Un gran día para a clase traballadora galega
A folga xeral de 27 de Xaneiro féchase e deíxanos unha conclusión evidente mesmo aos ollos máis sectarios: a única oposición real e socialmente significativa ao proxecto neoliberal español está no nacionalismo que alía loita nacional e social. Non é casual que só Galiza e Euskadi erguesen a cabeza contra a maior involución antipopular da historia do actual réxime político. Nas condicións específicas da formación social galega, faise máis obvio que en ningunha outra nación que nacionalismo e esquerda son sinónimos, entendida a esquerda non como un fetiche abstracto ou unha proclama progre para estetas e si como un proxecto para a auto-organización popular, un pouco na esteira do concepto de Rosa Luxemburgo segundo o cal o socialismo non era máis que a autoxestión das traballadoras e dos traballadores.
En realidade, a chave está aquí: ou hai autoxestión das traballadoras e dos traballadores ou as traballadoras e os traballadores somos xestionados polo Capital.
Esta crise do capitalismo serodio que atravesamos está a agudizar as contradicións até estremos inimaxinábeis hai apenas tres anos cando o social-liberalismo do PSOE vencía de novo nas urnas ao estremamente dereitista PP de Rajoy. Tan é así que os sectores medios, na linguaxe clásica chamaríamolos pequeno burgueses, non é só que vacilen ante o pánico de que alguén formule unha alternativa ao capitalismo neoliberal e dubiden de que lado poñerse, é que o teñen clarísimo e, pese ao finximento e ao teatro, xa están comodamente instalados en primeira clase no tren da Reacción pura e dura. Así son as cousas cando o Capital se quita a carauta e vai a por todas no combate que historicamente o enfronta ao Traballo. Hai momentos en que o Capital non tolera ambigüidades e esixe lealdade absoluta. Brincadeiras, as mínimas, cando do que se trata é de garantir o espolio do excedente social e a maximación da ganancia. Nesas circunstancias, os sectores medios -e entre eles están os cadros políticos e sindicais da socialdemocracia- renuncian ao funambulismo oportunista e fican nús diante dos ollos do público, inequivocamente aliñados co Capital e, por tanto, enfrontados co Traballo.
A estas alturas só desde unha cegueira irracionalista se pode negar que a socialdemocracia en Europa é un compañeiro de viaxe da oligarquía financeira. En realidade, a socialdemocracia xa nin se agacha baixo o disfrace da Terceira Vía de Blair ou Giddens. O seu discurso é indistinguíbel do de Sarkozy ou de Merkel. É máis: a súa funcionalidade para o Capital é mesmo maior que a que eventualmente puidese ter a dereita realmente existente. Todos somos conscientes de que a resistencia de determinados sectores aos recortes sociais é sempre menor se quen os perpetra é un partido que leva a palabra socialista ou socialdemócrata nas súas siglas.
CAPACIDADE DE MOBILIZACIÓN
Escribo estas liñas ás 18.30 horas do día da folga xeral. Un gran día para a clase obreira galega polo menos por dúas razóns: 1. Porque a clase traballadora galega demostra hoxe a súa enorme capacidade de mobilización, probabelmente sen parangón en todo o Estado e 2. Porque a clase traballadora galega se acaba de demostrar a si mesma que a auto-organización é a mellor forma de defender os seus intereses e que a pertenza a organizacións de carácter estatal é sempre a vía máis segura para a traizón non só á clase, senón tamén á nación.
Hoxe non poucos afiliados e cadros dos sindicatos estatais aprenderon unha amarga lección: no Estado español os sindicatos sedicentemente reformistas son parte do aparato do Estado. Nunca formularán políticas que cuestionen o statu quo nin discutirán a natureza clasista deste Estado, inequivocamente oligárquico. Non hai futuro nesas estruturas nin para os que queren unha Galiza distinta nin para os que sinceramente traballan nunha perspectiva superadora do capitalismo.
En realidade, a única disputa que fica por dirimir no taboleiro estatal é a que enfronta ao nacionalismo popular e ao neoliberalismo neocentralista. Esa é a dialéctica real, porque agacha baixo os seus fíos intereses materiais concretos (a supervivencia dos sectores produtivos galegos, por exemplo) e porque inevitabelmente nos remite para a asinatura pendente da estrutura do Estado.
No Estado os neoliberais son neocentralistas por definición porque o seu proxecto non é só o da concentración do Capital, senón tamén, e en paralelo, o da concentración do poder político.
OS NEOLIBERAIS CRIMINALIZAN A FOLGA
É a España eterna: forte cos aparentemente débiles e débil cos fortes (co Imperio norteamericano e coa Alemaña que hexemoniza a UE). Débiles, pero só aparentemente: as nacións sen Estado que conviven na Península encerran un potencial liberador extraordinario. Por iso os neoliberais criminalizan a folga por igual xa militen na corrente conservadora (PP) ou na social-liberal (PSOE), porque a folga é unha experiencia única que nos ilustra sobre que o poder realmente o temos nós, o pobo, os desposuídos, os que non dispomos nin de medios de produción nin de comunicación, se nos animamos a exercelo.
En Francia a elevación en dous anos da idade de xubilación (até os 62!) saldouse con sete folgas xerais. No Estado español elévase aos 67 sen ningunha folga no ámbito estatal e co respaldo de CC OO e UGT! Isto explícase pola bancarrota da socialdemocracia española e pola perda de todo referente ideolóxico de esquerdas nos sindicatos de ámbito estatal. Ten que ver tamén coa permanencia de residuos franquistas na política española (atado e ben atado) e cando falo de residuos franquistas falo dunha concepción verticalista, autoritaria, elitista, burguesa, reaccionaria, dos movementos políticos e sociais. Eses residuos chegaron aos nosos días con certa facilidade porque a esquerda política española optou no seu momento pola vía reformista e non pola rupturista cando se produciu a morte do Ditador. E o reformismo foi sempre entendido como o pacto, a negociación, coas forzas conservadoras. Un pacto sempre á baixa, un pacto sempre desde posicións derrotistas.
O nacionalismo galego non apostou pola vía reformista. Non por ideoloxismo, senón por entender que esa era unha vía morta porque só serviría para que as clases dominantes durante o franquismo continuasen a ser clases dominantes no novo réxime. Non chegou a Ruptura e, como explica nos seus artigos Viçenc Navarro, que non é precisamente un marxista, iso explica que as forzas conservadoras dispoñan hoxe de todos os resortes de poder real no Estado, desde o xudicial até o financeiro pasando polo mediático.
NACIONALISMO GALEGO, UN PROXECTO DEMOCRÁTICO E RUPTURISTA
Tres décadas despois da transición de Réxime, vivimos tempos dunha involución brutal no Estado que poñen mesmo en risco a Democracia formal. Ese é o contexto -sumado á globalización neoliberal no espazo da UE- en que o pobo galego se xoga o seu futuro. Este 27-X pon de relevo que o camiño é ineludibelmente o do confronto co proxecto neoliberal español. E agora si que non hai nin Terceiras Vías nin equidistancias posíbeis. Tampouco cabe o pacto á baixa porque se cedemos máis como País sinxelamente desaparecemos. A única saída é a que está a ensaiar o nacionalismo galego -o sindical e o político-, isto é, acumular forzas en contacto diario coas masas e conquistar cada día máis pobo para un proxecto que se quere pór ao servizo das maiorías sociais e non da oligarquía.
Un proxecto, por tanto, radicalmente democrático e, claro, rupturista, porque quere romper co dominio que as forzas neoliberais, neocentralistas e globalizadoras exercen no Estado español. Só se se racha ese dominio será posíbel a transformación democrática -ou sexa plurinacional- do Estado e o avanzo cara á xustiza social.