UN GOBERNO ANTIGALEGO E FRAUDULENTO

UN GOBERNO ANTIGALEGO E FRAUDULENTO

Galiza ten un goberno do PP que non ten vocación nin interese en utilizar as capacidades competenciais da autonomía, mesmo sendo limitadas, para actuar en defensa dos intereses do pobo galego ou para mitigar o impacto da crise económica. Limítase a exercer a súa función como se dunha grande deputación se tratase, destinando os recursos de xeito discrecional e dedicándose a facer propaganda política, arroupado por unha maquinaria mediática condescendente e servil. Este comportamento devén dunha estratexia ditada polo PP español, do que o PP galego é simplemente unha terminal. O deseño consiste en esvaer e fustrigar todos os elementos que caracterizan Galiza como pobo diferenciado, como nación, comezando pola lingua, e seguindo polas manifestacións culturais de nós. Non debe existir un perfil político galego diferenciado. Non debe haber vontade política que exprese os dereitos e reivindicacións propias do país. Hai que españolizar ao máximo a sociedade galega, sometela e subordinala a deseños políticos externos, en nome do interese superior de España. Nesta orientación a acción política da Xunta ten como obxectivo axudar a conseguir o acceso do PP ao Goberno do Estado, nas vindeiras eleccións xerais. Á estratexia de eliminación do idioma, hai que lle engadir outras formas de proceder. Acéptase un modelo de financiamento autonómico lesivo para Galiza, que, sen embargo, reforza socialmente a idea de que somos un país pobre incapaz de subsistir sen a solidariedade de España. Aparcan a reforma do estatuto de autonomía e mesmo negan calquera posibilidade de homologación co texto final do estatuto catalán. Non negocian a creación dunha policía propia, malia haber cobertura legal. Votan en contra da asunción das competencias en materia de tráfico. Porén, incrementan a contratación de empresas de seguridade privadas. Eliminan as seleccións deportivas nacionais galegas. Tendo como coartada permanente ao Goberno español, renuncian a articular medidas para combater a degradación da situación económica e social da Galiza. Eles nada teñen a ver nin nada deben facer perante o incremento do desemprego a un ritmo moi superior á media estatal, perante o empobrecemento xeral da sociedade: o 25% non chega ao salario mínimo interprofesional; medra a precariedade e a temporalidade, multiplícanse os ERE´s co visto bo do Goberno galego; aumentan as capas sociais en situación de emerxencia social... A real coincidencia coa política económica do Goberno do Estado intenta agacharse nunha aparente dialéctica de confrontación PP-PSOE que nada ten a ver con diferenzas verbo da forma de enfrontar a crise económica, e moito menos desde ou na Galiza. As principais consecuencias da estratexia política do PP e dos deseños que aplica a Galiza son as seguintes:

Agudización da crise nos sectores produtivos claves para a nosa economía: falta da carteira de pedidos no naval, desaparición de explotacións agrogandeiras, prezo do leite en mínimos históricos, política de despezamentos na pesca. Claramente o sector gandeiro e pesqueiro están en peor situación que nunca. Porén, o goberno non está utilizando nin as competencias que ten para defendelos nin os instrumentos que articulou o goberno anterior. A posición no decreto do carbón é outro bo exemplo da forma de funcionar en clave de PP estatal a costa de sectores estratéxicos da economía galega, neste caso do enerxético. A única preocupación do goberno Feixóo é a cobertura mediática para escamotear a súa parte de responsabilidade e a complicidade do PP co PSOE no asunto. A indefensión da Galiza perante as agresivas políticas comunitarias é hoxe maior que nunca, como o é perante claras medidas discriminatorias do Goberno español, precisamente polas coincidencias do PP e PSOE ao servizo da súa concepción de España.

Submisión antidemocrática a determinados poderes económicos: Após verse obrigado polo BNG a asumir unha modificación lexislativa para impulsar unha fusión das caixas galegas, o goberno Feixóo, baixo os ditados do PP-PSOE a nivel estatal e do Banco de España, rectifica a recente lei de caixas para permitir a permanencia dos consellos de administración actuais, e iniciar o proceso da bancarización, privatización total. Consúmase o proceso de demolición do decreto eólico anterior para facilitar que algúns dos de sempre sigan a beneficiarse deste sector enerxético. Os procesos de privatización de servizos públicos esenciais hai que inserilos dentro desta política de seguimento das directrices de grupos empresariais e financeiros. A construción dos novos hospitais de Vigo e Pontevedra, que seguirá coa dos centros de saúde de día, por unha empresa privada á que se lle outorga parte da xestión, significa un grande encarecemento do custe e o principio do proceso de privatización da sanidade. Este proceso de privatización está xa moi acentuado nos servizos sociais en xeral.

Deterioración na calidade dos servizos públicos: na sanidade incrementáronse as listas de espera, a atención primaria empeorou e o servizo de ambulancias corre perigo de non formar parte da prestación... No ensino desaparecen unidades e elimínase profesorado. O sistema educativo convértese no centro do ataque ao uso do galego como lingua vehicular, cunha liña discursiva que pretende a súa total marxinalidade a través da manipulación dos pais e da intimidación do profesorado, pretendendo impedir calquera proceso de socialización no noso idioma. En todos os ámbitos este goberno persegue a estigmatización no uso público, social, do noso idioma, o galego. Os servizos sociais agardan por infraestruturas acabadas que non se abren; os concellos ven como se eliminan axudas para emerxencia social, Risga, dependencia... O transporte público é un problema inexistente para o Goberno galego.

Instrumentalización do poder de corte caciquil e partidaria, ou mesmo modificacións legais de fondo calado introducidas pola porta de atrás: Lei de acompañamento dos orzamentos que modifica máis de vinte leis entre elas as do solo ou a do banco de terras e a lei de incendios que permitía o desenvolvemento das Uxfor. Reparto de subvencións e liñas de apoio mesmo para obradoiros de emprego sen criterios e practicamente para favorecer os concellos do PP. Incremento das libres designacións a máis de 400 novos postos. A obsesión por destruír calquera acción do goberno anterior, nomeadamente as procedentes das áreas nacionalistas (Uxfor, decreto eólico, Bantegal, Galescolas, seleccións deportivas...), entra dentro desta instrumentalización partidaria e da súa total carencia de deseño ao servizo de Galiza.

Mentira e manipulación como alimento do discurso e a propaganda oficial: Non hai austeridade, nin menos gasto "dentro que fóra" nin orzamentos máis sociais. En política de persoal, após vender que no 2009 aforráranse millóns de euros coas políticas de persoal, de redución de altos cargos, ao final do ano, na execución orzamentaria comprobamos un incremento de 25 millóns de euros nas cantidades que tiña orzamentado inicialmente o bipartito. Nos orzamentos de 2010 prodúcese un incremento do peso do gasto corrente. A consellaría que sae mellor parada é a que se dedica a administración xeral e que ten menos investimento fóra. As políticas sociais e os sectores produtivos son os que sofren a maior rebaixa nos orzamentos.

Contando con unha grande complicidade mediática, méntese descaradamente no Parlamento e fóra tamén de xeito frecuente, sabendo que non só non se denunciará a mentira que se descobre en sede parlamentaria senón que se lle dará carta de autenticidade ás falsidades gobernamentais. Anunciaron que o Xacobeo sería a panacea para saír da crise. Semellante propaganda esaxerada, descomunal, non pode ocultar unha realidade pavorosa no plano económico. Este panorama evidencia que o único éxito foi precisamente unha maior supeditación do poder político a unha concepción confesional católica do Estado. E, como non, anular a existencia de Galiza como nación con lingua, historia, cultura e patrimonio esplendoroso de seu, reducida a un lugar santo español, destino de peregrinación.

Semellante deseño, semellante estratexia política, naturalmente, é antitética co que o nacionalismo galego quere para Galiza. Até tal extremo que podemos afirmar que estamos situados no seu pólo oposto.