Un aval máis para a involución autonómica; unha oportunidade para medrar

Un aval máis para a involución autonómica; unha oportunidade para medrar

O luns, 28 de Xuño, o Tribunal Constitucional, convertido en conclave supremo para a interpretación do credo españolista, ven de adiantar a súa sentenza inapelable sobre o Estatuto de Cataluña. Despois de máis de catro anos deliberando sobre as cores literarias e políticas con que revestir a redacción máis que sobre o fondo mesmo da sentenza, este Tribunal Constitucional, dotado da sacrosanta autoridade que lle outorgan os partidos estatais, acaba de fallar:

- Que Cataluña non é unha nación, máis que a efectos da retórica literaria;
- Que non hai territorio para lingua catalá, porque esta (a diferenza do castelá que, por algo, foi bendicido pola sagrada comunión dos Reis Católicos e a ¿retórica? ditadura da súa santidade, El Caudillo) non é unha creación social, senón tan só o resultado casual da imaxinación individual.
- Que non existe máis lei que a da romanidade española, nin máis tribunais que os do imperio.

Como se ve, nada hai na sentenza que non souberamos os galegos. Nada novo que non viñeran xa practicando os tribunais de Xustiza do Estado (Audiencia Nacional, Tribunal Supremo e Tribunal Constitucional) cando se trata de interpretar dereitos nacionais e democráticos de galegos, vascos e cataláns. Nada novo que non viñera exercitando, a través do BOE, o poder político e lexislativo español co seu continuado recorte e reinterpretación das competencias autonómicas. Nada novo, en fin, que o Sr. Feijóo non estea practicando en Galiza dende a súa volta ao Goberno da Xunta.

Aínda así, por máis que o Tribunal Constitucional non se teña saído unha coma do guión agardado polos nacionalistas dunha ou doutra beira, a sentenza vai dar inicio (se non se frea) a un preocupante camiño e a unha anovada argumentación en contra das identidades nacionais e das competencias autonómicas que non nos pode deixar indiferentes a cantos e cantas acreditamos que na Soberanía de Galiza residen as mellores ferramentas para, -e especialmente nestes tempos de crise-, organizármonos nunha sociedade máis xusta e solidaria.

A partir desta sentenza, -aínda sen coñecer toda a súa literalidade-, estamos seguros que empeza un camiño de recortes competenciais e de eliminación de identidades nacionais que non vai ser doado frear e combater socialmente.

En primeiro lugar, porque os argumentos en contra de maiores competencias (dereitos nacionais) para as nacións sen Estado deixan (formalmente) de ser argumentos "politizados e de parte" para quedaren revestidos pola "autorictas legis" dos tribunais de Xustiza, facendo así máis xustificable calquer agresión aos dereitos nacionais e ás competencias estatutarias que tiñamos conquistado e asumido; En segundo lugar, porque, ao facela coincidir (moi oportunamente) coa situación de crise económica que os políticos do neoliberalismo están facendo recaer sobre os traballadores e traballadoras, a sentenza vai ser tamén utilizada para reforzar a argumentación en contra dos dereitos nacionais, -individuais e colectivos-, coa escusa (habilmente acaída) de que Administracións autonómicas tan reivindicadoras das súas competencias constitúen un inaceptable desbarato para un erario público perigosamente deficitario.

Para afrontar socialmente este debate, haberá que empezar por termos claro que o problema da configuración plurinacional do Estado non radica no contido e argumentación dunha sentenza (unha máis), nin tampouco na incompetencia dun Tribunal chapuceiro e insolvente. A verdadeira raíz está no propio texto dunha Constitución, empeñada en non recoñecer máis realidade que a da España única, -uniformada a base de monarquía, touros, fútbol e tortilla-, e en disolver calquer outra identidade nacional nun Estado igualitario de autonomías provincianas de café para todos. Aínda así, non debemos desprezar a pedagoxía para, dende o debate concreto sobre o contido e circunstancias da sentenza, afianzar e agrandar a conciencia nacionalista do país.

Así pois, en relación ao primeiro, dende unhas premisas que o PP e os seus comentaristas a soldo xa teñen utilizado contra a presenza do galego, vasco e catalán no Senado, os distintos nacionalismos do Estado, -cadaquén dende as súas forzas e circunstancias-, temos que recuperar a iniciativa do debate ideolóxico e político. Temos neste sentido que insistir en denunciar o carácter antidemocrático, españolista e partidista do Tribunal Constitucional. Un Tribunal que é o resultado, non da profesionalidade xurídica dos seus membros, senón de atrapallados consensos entre os partidos estatais maioritarios, con clara consigna de impedir a presenza de calquer xurista respectuoso cos dereitos nacionais de Galiza, Cataluña e o País Vasco; un Tribunal que acumula no seu historial diversidade de sentenzas contra dos dereitos de opinión e de liberdade de expresión de periodistas ou de candidatos e parlamentarios democraticamente elixidos do País Vasco e Galiza (recordar a sentenza contra dos parlamentarios do Bloque-PSG, expulsados do Parlamento Galego no 1982 por defenderen o seu dereito a discreparen da Constitución Española); un Tribunal, en fin, que, ao longo do proceso de debate sobre o Estatuto de Cataluña, veu a demostrar que as súas sentenzas teñen máis que ver cos compadreos e as presións políticas dos partidos estatais que coa interpretación da norma xurídica,...; un tribunal así non merece nin pode dárselle credibilidade algunha.

É esta unha batalla política que os nacionalismos do Estado temos que dar con habilidade, tesón e firmeza reivindicando que, en materia de competencias, dereitos e identidades nacionais, non poda a interpretación dun Tribunal (sempre unha interpretación particular, opinable e interpretable, por mais que pretenda facerse dende argumentos xurídicos supostamente neutrais) prevalecer por riba da interpretación emitida en referendo polo conxunto da nación afectada: se a soberanía reside no pobo, non parece coherente que poda un Tribunal, -calquera que sexa a súa composición e categoría-, vir a rectificar a interpretación que ese pobo ten emitido en referendo democrático.

E todo isto, sen, por suposto, desaproveitar a ocasión para relanzar o debate cara unha modificación progresista desta Constitución (nacida da imposición franquista e monárquica, por un lado, e da claudicación da esquerda estatal, por outro) de forma que nela podan ter cabida, en toda a súa extensión, as lexítimas reivindicacións nacionais de Galiza, Euskadi e Cataluña.

En relación ao segundo, á coincidencia da sentenza coa crise económica e á máis que segura utilización dunha e doutra para, combinadamente, reforzar a arremetida contra das competencias e os dereitos nacionais de Galiza, Cataluña e o País Vasco, temos que saber vincular a realidade da crise e das indecentes e inútiles medidas anticrise do goberno Zapatero, coa inexistencia dun poder político galego que, con plena capacidade e soberanía, puidera lexislar, aplicar e administrar medidas económicas, políticas e sociais coas que defender os intereses dos galegos e galegas; de medidas;

- Coas que evitar a espoliación dos nosos recursos (especialmente o dunha enerxía que producimos a costa de grandes impactos sen ningunha avantaxe para Galiza ou dunha minería que deixa fora todo o seu valor engadido);
- Coas que por en valor o noso agro e defender a produción agrogandeira de Galiza fronte á usura dos grandes monopolios europeos que só queren quedarse cos nosos mercados;
- Coas que defender e administrar con criterios de sustentabilidade os nosos recursos pesqueiros xunto con todas as potencialidades dos sectores asociados da conserva e da construción e reparación de barcos;
- Coas que poder promover un tecido industrial integrado e sustentable que complete os seus ciclos produtivos en Galiza, fronte a un modelo industrial de enclave, espoliador de recursos e de man de obra, que completa fora de Galiza os procesos de transformación menos contaminantes e de maior valor engadido (ENCE, ALCOA,...);
- Coas que defendernos da especulación financeira mediante a construción dun sector público de servizos e actividades estratéxicas e cunha Banca Pública que canalizara os nosos aforros e os nosos impostos cara a economía produtiva e a posta en valor das nosas capacidades e recursos;
- Coas que construírmos un marco propio de dereitos sociais e de relacións laborais que asegurara a dignidade das pensións e unha maior participación dos traballadores nas plusvalías do traballo;
- Coas que, en fin, defender e por en valor o noso patrimonio cultural, a nosa historia e a nosa dignidade

Facéndonos entender neste camiño, seguro que avanzaremos no recoñecemento social dos principios da Soberanía Nacional, é dicir, no benestar, na liberdade e na dignidade de Galiza.