Un novo discurso (IV): Outra esquerda, outra democracia

Un novo discurso (IV): Outra esquerda, outra democracia

E falou Boaventura Santos, e dixo:

“Vou-te dar um exemplo da Bolívia. Numa das últimas eleições houve uma comunidade que votou cento por cento num candidato. O partido da oposição fez uma reclamação ao tribunal eleitoral a dizer que tinha sido uma fraude, porque só por fraude pode uma comunidade votar numa pessoa. Era uma comunidade de vários milheiros de pessoas. ‘Foi fraude!’

O tribunal eleitoral (...) foi tentar observar o que é que se tinha passado naquela comunidade indígena. E sabes o que foi? A comunidade esteve quatro dias reunida para decidir qual era o melhor candidato. Ou seja, não foram depositar o voto num minuto como nós fazemos. Estiveram quatro dias reunidos a discutir em comunidade qual era o melhor candidato! E por consenso chegaram à conclusão de que o melhor candidato era aquele. E votaram todos nele”.

O exemplo, que supera amplamente a categoría de anécdota, saíu textualmente da boca do sociólogo portugués Boaventura de Sousa Santos no debate posterior á palestra impartida por el mesmo nas Xornadas Decoloniais celebradas na Coruña o pasado mes de febreiro. É un exemplo de múltiples arestas, que empeza por romper esquemas tan asentados como os de unha persoa, un voto, para salientar a existencia dun “altíssimo exercício de democracia de alta intensidade” no lugar, para moitos, máis insospeitado: unha comunidade indíxena boliviana.

Certo que, ao mesmo tempo, a situación descrita crea interrogantes varias: Vale nesa asemblea boliviana a palabra dun home o mesmo que a dunha muller? Supondo que non se trata dunha sociedade igualitaria, vale o mesmo a palabra de calquera persoa, independentemente do seu posto na escala social? Como funcionan os criterios de autoridade e de poder, que soterradamente percorren –sabémolo todos- até a máis democrática das asembleas? Pode calquera tema ser obxecto de decisión mediante este sistema de decisión ou existen, aquí tamén, límites ao discurso que poida emanar deste xeito de expresión da vontade colectiva? Non o sabemos, e abofé que nos gustaría.

Mais nin sequera estas interrogantes son capaces de diluír a beleza de fondo que transmite o exemplo. Un exercicio de democracia secular, asentado nas raíces culturais de pobos que maiormente ignoramos e frecuentemente desconsideramos. Un exercicio de democracia asemblearia que é ponto de partida para aquelas culturas e que para nós, nacidos e medrados en sociedades individualistas e negadoras da toma de decisións colectivas, é un desexado ponto de chegada, moi poucas veces exercido.

Mais quizá non sempre fose así, e se viramos os ollos cara a nosa propia realidade atoparemos elementos dun extraordinario interese. Conta o Toño de Lodoselo, impulsor dunha máis que meritoria iniciativa de desenvolvemento rural, que nesta localidade do termo municipal de Sarreaus a xente de antes diferenciaba sabiamente entre o concello, ou reunión veciñal asemblearia e libre efectuada na praza do mesmo nome para a toma de decisións colectivas, e o untamento, nome co que tamén de xeito moi sabio o pobo designaba o organismo oficial. Iso está aínda ben vivo na nosa memoria popular. Tamén están moi vivas certas formas tradicionais de propiedade colectiva e de xestión colectiva de recursos, como os montes comunais na Galiza ou os baldios do norte do pais irmao.

O discurso decolonial, con valedores como Santos ou Grosfoguel, constata a existencia dun abismo entre o pensamento eurocéntrico e as case infinitas realidades que na periferia do sistema, ben enraizadas nas culturas nacionais, inciden e resolven sobre temas como a identidade, a cohesión social, a xestión da propiedade colectiva e a toma de decisións democrática. Que non ten ouvido, por exemplo, falar do ubuntu surafricano, esgrimido politicamente como forma filosófica anticolonialista? A corrente de pensamento decolonial, como poden ver, venlle como anel ao dedo á ideoloxía nacionalista e de esquerdas.

Ninguén pretende eliminar dun golpe nin a Comuna de París, nin a Revolución Soviética, nin o Maio do 68 nin todos aqueles mitos, fitos e desenvolvementos teóricos que construíron até hoxe o noso pensamento rebelde. Mais postos a recibir influencias externas deixemos a porta do noso discurso aberta tamén a aquelas culturas que levan séculos resolvendo os seus problemas de xeito cohesionado e democrático. E afondemos nos nosos propios xeitos tradicionais de goberno, case vencidos polo tempo e polo individualismo atroz que nos degrada.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.