Un animal con mitra


Cando se escoitan certas barbaridades que saen da boca dunha xerarquía da Igrexa católica, dan ganas de darse de baixa do colectivo, aínda que só sexa simbolicamente, porque apostatar parece que é misión imposible. Un pertence ao colectivo por tradición e porque sabe que a maioría do clero non pensa da mesma forma.

Algúns sentimos vergonza allea cando un bispo, que se supón que para chegar a ese status ten que ter uns estudos e unha experiencia vital, abre a boca coma se fose a dun vertedoiro, pero a realidade dinos que non é así, porque do mesmo xeito que na política, ascéndese porque alguén o empurra.

Os efectos dunha mala educación


Estou convencido que cando algún cura ou xerarca di o que di, é porque están convencidos de que teñen toda a razón, pero se é así está claro que non serven para estar onde están. A xerarquía eclesiástica caracterizouse historicamente por perseguir ao discrepante, ao que contradicía a súa verdade revelada, que non é máis que unha verdade mítica, fronte á verdade científica. Para iso non dubidou en utilizar a eliminación física, malia existir un mandamento que di non matarás. Por iso cando o facía o era en nome de Deus, utilizando o seu nome en balde e contravindo outro dos seus mandamentos. Hoxe ante a imposibilidade de crer no que din os chamados textos sagrados, por non coincidir co que nos di a ciencia, a resposta é que se trata dunha "cuestión de fe".

Tales ramallazos non son máis que os efectos dunha educación deformante nos seminarios para determinadas cuestións, caso da sexualidade humana, que ignora os avances da ciencia, a diversidade da natureza e a realidade da vida, fundamentalmente relacionada coa obsesión de que o sexo é pecado si non ten por fin a procreación, o cal debe de suscitarlles problemas morais e psicolóxicos moi importantes porque é imposible ir en contra de algo que é natural.

,Ofender sen necesidade

Asombra que nun colectivo como o eclesiástico, onde tamén hai homosexuais e pederastas, o papa Francisco falou da existencia dun loby gay no Vaticano, se ataque a este colectivo desde o púlpito, como o fixo no seu día o bispo de Alcalá, Juan Antonio Reig Plá, dicindo que "aquellas personas llevadas por ideologías que acaban por no orientar bien la sexualidad humana piensan ya desde niños que tienen atracción por personas de su mismo sexo, y a veces para comprobarlo se corrompen y se prostituyen o van a club de hombres nocturnos (sic)", ou como dixo no mes de xaneiro o recente nomeado cardeal, Fernando Sebastián Aguilar que manifestou: “La homosexualidad es una deficiencia que se normaliza con tratamiento, como la hipertensión”. Supoño que o purpurado sabe que as persoas non son hipertensas por vontade propia, senón que, unhas veces se debe a unha tendencia de seu de determinados organismos, e outra a factores derivados da idade e da alimentación, ou das tres cousas, e que as pastillas non curan esa "deficiencia", só axudan a controlala. Pero como a homosexualidade non é unha enfermidade, senón unha das manifestacións da diversidade da natureza e da sexualidade dos animais, incluídas tamén as persoas, non hai pastillas nin tratamentos.

O bispo de Málaga, Jesús Catalá Ibáñez, foi máis aló, e ante a pregunta dun adolescente sobre o matrimonio homosexual, en lugar de aproveitar para dar unha lección de tolerancia e comprensión, o que fixo foi ofender, o cal non está ben en ninguén, pero menos nunha xerarquía eclesiástica que debe dar exemplo. O grupo ao que se dirixía o prelado tiña un denominador común, eran alumnos que pertencían a colexios concertados e relixiosos. Por iso é moi posible que a pregunta non fose espontánea e que saíse dunhas cantas preparadas previamente na clase de relixión para darlle pé á resposta, contido ao acto e participación aos rapaces.

Eu podo entender que un bispo se opoña ás unións entre persoas do mesmo sexo, aínda que non o admito, por razóns de formación. Pero o que me chama a atención é que a elite eclesiástica sexa tan ignorante. Non se pode admitir a irracionalidade das súas respostas, ao comparar o rexeitamento a tal tipo de unión porque, segundo este animal con mitra, sería como a unión de "unha anciá e un neno" de poucos días ou o de "un home e un can". Dicir isto é ofender sen necesidade.

O tal bispo suponse que debe coñecer o Código de Dereito Canónico, que di que "o matrimonio prodúceo o consentimento das partes lexitimamente manifestado entre persoas xuridicamente hábiles, consentimento que ningún poder humano pode suplir". Xa que logo, mal pode dar o seu consentimento un bebé para casarse cunha anciá, ou un can para casarse cun home.

Pero o bispo, ademais de ser un irresponsable é un demagogo, porque dabondo sabe que as autoridades civís nunca lexislarían isto porque a sociedade e o suficientemente sensata para pedilo. Pero búrlase delas por dar a entender que se pode chegar a autorizar. O matrimonio para contraelo, tanto o Dereito Canónico como o Civil, esixe unha idade mínima de ambos contraentes e o consentimento, entre outros requisitos, para que sexa válido. Por tanto o exemplo, por esaxerado, é impropio e grotesco.

Algo tería que facer Roma


Con estas desafortunadas comparacións o bispo fáltalle ao respecto ás persoas que contraeron e contraen matrimonio legalmente, de acordo coas leis civís, e de acordo cos seus sentimentos, co amor que se profesan a parella que casa, o mesmo amor que anima ás parellas heterosexuais a contraer matrimonio canónico ou civil, requisito que por certo historicamente non tivo en conta a Igrexa permitindo as unións de comenencia, como os matrimonios de Estado. Porque os eclesiásticos, que son persoas como as demais, deberían de saber que se quere ás persoas, non ao sexo biolóxico. Cristo non predicou un amor selectivo, senón que dixo amádevos os uns aos outros, non dixo amádevos só os do sexo contrario.

Ante actuacións como a de Jesús Catalá, bispo de Málaga, algo tería que facer Roma para apartar do maxisterio a estes animais con mitra, que contribúen a que cada vez sexan máis os que se afastan da Igrexa. Un eclesiástico que fala así non merece estar ao fronte dun colectivo católico nunha diócese. Porque non se lle pode faltar ao respecto gratuitamente, primeiro aos rapaces aos que dirixe as súas palabras, entre os que seguro que tamén había homosexuais, masculinos e femininos, porque os está enganando e inculcando a discriminación do diferente, e segundo aos que están casados con arranxo ás leis civís, moitos católicos, aos que a sociedade a través do lexislador deu resposta á súa condición sexual.

Foi unha mágoa que esta animal mitrado, non aproveitase a circunstancia de estar con cincocentos rapaces para dicirlles que condenaba as prácticas pederastas por parte de certos curas, e o seu encubrimento por parte de determinados clérigos e bispos, algúns pederastas como vimos noutro artigo, alertalos e animalos a denunciar aos que cometen abusos sexuais con menores, porque, como dixo o papa Francisco o mesmo día 11 de abril, "cos nenos non se xoga":

"Séntome interpelado a facerme cargo de todo o mal que algúns sacerdotes, bastantes, bastantes en número, non en comparación coa totalidade, facerme cargo de pedir perdón do dano que fixeron polos abusos sexuais dos nenos". Si, foi unha mágoa.