Un Nadal irresponsábel na Coruña... ou é en Málaga?

Na Coruña non hai cartos municipais para igualdade, nin para pagar un complemento que substitúa a paga extra que o Goberno central lles eliminou a todos os empregados e empregadas municipais, tampouco para políticas de fomento do emprego nin para o pequeno e mediano comercio. Iso si, para o Nadal hai cartos: máis de 1 millón de euros. Crise, que crise? Ou, mellor, “in english” (máis PoPular), como o cuarto álbum de Supertramp:“Crisis, what crisis?”.
A cidade conta co 20% da poboación en risco de pobreza e hai máis de 23.300 persoas no desemprego. Iso si, o PP gasta 600.000 euros en alumeado de Nadal, que sempre quedan máis “cool” as rúas vestidas con filigranas de cores. Quizais así, pensará Negreira, pasen máis desapercibidas as persoas que, cando cae a noite, remexen no colector do lixo en busca duns filetes de polo a piques de caducar ou dunha barra de pan tronzada. Tamén tira o PP con 145.000 euros de toda a cidadanía na Laponia coruñesa. Que que é iso? Pois seis casetas con cadansúa árbore (talada, non vaia ser que despois poida garantirse a súa replantación) ao redor dun tíovivo (mellor “carrusel veneciano”, que é fica máis “in”) na parte dianteira da praza. Que as crianzas consuman ou dean un par de voltas no tíovivo non é de balde: 1,50 euros por viaxe. Os gastos non acaban aí. Ao programa de actividades para pequenos e pequenas, aos xornais distribuídos por toda a cidade, á propaganda e ao vídeo de promoción do Nadal hai que sumarlles os 200.000 que nos custará a cabalgata. Unha vez máis... “Crisis, what crisis?”.
E por que o de “na Coruña... ou é en Málaga?”. Pois pola desnaturalización que padece esta época do ano na Coruña. O PP non se contenta con “chantarnos” no centro da cidade un misterio, motivo relixioso onde os haxa, recreado con luces de cores, con dilapidar os nosos cartos e con empregar árbores taladas. Tamén nos transporta á feira de Málaga ou, pola aparencia da vestimenta, máis ben, transpórtanos ao entroido. Acaso credes que na Coruña temos un Nadal de “chichinabo” (como diría a flamante concelleira de Emprego e Turismo, a dos 300.000 euros malgastados nas campañas turísticas en Londres)? Para nada. Temos un Nadal do máis cañí. A mostra, a presentación do belén municipal: o portavoz do Goberno municipal rodeado dunhas señoras vestidas (podería pasar por un disfrace) de flamencas, tal cal a Feira de Málaga, e doutras señoras con gorriños de papá noel. Olé! Pegada española, si señores e señoras! Non vaia ser que fique un Nadal “demasiado gallego” (como diría a concelleira de Cultura, aquela que destinou 90.000 euros municipais a organizar as touradas do verán). E que contarvos da lingua? O de sempre: “libertad lingüística”; é dicir, só español. Iso si, para que non protesten “esos radicales del Bloque” o “esos trasnochados de la Mesa por la Normalización Lingüística”, este ano pode lerse un “Bo Nadal” na Praza de Ourense (*Orense, en realidade, porque o anterior alcalde, do PSOE, rexeitou corrixirlle o nome).
E non é que eu queira, nin todos e todas as que denunciamos este dispendio no Nadal “cosmopaleto”, que non haxa luces que enchan de vida ás rúas nin quitarlles a ilusión ás crianzas. Tampouco queremos tristura. O que non quero, o que non queremos, é que o Goberno da cidade en que vivimos e en que pagamos os nosos impostos (por certo, cunha suba considerábel no prezo da auga o ano que vén, e tamén do bus urbano) siga a malgastar os nosos cartos. Porque non é a primeira vez que o Concello se permite estes luxos. Exemplos, por desgraza, hai suficientes: 500.000 euros en tres días de regata de veleiros, outros 500.000 euros nun partido amigábel da selección española de baloncesto, o millón e medio de euros das festas de María Pita ou os 300.000 euros da destrución da mediana da Avenida de Oza (En realidade, Gral. Sanjurjo, porque ao anterior alcalde non lle deu a gana de cumprir a Lei da Memoria Histórica malia o acordo plenario que así llo esixía). Para aparentar, para as persoas ricas e para os seus amigos, o PP ten cartos. Sen ir máis lonxe, Negreira aprobou soterrar 14 millóns nun túnel na dársena do Parrote co único obxectivo de pagarlle parte da estrutura do aparcadoiro privado a unha empresa, acordou conxelarlle o Imposto de Bens Inmobles á Autoridade Portuaria (aforrándolle 1,09 millóns que deixará de ingresar o Concello a unha entidade que obtivo 17 millóns de beneficios o pasado ano) mentres lle fai pagar o IBI á Universidade da Coruña e premiou os amigos promotores con maiores aproveitamentos urbanísticos ou cancelándolles cargas. O resto, o común das persoas mortais, aquelas que estamos a sufrir a crise, non lle importamos, nada ao PP, “nothing at all”.