Un novo discurso (II). Autodeterminación, claro.
Leo na Voz de Galicia unha enquisa sobre a autodeterminación de Galiza e dentro dela un dato que me sorprende. Case un 39 por cento das persoas xoves deste país estaría a favor da autodeterminación e serían só catro puntos máis as que se declararían en contra. Receo profundamente sobre este tipo de enquisas e, en xeral, sobre calquera dato cuantitativo que me poñan diante dos ollos. Aínda así este dato cáusame unha sensación positiva e inesperada. De ser certo, esa desexada maioría de xoves galegos autodeterministas estaría a tiro de pedra, quen sabe se por primeira vez na historia. E todo isto contando co trebón que está caendo nos medios, coa atomización do mundo nacionalista e co mal explicado que temos o tema da autodeterminación os que avogamos por ela.
Existe certamente un discurso autodeterminista, construído historicamente polo nacionalismo a forza de suor e a base dese exercicio consubstancial á nosa esencia: a natación contra corrente. É o noso discurso, centrado en aspectos macroeconómicos como a explotación dos nosos recursos eléctricos, agrarios, pesqueiros ou forestais en función de intereses alleos ou nas nefastas consecuencias da entrada de Galiza na UE a través do estado español, coa minguante situación da lingua galega como síntoma clínico de todo o anterior. É un discurso valioso por incontestábel, de doadísima comprobación no plano da realidade. Un discurso no que haberá que seguir afondando e que haberá que seguir espallando ao longo da sociedade nos ocos que vaiamos abrindo.
Mais un pode repasar os documentos oficiais das organizacións políticas e decatarse de que, con moita frecuencia, a autodeterminación non pasa de ser tratada como unha colección de declaracións programáticas e desexos ben intencionados, aderezados con algún que outro brinde ao sol. Un territorio distante e ideal, un soño. Un pode escoitar a quen fala da autodeterminación e poucas veces entender o concepto como algo que vaia máis alá dunha especie de marco totémico utilizado para diferenciar ideoloxías e sensibilidades ou para dividir lealdades. Escasean as referencias a como o resultado lóxico derivado do exercicio do dereito da autodeterminación, a creación do Estado galego, vai resolver os problemas concretos que hoxe padecemos, os grandes e os pequenos. Como será ese Estado, como imos facer para chegar a el e, sobre todo, para que nos vai servir.
Non é a primeira vez que neste mesmo foro me teño manifestado a prol de utilizar os recursos da rede para explicar todo isto con claridade. Insistirei nun exemplo: ElClauer.cat é unha web que explica a República catalá mediante preguntas oportunas e respostas ben matizadas. Crea discurso, porque achega tanto o futuro Estado catalán que case se pode tocar coa man. As repostas, redactadas seguramente por un panel de expertos, son concretas, sinxelas e entendíbeis. Non se engana a intelixencia do lector eludindo os problemas que a instauración da nova República ha de traer consigo, nin se oculta que a nova República terá que buscar encaixe no mundo que hai, non no que debería haber. A través dunha linguaxe en aparencia pouco ideoloxizada exhíbese un contido político de moitísima profundidade. Ao contrario do que estamos acostumados, El Clauer carece de grandes palabras e diríxese aos grandes feitos, ao grande feito cotián de comezar a vivir nun novo Estado europeo. Antes de seguir lendo, analicen ben este web. Vexan os seus puntos fortes e as súas feblezas, xulguen o que podería ser aplicábel a Galiza e o que non. Paga a pena.
O discurso non só define a realidade: o discurso crea a realidade. Dito doutro xeito, toda realidade política foi, antes de ser realidade, discurso. Entre a Galiza que soñamos e a que mañá podemos ter media o discurso. En Galiza, a idea da autodeterminación adoece de falta de tanxibilidade. Propoño que mediante o discurso comecemos a facer os planos do edificio do futuro Estado como fosemos comezar a súa construción mañá mesmo, aínda sabendo que os prazos se han de demorar. Aínda sabendo que na práctica haberá materiais dos que non poidamos dispor e que terán que ser substituídos por outros. Aínda sabendo que o terreo presentará irregularidades inesperadas e haberá que actuar en consecuencia mudando o deseño. Con todo, debemos facer o plano e actuar sobre concreto. Para nós sería un exercicio de clarificación extraordinario. Un terreo común, un espazo de acordo.
Como era de esperar, os datos globais da enquisa fornecida por Sondaxe non son nada esperanzadores. Mais, de ser fiábel, ese dato parcial estaríanos certificando a fortaleza da nosa histórica arela liberadora entre as camadas máis novas e, quizá, menos traballadas polo sistema. Deámoslle unha volta máis ao concepto. Fagámolo intelixible e difundámolo, para comezar, pola rede. Quizá non se trate de falar máis de autodeterminación senón de falar doutro xeito, e de facelo con claridade. De saber chegar aos sectores menos ideoloxizados e máis pragmáticos, que son, como sabemos, a maioría.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.