Turismo baratísimo
Todos os anos na época estival soe saír un tema de moda, coma a canción do verán pero con máis oíntes e opinadores, si iso é posible claro. Pois a banda sonora deste verán toca un tema bastante delicado que decidiron poñerlle de título turismofobia. Descubriron unha palabra clave para non ter que abrir un debate serio, posto que a información que recibimos por parte de algúns medios é que un grupillo de “antisistemas” poñan mensaxes non precisamente de benvida ao seus visitantes nos muros de algúns barrios de cidades como Barcelona, por poñer un exemplo. O tema vai máis alá, é moito máis amplo do que nos conta Telecinco.
Que facer cando se rompe o equilibrio dun destino turístico porque a poboación local e os visitantes comparten recursos limitados no mesmo espazo público? Que facer cando ves perigrar a túa habitalidade nunha masificación incontrolada ou nunha pérdida de esencia ou contaminación do lugar? Non creo que estes métodos sexan os máis civilizados, e polo tanto os máis eficaces, pero tendo de man estes actos tan imprudentes e desagradables, para que abrir un debate serio e analizar o problema de fondo? Non apetece, porque non sacia a fame capitalista dalgúns sectores.
Non é comparable en tamaño pero si no fondo, aquí na Galiza temos os nosos propios problemas sobre todo cando chega a época estival, e refírome a sectores que se benefician e aproveitan do comodín da crise para encherse o peito dicindo que crean empregos de calidade, cando o único nome que ten é explotación laboral con empregos irregulares, abusando dunha situación de necesidade.
Está claro que o turismo tense que valorar como un punto importante dos nosos ingresos, posto que permite o desenvolvemento do país, pero ollo co turismo que queremos. Un turismo autosuficiente e sostible que manteña a nosa estrutura económica, un turismo que alimente o resto de sectores da nosa da economía.
Como dixen antes hai algúns sectores de todo vale con tal de encher as súas propias arcas beneficiándose dos servizos públicos como os que máis. Estes sectores son os que deberían responsabilizarse da promoción e non depender tanto dos fondos públicos, esa actitude dependente repercute negativamente na profesionalización, mellor dito na falta dela, e por extensión, o acomodo e a precariedade no emprego no turismo estacional. Un modelo copiado de Benidorm, Salou, Marbella, etc... ese modelo Mediterráneo que converte en pobos pantasma o resto do ano, convertíndonos nunha sala de festas veraniegas, concellos nos que acaban creando cidadáns de primeira e de segunda categoría porque lles servimos marisco baratísimo cando o seu propio habitante non pode acceder a el por non ter un soldo digno nos meses que hai traballo. O mesmo modelo que provocou a especulación urbanística da segunda vivenda, xerando unha catástrofe no acceso á vivenda dos residentes de todo ano.
A calidade turística consiste en mimar o noso, aprecialo, respectalo e por suposto compartilo, non mancillandoo nin regalándoo con mentalidade de colonizados, a recuperación e a posta en valor do noso patrimonio natural e cultural, crear condicións de calidade para a nosa xente ten un efecto inmediato nos visitantes. Que quede tan claro como o que vou dicir agora: o problema non son os turistas, o problema son as políticas turísticas e a explotación dos destinos turísticos, producindo un decrecemento da calidade de vida local. Estamos a tempo de trocar, porque o veleno está na dose, o tempo diranos si o estamos graduando e dispensandoo ben.