U-la Democracia?


Dicía Bernard Show que a plutocracia, despois de ter destruído o poder real pola forza bruta có disfrace de democracia, ten reducido a esta á nada. Nunca máis claro que hoxe que o poder o reside nas mans de quen posúe as fontes de riqueza. O espellismo de estarmos nun sistema democrático cae sobre o seu propio peso cando comprobamos que todas as cartas están marcadas e calquera intento de achegar o goberno aos intereses das maiorías sociais resulta truncado, desprestixiado, zorregado e mesmo xudicializado. O actual goberno do Estado representa á perfección estes feitos: conseguido o poder facendo trampas, desenvolve unha política contraria totalmente ao seu programa electoral e que claramente favorece aos poderosos que o sustentan facendo cada vez máis pobres aos desfavorecidos.


Sei que Sacha Barón Cohen é un cineasta controvertido e desconcertante, que vendo a súa obra non sabes que pensar a maioría das veces, probablemente que che está a tomar o pelo, pero na súa última película “El ditador” agasállanos cun discurso final que non ten desperdicio. Fala o protagonista diante dun auditorio internacional tentando defender as ditaduras: “Porqué se opoñen tanto ás ditaduras. Imaxínense se Estados Unidos fora unha ditadura. O 1% da poboación podería acaparar toda a riqueza do país. Enriquecer máis aos seus amigos ricos baixándolles os impostos e rescatándolles cando corran riscos e fracasen. Poderían ignorar as necesidades médicas e educativas dos pobres. Os seus medios de comunicación parecerían libres pero realmente os controlaría unha persoa e a súa familia. Poderían intervir os teléfonos, torturar aos reos estranxeiros. Poderían arranxar as eleccións. Poderían mentir sobre porqué van a guerra. Poderían encher as súas cárceres cun solo grupo racial e ninguén se queixaría. Poderían usar os medios para espantar ao pobo e facer que apoie políticas contrarias aos seu propios intereses. Sei que isto non é doado de imaxinar pero por favor inténteno”. O retrato das caras dos asistentes ao discurso reflectían perfectamente a constatación dunha realidade norteamericana trasladable absolutamente ao Estado Español e a nosa condición de colonia dunha colonia.

Cando no inicio do caso Gürtel o escenario no que o Partido Popular pretendía dirimir o asunto, como desculpa para incautos, eran uns traxes arriba ou abaixo a cousa xa estaba ben clariña. Cartos a esgalla para financiar o partido e encher os petos dos dirixentes a cambio de suculentas contratacións públicas a conta de todos e todas nos. E o prezo ademais incluída o desenvolvemento de políticas axustadas aos intereses dos “desprendidos” benfeitores. Engadámoslle a isto a obediencia debida aos poderes económicos internacionais e obtemos o que exactamente temos.

Como poden ser xustas unhas eleccións nas que algún partido participa con todas as cartas marcadas ao seu favor, con inxentes recursos económicos, con todos os medios de comunicación ao seu servizo, sen o máis mínimo disimulo, para enxalzar a uns e afundir a outros. Como podemos chamarlle a iso democracia?

Para colmo e como estratexia de ocultación das súas chafalladas, explicadas cun elocuente “la segunda tal”, o manido “todos son iguais”. Demonización da clase política para que todo siga igual porque tanto ten que “estean uns que outros”. Que inxusta situación para unha militancia e cargos institucionais as/aos que a defensa dos seus ideais, a parte de traballo e esforzo, lles custa cartos que teñen máis ben escasos, ou que aboan unha parte do seu soldo institucional ao seu grupo político en claro contraste cos/coas que reciben sobres con sobresoldos en negro.

Está claro que a democracia representativa xa non vale. Que non se pode dar un cheque en branco a quen concorre a unhas eleccións en condicións tremendamende vantaxosas e logo pon a desculpa da maioría tramposamente acadada para facer todo aquelo que lles ordenan aqueles que puxeron a pasta ou que ostentan o verdadeiro poder, prexudicando ás clases máis desfavorecidas. Roubar aos pobres para darllo aos ricos en definitiva. É a solución a democracia participativa? Iso daría para outro debate.

Quere todo isto dicir que temos que darnos por vencidos? Nin moito menos, exemplos temos e non poucos, tanto na historia como na actualidade de que é posible cumprir o que dicía João Afonso no seu Grândola, Vila Morena “O pobo é quem máis ordena”. O que non vale son medias tintas e mensaxes descafeinados para non molestar, está claro o que queremos, quen está en fronte e cales son a súas armas e as súas estratexias. Ben se pode resumir en berro instaurado polos nosos irmáns portugueses: Que se lixe a troika!

Para rematar lembrar na proximidade do día da Galiza mártir aos “bos e xenerosos” que deron a súa vida polas súas conviccións e pola súa patria, representando idealmente a unha clase política exemplar, ao servizo do seu pobo até dar a súa propia vida. E como imaxe de todos eles, Alexandre Bóveda, asasinado un 17 de agosto de 1936 que pon día á data. Os oligarcas, os poderes fácticos daquela, aproveitaron a guerra por eles provocada para quitar de diante a tod@s aquel@s que podían supor a máis mínima eiva para os seus intereses.