Un póker de Patrias con algún descarte

Desde a miña primeira infancia, fun coleccionando Patrias en total liberdade, sen que ninguén influíra nas miñas decisións de selección das mesmas. Pero para chegar a sentirme feliz con elas e orgulloso das mesmas, vinme obrigado a facer certos descartes doutras que me querían impoñer contra a miña vontade; ás veces -que incultura- pola forza.
Non chegara a cumplir os seis anos, e xa sentía aquel lugar de Vite, de tan só sete casiñas, como único mundo. En realidade, aquel era o meu mundo. Coñecía unha por unha tódalas persoas de cada casa. Podía entrar e saír por cada porta con total liberdade. A mesma liberdade que tiñan os meus veciños para entrar na nosa casa. Cada camiño, cada sendeiro, cada silveira, cada leira, cada árbore do meu lugar eran únicos, e non acertaba a imaxinar que puidera haber nada máis bonito nin mellor, en ningunha parte. Sabía de memoria os lindes de cada finca, e de quen era cada unha delas. Coñecía os nomes de leiras, montes, camiños, valados e pontes.
O lugar de Vite foi a miña primeira Patria. Escollida en total liberdade.
.............................................................................................................................................
Con seis anos empecei a ir a escola. E coñecín a miña parroquia de Queixeiro. E tamén o Concello de Monfero. Aquí xurdiu a miña segunda Patria, e o meu primeiro descarte.
O descarte do concello veu dado porque sentíao como algo lonxano e agresivo. Nas primeiras leccións de Xeografía daquel Grado Medio, viña Monfero con outros moitos concellos. Pero non comprendía como tiña que sentir aprecio por algo que somentes coñecía polas queixas que as persoas maiores facían a diario dos impostos que tiñan que pagar na alcaldía. A maiores, no concello medían ós mozos para ir facer a Mili.
Outra cousa distinta era a Parroquia. A Parroquia era algo máis cercano e empezaba a sentila como algo propio. Na escola estaban os nenos da parroquia. Os nenos que acabarían sendo os amigos de toda a vida.
Sabía que na parroquia había 100 casas repartidas en varios lugares, máis ou menos grandes coma ó de Vite. Non coñecía tódalas persoas, pero si os "nomes ou alcumes" de cada familia, e a casa onde vivían.
As festas eran da parroquia. Cada unha tiña as súas festas. Mesmo existían rivalidades entre elas, por considerarse unhas mellores que as outras. Estaba nacendo un amor pola miña parroquia. Ademais Monfero tamén era o nome dunha parroquia, e non era cousa de sentir por outra o cariño que sentía pola miña.
Fun coñecendo os lindes da miña parroquia. E fixen mapas, con lugares e camiños.
E alporizábame que me falaran de Monfero e non de Queixeiro.
Descarteime de Monfero, tal vez porque mo quixeron impoñer.
Así naceu, en total liberdade, a miña segunda Patria. A Parroquia de Queixeiro.
.............................................................................................................................................
A partir dos 10 anos, o meu pequeno mundo aumentou dun xeito considerable.
Tiña ido á Vila -Pontedeume- varias veces e tiña viaxado á cidade de Ferrol. Viaxes en coche, en tren ou nas lanchas do Seixo ou de Maniños. Aquel xa era un mundo que me sorprendía con moitas novidades. Non necesitaba doutro mundo máis grande nin mellor para ser feliz. Estaba nacendo a miña terceira Patria. Pasando tempo foi agrandando a súa razón de ser admirado e considerado como algo limitado e concreto. De ser un neno pasei a ser un rapaz que encontrou na súa xuventude todo canto necesitaba para ser feliz naquela belísima comarca.
Sen darme conta estaba a delimitar un territorio que coincidía có que hoxe chaman "Ferrolterra- Eume- Ortegal" . Unha comarca que reunía as condicións para que fora feliz sin saír dela.
Pero xurdía unha loita terrible entre os meus convencementos de ter onde vivir rodeado dun espazo natural sen comparanza, e unha nova imposición moi agresiva: A Provincia.
Non podo esconderme de manifestar que o nome de LA CORUÑA aparecía ata na sopa.
Calquera das pequenas vilas da miña comarca escribían o seu nome seguido -entre paréntesis- polo da dichosa provincia. Creo firmemente que aínda hoxe se da por feito que somos da Coruña, sen poñerse a pensar que non existe na nosa identificación. Non existe nin A Coruña, nin ningunha das outras provincias. Pois as provincias naceron como tales dunha desafortunada parida histórica. Tan desafortunada, que moitas cabezas pensantes cambiárona cando lles petaba
Pois esta patria, queríanma meter con calzador. Reveleime. Intentei ver en directo, sen que ninguén me impoñese criterios, os lindes da miña provincia...
Acerqueime ó Río Sor. Comecei a miña andaina en Ambosores. Camiñei todo o día río abaixo. Crucei varias pontes, novas e vellas, grandes e pequenas. A beleza das Fragas do Sor, fíxome esquecer a finalidade da miña viaxe. Decateime, cando ollei un mapa para descubrir o meu percorrido, que traspasara os lindes entre A Coruña e Lugo media ducia de veces. Mentras que eu -¡inocente-! pensaba que só admirara unha comarca de fértiles fragas.
Outra das miñas seguintes comprobacións, consistiu en tratar de encontrar onde comezaba Lugo, seguindo a estrada a partir das Pontes. Pois cheguei a Roupar sen enterarme de nada nin notar cambio algún.
Fun a Santiago por primeira vez, cando me examinei daquela famosa Reválida do Bacharelato do plan de estudios do 38. Facíamos noite en Compostela, pois o exame duraba dous días. En xuño as tardes son moi longas, e os exames eran polas mañás. No Castromil, acerqueime ata Padrón e Pontecesures co fin de descubrir lindes provinciais. Cando estaba na ponte derriba dó Ulla, veume á memoria Xubia, atravesado polo seu río. Tamén Betanzos. Mesmo pensei en tantas cidades que hai polo mundo adiante cruzadas por grandes ríos... Pero non ollaba distincións provinciais.
Quería facer outra proba. Esta si que tiña que ser definitiva. Pois onde o río Sil separa Lugo e Ourense, algo se notaría. Claro que se notaba. Un grandioso e impresionante canón, con viñedos a un lado e outro río, facendo un todo inseparable, unha comarca con traballos e alegrías compartidas, que a nadie se lle ocorre separar en provincias diferentes.
Non había dúbida. A nosa terra estaba -naturalmente- composta de moitas comarcas.
Rematei por convencerme do acerto que tivera cando decidín que a miña terceira Patria era esa comarca de Ferrolterra-Eume-Ortegal, e descartaba totalmente a provincia da Coruña.
Nesa pequena parte da nosa terra, desenvolvo toda a miña vida.
.............................................................................................................................................
Buscando na nosa Galiza os lindes nunca atopados das provincias, encontrei aqueles tan marcados das Comarcas. Percorrendo Galiza, descubrín moitas Parroquias semellantes a de Queixeiro. Miles de pequenos lugares que me recordaban ó de Vite. Mesmo ollando rías superpoboadas, onde se mesturan concellos, sentín satisfacción por non elixir o meu como Patria. En todo caso, nas cidades e vilas, os barrios son tamén pequenas patrias de cada quen.
Buscando todas estas causas, descubrín unha nova Patria: GALIZA
Por moitas razóns sería o meu derradeiro descubrimento de Patrias. Pola súa xeografía, polas súas xentes, pola súa lingua, por todo o que a distingue do seu contorno, porque resumía é conservaba tódalas patrias que xa levaba no meu corazón, por tantas razóns definitivas e contundentes, Galiza pasaba a ser a miña Patria. E pasaba a ser a miña Patria de maneira totalmente libre e sen ningún tipo de imposición por parte de ninguén.
Igualmente, como sucedera nos casos anteriores, vinme na obriga de facer un descarte.
Este descarte foi longo e traballoso, pola pertinacia en intentar impoñerme unha patria que non sentía como tal. Mesmo a convivencia de vecindade entre pobos, vese ameazada pola irracional maneira de actuar querendo impoñer sentimentos.
Case sen querer volto ós tempos da Mili: Tiña que sentir por un igual a miña Galiza, Castela, Río Muni, Fernando Póo ou as Illas Chafarinas.
E digo que volto ós tempos da Mili, pouco despois de mediados do século XX, porque agora temos unha recua de carcas que nos queren impor aqueles sentimentos. Queren que sintamos unha corrida de touros como algo propio. Ou que predomine outro idioma. E que consideremos todo o noso como inferior ó deles. Conseguen todo o contrario.
Un derradeiro apuntamento. Anos atrás, cando nos quixeron impor as súas ideas, votaron man da inocencia das boas xentes da nosa terra, facéndolles crer que era un mandato divino: "Francisco Franco Caudillo de España por la Gracia de Dios ".
Agora, os seus fillos, netos e bisnetos, aproveitando o tolear do Papa, piden unha axudiña para loitar contra a forza periférica norteña, e tratan de potenciar a súa España:
"Os Reis Magos, non chegaron a Belén do Oriente. Procedían de Andalucia".
Ocúrreseme unha recomendación a Benedito: Como os reis eran tres...¿Por que non decimos que saíron de Galiza, Euskadi e Catalunya.?
.............................................................................................................................................
Como xa teño o meu Póker de Patrias, podo iniciar partidas.
Para xogar, en total liberdade, con outras Patrias, sexan do noso entorno máis próximo, ou sexan máis ou menos lonxanas.
Pero xogar en total libertade. Sen imposicións. Sen trampas.
Manolo de Vite
(Do libro inédito "OUTRO PORTAL ÁS FRAGAS DO EUME")