Un mundo a construír


Non será por alternativas polo que a esquerda en xeral ou o nacionalismo non poidan asumir novos camiños para construír outro mundo no que os e as asoballadas sexan quen o dirixan. Cando os debates son vivos, plurais e abertos nos que o medo ou o silencio non asoman, as iniciativas aparecen, e detrás a ilusión, as alternativas para vencer o avance preocupante do novo fascismo, e nunca mellor exemplo que o que neste momento estamos a sufrir nas nacións do Estado Español.

Pero hai, ademais, textos que axudan, énchannos ou non nas ideas variadas ou criterios que teñamos. Refírome hoxe a un fermoso e proveitoso libro dunha grande e avanzada loitadora como é a socióloga chilena Marta Harnecker. Nel, Un mundo a construír (Novos camiños), estuda con fondura e claridade os movementos actuais do imperialismo e a rebeldía e novas formas políticas que o enfrontan e combaten nos diversos continentes. E para mellor proveito colectivo, analiza tamén os erros ou desenfoques que neste momento enferman a esquerda, collendo o termo nun concepto global.

O libro entra en diversos apartados: na historia de onde vén cada movemento progresista e as dificultades para crear novas culturas políticas que rachen cos fallos e equívocos nos que se anegaron; nas alternativas que podemos ter para combater erros e desenfoques, entre elas o criticalos abertamente no momento en que se producen, cométaos quen os cometa. E o máis interesante neste apartado de alternativas: a análise e afirmación de que a crítica pública fortalece e non debilita a loita ou instrumento político, é dicir, as organizacións; ao contrario, fortaléceas.

,É evidente, para min, no que a nós nos vai máis directamente e nunha visión de lóstrego, que unha análise obxectiva, fría e co fin sempre de axudar e corrixir as chatas e non de aproveitarse delas para acomodala a un interese subxectivo; unha análise obxectiva, digo, da nosa historia recente (da esquerda e movementos nacionalistas populares), indícanos como se desenvolveu o proceso da chamada democracia española para estar controlada polo capital e como fomos caendo nas súas gadoupas inservíbeis para un cambio real; como a loita institucional pasou a ser a principal, fronte á social; como isto trouxo unha distinción práctica en dereitos e deberes entre militantes de base, liberados e cargos institucionais; como naceron esas equipas de asesores que, xunto coas novas leis, foron desnaturalizando o propio traballo dos funcionarios públicos e producindo gastos desorbitados; como, en fin, se desenvolveu rapidamente o burocratismo, a flagrante deshumanización e o caciquismo (o burócrata é persoa fría que executa sen sentimento e acaba converténdose nunha máquina desapiadada). Como, en fin, as novas leis acabaron construíndo unha muralla arredor dos chamados mercados, convertidos en novos becerros de ouro que á súa vez remataron por apoderarse do control do Estado, conseguindo tamén someter á esquerda ás devanditas leis, e sempre en nome da democracia.

E como este estado de cousas e actuacións de acomodamento axudou ao arrefriamento da idea e práctica da masa militante, matando a súa ilusión, ao seu silencio ou pasividade e ao amortecemento da crítica e autocrítica tan necesarias. O abuso e, ao mesmo tempo, debilitamento do sistema capitalista, asomou súpeto nesta situación, pillando á esquerda nas súas propias contradicións e desorientacións (o exemplo máis claro: a actuación político-económica e pro-imperialista da socialdemocracia).

"A crítica pública non debilita a revolución", di a Marta Harnecker, e segue afirmando –adaptados os termos á nosa realidade– que aínda que se pode aproveitar para atacar ás organizacións ou movementos progresistas acaba servindo máis a estes porque só así poderán corrixir os erros no momento en que se producen e atallar a mesma corrupción ou as desorientacións tanto prácticas como ideolóxicas. E insiste tamén en que a crítica pública só se expoñerá cando non se lle faga caso internamente, estea ben fundamentada e vaia acompañada de propostas de solución.

"Necesitamos unha nova cultura de esquerdas, conclúe, pluralista e tolerante, que poña por enriba o que une e deixe en segundo plano o que divide; que promova a unidade arredor de valores como: a solidariedade, o humanismo, o respecto ás diferenzas, a defensa da natureza, rexeitando o afán de lucro e as leis do mercado como principios reitores da actividade humana".

Non cabe dúbida de que se teoriza dunha forma xeral, global, diría, e que isto non é receita a tomar do mesmo xeito nas distintas nacións. Cada unha desenvolveu a súa historia e sufre situacións diferentes, como é ben claro entre as que posúen ou non soberanía. Mais resulta moi aproveitábel a lectura deste libro para un debate amplo que sirva tamén para ver os nosos erros e acertos con obxectividade, pero un debate moi aberto que cree desde o principio esa ilusión imprescindíbel para darlle credibilidade ás alternativas, sen medos, coa disposición de todo o mundo á crítica e autocrítica, imprescindíbeis tamén para desenfurruxar as nosas mentes e facer ben visíbel o camiño, neste tempo e desde a nosa ideoloxía.