Un pantasma percorre Europa

Un pantasma percorre Europa

"Se puede decir que en el código genético de la socialdemocracia se encontraba el reformismo. De hecho, inició su singladura, hace ya más de un siglo, cuestionando el dogma dominante entre aquellos que conformaban el movimiento obrero y aceptando lo que hasta entonces había sido su mayor enemigo: el capitalismo".

Con esta frase comeza o artigo que sobre o título "El reformismo de hoy" publicaba o Vicesecretario Xeral do PSOE e Ministro de Fomento, José Blanco, en el "El País" o pasado 13 de Xullo.

Neste artigo, José Blanco, enuncia as "grandes reformas" que o Presidente do Goberno ía defender no Congreso dos Deputados no debate de política xeral, alerta contra o "conservadurismo" dos que se opoñen a elas, e defende o seu carácter progresista, pois sei que son necesarias para asegurar a "sostenibilidade do Estado de benestar".

"Este es el camino que se debe seguir, porque no nos conformamos con la explicación maniquea de que los mercados se imponen a los Estados. Pretender que lo que funcionó en el pasado pueda ser solución en el futuro, ignorando los cambios que operar en el mundo, sólo puede conducir a la melancolía y la resignación".

E cal é ese camiño, que se suma as medidas contidas no plan de axuste?:

Unha reforma laboral que sob a coartada de loitar contra a dualidade no mercado laboral e reducir os elevados índices de temporalidade, abarata e facilita aínda máis o despido, e senta as bases para rematar co carácter vinculante da negociación colectiva.

Noutras palabras, úsanse as mesmas xustificacións que nas anteriores reformas, acentuando, ademais, os seus trazos máis regresivos, cando foi precisamente ese modelo o que provocou as escandalosas taxas de temporalidade do mercado laboral. Renúnciase a un modelo de crecemento que procure o incremento da produtividade na aportación de coñecemento e valor engadido ao proceso produtivo (incompatíbel co mantemento dunha forza laboral en condicións precarias) para buscar a "competitividade" na degradación, aínda maior, da forza de traballo. E para facelo posíbel limítase o alcance e a eficacia da acción sindical.

Unha reforma do sistema de pensións que sob a coartada de asegurar a súa sostenibilidade ante o avellentamento da poboación, pretende elevar a idade legal de xubilación e ampliar o periodo de cómputo (isto é, reducir as percepcións).

Noutras palabras, úsanse as mesmas xustificacións que xa se usaban hai trinta anos cando se alertaba de que a día de hoxe o "sistema non sería sostíbel". 30 anos despois o sistema ten un superávit de 50.000 millóns. Acontece que en 30 anos, aínda que medrou a porcentaxe de pensionistas e se incrementou tamén o peso relativo das pensións no PIB, o número de cotizantes á Seguridade Social medrou nun 70% e o PIB multiplicouse por 17. Apóstase por unha medida inxusta, como é o incremento liñal da idade de xubilización (a esperanza de vida non é a mesma segundo a clase social de pertenza e a actividade laboral desenvolvida) é ábrense novos nichos de negocio aos plans de pensións dos quenllas financeiros ao anunciar a precarización das pensións.

Unha reforma do sistema financeiro que sob a coartada de garantir a viabilidade das entidades financeiras e os aforros dos depositantes abre as portas de par en par á total bancarización e privatización das caixas de aforro.

Noutras palabras, nunha crise que tivo a súa orixe no sector financeiro por mor da súa desregulación, da falla de intervención pública, da súa orientación cara actividades especulativas e a súa escisión da economía produtiva, a solución que se nos ofrece é máis concentración, menos tutela pública, máis privatización.

Amigos lectores, melancólicos e resignados conservadores, estas son as grandes reformas que nos propoñen os progresistas. Ían refundar o capitalismo e o capitalismo refundounos a eles. Por se houber poucas dúbidas remato cunha perola extraída do último debate de política xeral:

Interpelado polo BNG sobre a necesidade de preservar a natureza social das Caixas de aforro e de apostar por unha banca pública o Presidente responde: "Crear una banca pública tendría un impacto negativo en el déficit y en la deuda del Estado".

É decir:

- O Goberno español parte do apriorismo de que unha banca pública ten que ser deficitaria. (Érao Argentaria?).

- O Presidente, en cambio, considera normal que os Estados da Unión Europea mobilicen 3,3 billóns de euros do erario público para sanear a banca privada e transferir os déficits xerados por esta operación ás clases populares en forma de duros plans de axuste .

- O Presidente considera que a función do Estado é socializar as perdas do sector privado e desmantelar o sector público para proporcionarlles novos nichos de negocio.

"Porque un progresista deja de serlo cuando deja de cuestionar sus propios dogmas, cuando abandona su voluntad reformista de la sociedad y cuando se limita solamente a defender las conquistas del pasado."

Así conclúe José Blanco o seu artigo. Que cando menos non nos tome por parvos. Non son antidogmáticos, convertéronse totalmente aos dogmas do neoliberalismo.

Que veñen os reformistas! Conservadores do mundo, unídevos!