UMG: 40 anos contribuíndo á autoorganización da mocidade galega

UMG: 40 anos contribuíndo á autoorganización da mocidade galega

Este 2017 cúmprense catro décadas da fundación da Unión da Mocidade Galega (UMG). A achega da súa militancia entregada e comprometida vai moi alén do seu papel como organización xuvenil da Unión do Povo Galego (UPG). Non fica reducida, polo tanto, a ter achegado importantes continxentes de mocidade á causa do comunismo patriótico, senón que sobre todo ten sido unha peza fulcral na autoorganización da mocidade galega e na construción do movemento xuvenil nacionalista (MXN) e no seu continuado alargamento até os nosos días.

Movemento xuvenil nacionalista

Desta maneira, á hora de abordar cal ten sido o contributo da UMG cómpre principiar por recoñecer a súa aposta estratéxica por propiciar a existencia dun movemento xuvenil nacionalista, de bases anchas e plurais que sobardarían os lindes ideolóxicos da propia UMG, sob unha premisa clara: elevar o nivel de conciencia social e nacional da mocidade galega e sumar máis mocidade ao proxecto emancipador que para Galiza representa o nacionalismo galego.

Sen esa aposta, que é a aplicación concreta no ámbito xuvenil da que a UPG fixo con carácter xeral a prol da autoorganización do pobo galego, é difícil que se puidesen concibir ERGA, Estudantes Revolucionarios Galegos, que nace cinco anos antes da constitución formal da UMG, mais que se construíu grazas á militancia moza da UPG; dos Comités Abertos de Facultade (1983-1984); dos Comités Abertos de Estudantes (1986-1987); e mais de Galiza Nova (1988). No entanto, para alén do traballo estritamente xuvenil cómpre salientar tamén a achega neta da militancia da UMG no movemento ecoloxista, no feminismo, na loita cultural ou no sindicalismo nacionalista e de clase.

Falamos, pois, de máis de 40 anos de contribución ininterrompida da mocidade comunista e patriótica á autoorganización do conxunto da xuventude galega. Unha acción, que como toda obra humana e colectiva non está exenta de contradicións, eivas ou equivocacións, mais que se desenvolveu sempre sob un elevado sentido da xenerosidade e unha concepción histórica do papel que debe xogar unha organización con vocación revolucionaria nesta terra e neste tempo. Sempre procurando atinxir un triplo obxectivo: alargar a conciencia social e nacional da mocidade galega; incorporala de maneira activa --e mesmo protagónica-- na loita política pola soberanía nacional e a xustiza social; e atender as necesidades e problemáticas específicas do estudantado e da mocidade.

A aposta da UMG en vertebrar un Movemento Xuvenil Nacionalista articulado sobre organizacións “sectoriais” de base ampla, inclusivas e plurais visa a firma e permanente vontade da UMG por fortalecer a causa da liberación da nosa patria con vocación de masas. De aí que se pulase por construír espazos que permitisen ao nacionalismo dispor de incidencia política práctica, de incidencia real, entre a mocidade, con capacidade de penetración do noso discurso, de popularización do noso ideario e alternativas. Resulta innegábel, mesmo para quen abxura das posicións ideolóxicas da UMG, e mesmo para as súas detractoras --tamén no seo do movemento xuvenil macionalista-- que esta, ao igual que o conxunto do Partido a nivel xeral, priorizou sempre, ás veces mesmo en exceso, o fortalecemento das organizacións do MXN sobre o papel da propia UMG.

Foi ese compromiso, teórico mais por acima de todo práctico, o que lle fixo ocupar á UMG un rol chave de soporte e dinamización do conxunto do MXN. Un papel gañado pola asunción responsábel e coherente do traballo no seo das diferentes organizacións, que fixo que historicamente se desempeñase como unha caste de ‘espiña dorsal’, por mérito práctico e capacidade para sumar convencendo e non por causa dun ‘dirixismo’ que ten máis a ver coa mitoloxía antiUPG que coa realidade material.

Activismo e mobilización

Aliás, é salientábel o esforzo denodado da UMG por instalar unha visión activista da política, fuxindo do sectarismo ideoloxista e autoreferencial e facendo central a mobilización. Unha visión construtiva da política, concibíndoa como instrumento de transformación da realidade e non como un mero espazo de autoafirmación.

Desde esa perspectiva foi crucial o seu papel nos principais procesos mobilizadores protagonizados pola mocidade galega, desde a campaña ‘dos aprendices’ a fins da década dos 70, pasando pola loita contra o servizo militar obrigatorio e a insubmisión, os masivos protestos contra a LOU, o Nunca Máis, o Non á guerra até as recentes folgas estudantís promovidas e alentadas, con audacia e determinación, por Erguer - Estudantes da Galiza.

Todo ese traballo, continuado e teimoso, ten configurado tamén a UMG como un dos factores que garanten a continuidade e futuro da causa nacional-popular en Galiza. Unha idea que reflectía moi acaidamente o lema do VI Congreso: “Isto é mañá”, na certeza de que o traballo de hoxe incide no presente e no futuro. O camarada Bautista Álvarez, que se ten caracterizado por unha continuada preocupación polo devir da UMG desde a súa constitución, chegou a afirmar, con acerto, nun vello Guieiro que “a UMG representa a Galiza do futuro”. Nese mesmo sentido, Francisco Rodríguez, naquela altura secretario xeral da UPG, recoñecía co gallo dos 25 anos da súa creación que “(...) A UMG foi quen, mesmo nas piores épocas e nas crises máis fundas do nacionalismo, non só de seguir colleitando nova militancia para o noso Partido, senón tamén garantindo unha parte significativa da renovación xeracional, con cadros ben preparados, do nacionalismo en xeral, en calquera das súas manifestacións: frentista, cultural, sindical… Cabe afirmar que a solidez e coherencia de moitas organizacións nacionalistas, precisamente no que teñen de tais, foron en grande parte aseguradas por moitos homes e mulleres que saíron das filas da UMG. (...)”

Escola de militancia

A UMG naceu coa misión explícita de axir como escola de militancia. Un obxectivo que ten orientado toda a súa actuación, axudando a formar cadros con vocación de militancia e paixón por transformar. Facendo que centos e centos de mozas acabásemos por subscribir unha cosmovisión revolucionaria, concibíndonos a nós propias como parte dunha causa que nos supera individual e, moi probabelmente tamén, bioloxicamente: construírmos unha Galiza ceive e socialista. Esa concepción e causa pola que Moncho Reboiras deu a vida e que, felizmente, partillan cada vez un maior número de compatriotas.

Referín antes de maneira expresa a existencia, como é lóxico e natural, de eivas, de insuficiencias, e tamén de equivocacións no traballo realizado nas últimas catro décadas. Mais se algo visou (e visa) a madurez da UMG, como continxente xuvenil da UPG, é a súa capacidade de rectificación. Darío Machado, un importante cadro revolucionario cubano, adoita explicar que a revolución é “un proceso de permanente rectificación”. Un enunciado que conecta coa tradición leninista que orientou as principais vitorias do movemento comunista internacional. Pois ben, a historia da UMG, desde practicamente os seus inicios até hoxe, axústase a esa máxima. De se debuxar en forma de gráfico, a traxectoria destas catro décadas non sería nin unha liña recta, nin unha curva perfecta. Abundan os picos de serra, as subidas e as baixadas, os acertos e equivocacións. Vitorias e derrotas que incidiron tamén no devir do MXN.

Fronte as equivocacións, os vicios e as desviacións (ideolóxicas e prácticas) o exercicio da critica e a autocrítica foi substancial para acometer as correccións que permitiron a súa superación. Un exercicio que tivo, e ten, na colectivización do traballo e da dirección, na planificación colexiada e dación de contas, na avaliación crítica as súas pedras basilares. E, tal e como explicou Álvaro Cunhal, a crítica e autocrítica para seren efectivas tiñan de ser exercidas desde a ética revolucionaria, a exemplaridade, a honestidades e mais a camaradería. Dicía o comandante Fidel Castro que “non existe arma máis potente que a convicción e a idea clara do que debe facerse”.

Moito camiño por percorrer

O recoñecemento do contributo da UMG non pode traducirse nun exercicio de vaidade colectiva para nos instalar na autosatisfacción acrítica. Fica moito camiño por percorrer, moito por mellorar en todos os ámbitos e facetas da actividade política, moita mocidade por convencer e organizar. No entanto, esa indispensábel autoexixencia non nega nin resta ápice de valor ao xa construído. Tal e como valorizaba o secretario xeral do Partido, Néstor Rego,no último exemplar do Guieiro editado precisamente co gallo do 40 aniversario, “(...) somos conscientes --e non teño dúbidas de que o é a militancia actual da organización do Partido-- de que fica moito por facer. Mais, felizmente, a UMG mantén firme a vontade inequívoca con que naceu hai catro décadas: a de ser unha ferramenta activa e útil para organizar a mocidade na loita pola liberdade da Galiza, pola independencia nacional e o socialismo”. Unha vocación vixente que, combinada coa acertada orientación da súa actual dirección, que cómpre recoñecer e parabenizar, ten logrado unha UMG máis cohesionada, clarificada e actuante, decisiva no fortalecemento do comunismo patriótico en Galiza e, en xeral, da causa nacionalista.

Avante coa UMG!