Un colosal engano percorre Europa
Apenas unha conversa informal, cuxo contido avanza cales son as verdadeiras intencións do Goberno español de seguir adoptando políticas que degraden as conquistas sociais - neste caso no eido dos dereitos laborais-, transcendeu sobre o último e tamén "informal" Consello Europeo celebrado a finais de xaneiro de 2012 en Bruxelas.
A recreación de dita anécdota ocupou o espazo adicado pola maioría de medios de comunicación a informar sobre as decisións adoptadas polos máximos dirixentes da Unión Europea, malia a preocupante e persistente crise económica e social, así como a cada vez máis evidente confirmación de peores infortunios no que atinxe ás condicións de vida das maiorías sociais, cumprindo así coa afamada Lei de Murphy.
A Axencia estatística europea (Eurostat), calcula que no conxunto da Unión Europea hai preto de 24 millóns de persoas desempregadas, cunha taxa de paro media do 10,4 por 100 no Estados da zona euro, que se dispara ao 22 por 100 no caso dos mozos e mozas menores de 25 anos. É ocioso, por ser notorio, lembrar que liderando dito ránking se sitúa o Estado español duplicando ditas porcentaxes de falta de ocupación laboral, e que Galiza foi escalando posicións nos últimos tres anos, grazas aos (de)méritos do Goberno de Feijoo no noso país, ao lograr coa súa xestión un incremento de máis de 5 puntos na taxa de desemprego.
Por outra banda, estímase que nada menos que 80 millóns de persoas, o 16 por 100 da poboación total comunitaria, isto é, unha cifra similar ao do Estado máis populoso dos que integran a UE (Alemaña conta con case 82 millóns de habitantes), viven por debaixo do limiar da pobreza ao percibir baixos, ou ni sequera obtelos, ingresos económicos.
Perante esta crítica situación, o contido das declaracións aprobadas no Consello Europeo non recolle medidas reais nin para a reactivación económica nin para a creación de emprego, mais si profundiza nas políticas de axuste económico vinculadas a unha maior disciplina fiscal e orzamentaria, que na práctica, ocasionan maiores dificultades para asegurar a prestación dos servizos públicos básicos, dando pé á súa privatización, ou ben ao estabelecemento de inxusto e regresivos modelos de pagamento por uso, cando no directamente ao seu desmantelamento.
Unha lectura superficial ou descontextualizada dos Acordos e documentos emanados do Consello europeo de xaneiro de 2012 levaría a concluír erroneamente que os principais consensos se teceron arredor da políticas destinadas fomentar o emprego e á recuperación económica a través do apoio ás empresas dos sectores produtivos. Mais o certo, é que en ambos os dous ámbitos, o único resultado son vagas declaracións de intencións, cando ao tempo, si se atinxiron acordos concretos e definitivos sobre a aplicación de novas normas relativas á ortodoxia orzamentaria que terán consecuencias directas e inmediatas sobre a economías dos Estados, nacións e pobos da Unión Europea.
A letra pequena é a que nos alerta das verdadeiras intencións, pois malia a gravidade da situación económica e social a teor dos datos expostos, unicamente se contemplan xeneralidades relativas a fomentar o emprego, así como unha referencia ao impulso do financiamento das pequenas e medianas empresas a través da reasignación de fondos estruturais e de emprego, en todo o caso máis testemuñal que efectiva, ao adentrármonos xa no penúltimo ano do vixente período de programación septenal dos orzamentos comunitarios e, sobre todo, por non contemplar unha revisión do papel do Banco Central Europeo (BCE), que continúa co seu rol de financiador da banca privada e non da economía produtiva nin dos Estados en apuros. Sen dúbida, este é un dos aspectos máis contraditorios das conclusións do Consello Europeo, pois recoñecendo o grave problema de financiamento da economía real, gábase o papel desempeñado recentemente polo BCE coa concesión de créditos a longo prazo ao sector financeiro en Europa, cando o resultado final arroxa que prestou practicamente unha cantidade similar á banca privada, de case medio billón de euros, ao da cifra global de depósitos que o propio sector bancario europeo lle confiou. Unha afrenta á nosa vulgar intelixencia que se valore positivamente ese perverso mecanismo que permite que unha institución monetaria oficial se adique a dar alento sector financeiro co retorno dos fondos que recibe, e tamén coa capacidade que ten de emisión de moeda, e que aboca a máis estancamento da actividade económica e destrución de emprego pola súa nula contribución a restablecer a situación de restrición do crédito ás empresas do tecido produtivo.
Porén, as decisións con magnitudes concretas que se substanciaron no cumio europeo teñen a ver, de novo, coa disciplina fiscal e orzamentaria, onde o principal acordo dá o visto e prace definitivo ao Tratado sobre Estabilidade, Coordenación e Gobernanza, que institúe como oficial a sacralizada doutrina do déficit cero, vinculando a que se regule en normas constitucionais ou de rango equivalente o compromiso de manter un déficit estrutural por baixo do 0,5 por 100 do Produto Interior Bruto, coa imposición de penalizacións automáticas no caso de incumprimentos.
Nun cenario de contracción económica, é propio de gobernantes autistas avanzar na férrea regulación dunha determinada opción de política orzamentaria, dado o constatado fracaso da aplicación dos programas de consolidación e axuste fiscal baseado en dita doutrina que se veñen aplicando desde que se encetara a crise económica e que non fixeron máis que agravar o parón de actividades produtivas, confinar ao paro a millóns de persoas e deteriorar a capacidade de xerar ingresos para garantir as coberturas sociais desde as instancias públicas. Suporá, ademais, seguir sometendo ás maiorías sociais ao duplo escarnio de ter que soportar as consecuencias negativas da crise pola falta de implementación de medidas de reparación directa dos seus efectos; e ao mesmo tempo, que sufrir tamén as graves consecuencias que para o seu nivel de benestar levan as reducións en materia de investimento social por parte dos Estados europeos, posto que as políticas de austeridade e axuste orzamentario diríxense principalmente a reducir prestacións sociais ou servizos básicos que inciden directamente na súa calidade de vida.
A estratexia aplicada contra a crise económica, inspirada nas teses da dereita económica e aplicada pola actual gobernanza europea durante estes anos non frutificou nin sequera nun breve asomo de reactivación económica e mesmo alargou a fenda nos territorios periféricos, como Galiza. Xa que logo, sería realmente novidoso que neste Consello europeo se aprobaran verdadeiras e eficaces solucións á profunda crise económica e de emprego, dado que desde o estoupido da crise financeira en 2008 celebráronse 17 cumios europeos que avanzaron na necesidade de maiores axustes que impoñen sacrificios á maioría da sociedade, pero que apenas contribuíron a retomar a senda da recuperación económica.
Por iso, a peor imaxe que nos deixa o Consello europeo de xaneiro de 2012 non é a dos comentarios de corredor do Presidente do Goberno do Estado español co máximo mandatario finés, por moito que descualifiquen a escasa sensibilidade social de quen os emitiu e indiquen até onde está disposto a chegar, senón a da grande estafa que se sigue a xestar na Unión Europea contra a maioría das persoas, contra os intereses das clases populares. As palabras pronunciadas á prensa polo Presidente do Consello, Van Rompuy, quen afirmou: "Recoñecemos que a estabilidade financeira non é dabondo en si mesma para saír da crise. Debemos facer máis, en particular no que atinxe ao crecemento económico e ao emprego"; ilústrannos do descomunal engano que nos infrinxen a cotío, ao empregar unhas palabras onde se relativiza a importancia das políticas que en realidade son reforzadas coa aprobación de medidas concretas, ao tempo que se enfatiza todo aquilo polo que non se realiza nin un só esforzo adicional.