UN ESPANTALLO AMEAZANTE


Todos os anos, como un ritual fetichista, celebran as institucións oficiais e os partidos españois o respectivo aniversario da Constitución. Esta celebración converteuse, en moitas ocasións, nunha ameaza contra os discrepantes verbo da estrutura institucional do Estado, un híbrido entre centralismo e autonomismo, escorado cara o primeiro. A peculiar visión da democracia constitucional sempre tivo esta obsesión: meter medo aos que consideran que hai varias nacións no Estado e que, consecuentemente, teñen dereito a decidiren o seu destino libremente, contando cun goberno propio merecente de tal nome. Porén, a Constitución española foi adorada como un texto sagrado, do que non se podía nin discrepar, recorrendo á deliberada artimaña confusionista de identificar democracia cun texto político concreto. Non abondaba con ter que respectala, con acatala, como non queda máis remedio, igual que pasa con todas as leis. Había que xurar fidelidade ao texto, cunha pretensión absoluta de descualificar o que ficase fóra dos seus lindes. Carvalho Calero, preguntado a propósito da expulsión dos parlamentarios do Bloque-PSG a fins de 1982 por negárense a prestar xuramento de fidelidade, esixido pola primeira vez nun parlamento autonómico, con carácter retroactivo, cavilaba: "Trátase aquí máis ben de diferencias de opinión, e, como digo, paréceme que é unha actitude que na sociedade desacralizada actual apresenta residuos de teocracia".

O nacionalismo non pode identificarse cunha Constitución que ten, como pedra angular, manter a unidade de España, como "patria común e indivisíbel" de todos os españois. Que só admite a existencia dunha soa nación, a española, e dunha soa soberanía, a do pobo español. Que mantén a estrutura institucional centralista das provincias e as deputacións, recoñecendo ao mesmo tempo o dereito a autonomía das "nacionalidades e rexións", nunha mestura disfuncional, que ten como único obxectivo impedir mesmo unha articulación territorial coherente e a aplicación dunha vontade política autónoma. Que se resiste a recoñecer ou anula a expresión de vontade política de seu na autonomía das "nacionalidades", supeditando todo á vontade última do Goberno central, sen que existan competencias propias claramente exclusivas de certo calado. Que considera a lingua castelá, como a única oficial do Estado, e merecentes os seus falantes de contaren con dereitos apoiados en correlativos deberes institucionais, desbotando mesmo calquera proposta de igualdade xurídica entre todas linguas cooficiais. Estes son aspectos máis relevantes, recorrentes e caracterizadores na aplicación da Constitución española. É o que se practica, xuntamente, claro está, coa permanencia da Monarquía, un residuo feudal, a consideración do exército, como garante da unidade de España, e a concepción da aconfesionalidade do Estado como conivencia coa Igrexa católica...Todo o demais ou fica na retórica das liberdades democráticas, a merecede das circunstancias políticas e dos poderes establecidos, comezando polos económicos e os seus correlativos mediáticos, ou resulta só executivo na opción favorábel ao privado e non ao público...Ulo o dereito constitucional do goberno a intervir e planificar a economía nunha orientación pública, ao servizo das maiorías, como sería o lóxico, moito máis en tempos de crise?

Por se fose pouco, os procesos de globalización, coa integración na OTAN e na UE, teñen convertido a Constitución española nun texto tan obsoleto que só pode entenderse a súa permanencia como unha mostra clara de, até que punto, o poder a considera papel mollado, no que lle conviñer. Hoxe o goberno español non decide nin a política monetaria, nin a política económica. Nin sequera existe o servizo militar obrigatorio nin o exército é exclusivamente defensivo, senón integrado nunha organización internacional de intervención en calquera parte do mundo, por non falarmos máis que dalgúns aspectos relevantes...

Certamente, como todos os textos legais, préstase a interpretacións que poden favorecer o diálogo e o acordo, ou non. As interpretacións máis democráticas sempre se fan cando non hai maiorías absolutas nos gobernos de Madrid. Están pendentes, pois, da correlación de forzas. Porén, dentro dun espazo moi restritivo, cuxa definición comparte o bipartidismo, o poder xudicial, os poderes económicos e as institucións culturais do Estado. Precisamente, a globalización ten aguilloado a españolización en todos os ámbitos, como ten demostrado, o recorte a que foi sometido o Estatut catalán, e a incualificábel sentenza do Tribunal constitucional, establecendo unha doutrina ao respecto que non deixa lugar a enganos sobre como se interpreta o Estado das autonomías: unha simple descentralización administrativa.

Naturalmente, as mínimas aspiracións nacionalistas, as aspiracións democráticas e populares, non caben na Constitución española. Verbo dunha necesaria reforma constitucional, non hai que ser incautos. Coa actual correlación de forzas, sería unha reforma involutiva. Hai que seguir premendo e creando contradicións, desde a defensa dos intereses nacionais galegos, con propostas de autogoberno tamén, á vez que enunciamos, con máis énfase, a nosa alternativa a prol da soberanía e do cambio de réxime: unha República confederal de Estados soberanos, xa que logo, plurinacional, plurilingüe e pluricultural, contando tamén con Portugal, ao servizo das maiorías sociais. O nacionalismo galego non pode compartir a idea de que o cambio de réxime se canalice exclusivamente a través da instauración dunha República como a de 1931, unitaria e centralista. Aquela bandeira republicana era tamén unha bandeira española, que nós non compartimos. Non podemos contribuír a que se repita a historia e a que cambie algo para nada mudar.