o BNG repetise resultados nesta convocatoria eleitoral. Non vou ser eu quen o negue, visto o cúmulo de circunstancias negativas que sobre ela pairaron, sobre de todo, o abafante peso dun bipartidismo a cada paso máis contrario ao pluralismo político real e conformador propagandisticamente dun cuadro fatalista que en nada se asemella ao deseño obxectivo do mapa político.
,Que un PP gañador teña que aturar unha composición parlamentar con trece (!) formacións políticas no Congreso dos Deputados é moi bon sinal. Que o dúo anémico rache na Galiza coa presenza dos dous representantes do BNG, un triunfo da democracia declinada desde e para a Galiza. Que a maioría dos votantes premie cos seus sufraxios o que castiga no outro partido perdedor non é o menor dos paradoxos nunha España e nunha Europa submetidas aos designios dos poderes financeiros e bancarios que poñen e quitan gobernos, determinan as políticas económicas lesivas para a maioría da poboación e vacían de contido decote os mesmos principios teóricos de que aqueles din derivar. Que o tempo, en fin, non faga máis que dar a razón a aqueles diagnósticos do nacionalismo galego de fin de século (1986, ingreso de España e de Portugal na Comunidade Económica Europea; 1992, Tratado de Maästricht), cando se vaticinaba nen máis nen menos que o agora se está a producir de forma aguda, debera valer para unha correcta atribución de responsabilidades políticas, se é que a memoria existe e deba ser respeitada.
Uns compañeiros-amigos moi queridos, colaboradores ambos deste xornal dixital, correlixionarios tamén no nacionalismo galego, preocupados, coma min, pola semántica da lingua de noso, tantas veces maltratada, pontualizábanme non hai moito o mellor uso do verbo "continuar", no canto do verbo "seguir", no remate dun texto meu dedicado a Alexandre Bóveda. Quero eu aproveitar agora esta distinción para animar todas e todos non só a seguirmos senón a continuarmos un labor de creación de conciencia galega, de autoestima colectiva, de defensa da Galiza... que, amigas e amigos, vai para lonxe, por moito que teña xa unha historia contemporánea que todos deberiamos ter en conta, nos seus avanzos, nos seus impasses, nas súas limitacións e nos seus erros, obviamente para os corrixir. Continuar non é simplesmente seguir: comprométamonos todas e todos, desde agora mesmo, para mellorarmos a nosa actuación, rectificarmos rotinas estéreis e alargarmos moito máis a base simpatizante e militante do povo a que pertencemos. Este xuízo únoo a un desexo: que todas e todos no BNG practiquemos a operación de privilexiarmos o que nos une e secundarizarmos ou prescindirmos do que nos separa. A nación galega, a nosa patria, pede isto de nós. A política práctica, a economía de recursos, a intelixencia da ideoloxía nacionalista e a eficacia da praxe tamén o aconsellan. Estexamos á altura dos tempos. Parabéns a todas e a todos os que, co seu voto, acreditaron na necesidade de o utilizaren para exteriorizar o que somos e o que queremos seguir sendo: galegas e galegos con voz propria, non suxeitos de tutela, non suxeitos de Protectorado, como diría Castelao.