Un mundo en venda

Hardwired é unha película de ficción do ano 2009, que pasou con máis pena que gloria polas salas de cinema, entre outras cousas debido a un argumento pouco atractivo, a unha facturación que pouco ten a ver coas grandes fitas de Hollywood ás que estamos acostumados, e unha distribución deficiente, centrada seguramente no formato DVD.
O argumento pouco nos interesa neste caso. Mais o que si quero destacar é o contexto no que se desenvolve a película. De corte futurista, a historia transcorre nun intre posterior ao colapso da débeda pública dos estados occidentais, que puxeron á venda todo tipo de bens públicos para tentar arranxar os seus problemas económicos. Así,vemos xa no comezo da película, unha serie de monumentos, edificios recoñecibles e famosos dos Estados Unidos, con publicidade das grandes transnacionais, que, obviamente, son donas e señoras destes bens públicos.
A película é ficción, pero tendo en conta o momento actual, a situación que se nos describe na película non é nada estraña, de feito, hoxe en día, grandes monumentos e edificios que anteriormente foron públicos, hoxe son privados ou están xestionados por entidades privadas.
Mais se temos en conta a situación que se está a ver en Grecia, o contexto no que se desenvolve a película, deixará de ser ficción para converterse nunha terríbel realidade, xa que este país mediterráneo xestionado na actualidade por un goberno tecnócrata, posto a dedo polas grandes entidades financeiras, as mesmas que provocaron a crise, encamiña o seu futuro á venda de todos e cada un dos bens públicos que posúe, desde empresas públicas até a última pedra da ruína máis recóndita da súa rica e dilatada historia.
Ese é o mundo que se albisca no horizonte: grandes corporacións financeiras controlando todos os bens materiais deste planeta, postos a disposición dos seus beneficios e non das persoas; un mundo no que xa non se gardarán as aparencias democráticas visto o acontecido en Grecia e Italia nos últimos días, onde foron substituídos os gobernos destes dous países por outros máis submisos ao poder financeiro; uns gobernos constituídos por persoas que, xa formalmente, representan os intereses das grandes corporacións, como ocorre co novo gobernador do Banco Central Europeo ou cos primeiros ministros dos países citados anteriormente, que desempeñaron importantes responsabilidades en empresas como Goldman Sachs, un dos principais bancos de negocios do mundo.
E polo que se ve, a sociedade está totalmente entregada a estes cambios, que lenta, pero implacabelmente, están impoñendo unha nova orde mundial, cuxo denominador común é o fascismo de rostro democrático, que se vende como salvavidas desta crise do modelo capitalista. Neste sentido resulta sintomático que no caso de Italia, a xente saíra á rúa celebrar a caída de Berlusconi, no canto de protestar polo xeito de como se estaba xestando o cambio de goberno deste país.
Como en toda película de Hollywood que se precie, o final de Hardwired é feliz, faltaría máis. O heroe consegue rematar coa tiranía que sometía ese mundo de ficción. No mundo real custará algo máis de traballo e tempo, pero o cambio será inevitábel porque o fascismo tampouco terá a solución da crise económica, por que o que está en crise é o modelo económico capitalista. A cuestión é saber se o heroe desta película, o pobo, é quen de dar a batalla e loitar por un cambio de modelo, un cambio que inevitabelmente suporá sacrificios e mudanzas no modo de vida das persoas.