Trinta Semanas Galegas de Filosofía: da praxe á memoria

Trinta Semanas Galegas de Filosofía: da praxe á memoria

Non podía ser máis acaído o tema da trixésima Semana Galega de Filosofía: Filosofía e Memoria. Tivo lugar –coma sempre- en Pontevedra e –coma sempre- a semana seguinte á Pascua católica, este ano do 1 ao 5 de abril.

A memoria colectiva, a memoria histórica. A necesidade da memoria como seres humanos, como pobo. A memoria como xustiza, como recoñecemento. O esquecemento pretende botar terra, non pretende curar nin unir. Non resolve; ao contrario.

A necesidade da memoria do que teñen sido estes trinta anos de Semanas Galegas de Filosofía. Do recoñecemento sen medias tintas do seu valor e do seu significado na construción da nosa identidade nacional e do seu valor na formación de cidadáns máis libres e críticos. Do recoñecemento ás persoas que encetaron esta realidade aló polo ano 1981 no instituto Valle Inclán de Pontevedra, ás persoas que nesta longa traxectoria foron pasando por ela deitando todo o seu entusiasmo e traballo e ás que actualmente manteñen aceso o facho. Sempre loitando contra o establecido, contra o pensamento único, nadando contra corrente, pero sempre coa ilusión de formar parte dun proxecto necesario e co sentimento de formar parte dun proxecto sempre colectivo que forxou unha intensas relacións humanas de fraternidade. E sentir tamén o agradecemento dos centos de relatores invitados de todo o mundo, e apoio e a ilusión dos miles de participantes que cada ano asisten á Semana. E digo miles: poucas actividades desta índole pódense gabar de ter unha concurrencia tan elevada, unha asistencia tan fiel a cada unha das quince sesións que conforman cada congreso. E digo participantes porque son moito máis que asistentes pasivos: a Semana Galega de Filosofía é unha ágora aberta e plural, na que a participación libre nas sesións, a interacción cos relatores, é moi relevante e a contorna do Teatro Principal e a cidade aberta de Pontevedra convírtense nun espazo de encontro e debate entre coñecidos e descoñecidos, un espazo onde falar e debatir con profundidade non é alleo nin estrano.

O Teatro Principal foi a sede este ano da Semana, como unha mostra máis da lapidación e exterminio do patrimonio de todos os galegos, pois NovaCaixaGalicia Banco quería cobrar 7000 euros polo uso do seu Auditorio, que antes era de todos nós, e que a antiga Caixa cedía gustosamente para a celebración do evento xunto cunha importante subvención desde case as primeiras Semanas. Pero Pontevedra sempre respondeu a Aula Castelao, e nomeadamente o seu Concello, que xunto á Universidade de Vigo sosteñen materialmente o Congreso. Aula Castelao de Filosofía e Pontevedra van vencellados desde o principio. A cidade é chave na estabilidade da Semana. É acollida con agarimo. É esperada. E constitúe toda a vila esa enorme ágora que permite pasear, atoparse, compartir.

Nesta Semana dedicada á Memoria procurábase, como dixo Montse Bragado en nome da Aula Castelao na Clausura do Congreso, “un medio para crear espazos abertos... memoria para termos ferramentas axeitadas coas que construír lugares novos, mapas alternativos á situación económica, política e vital actual... memoria tamén como recurso para pensar o presente e o futuro.” Estes lugares de apertura, eses espazos liberadores foron catro cos seus intérpretes: o espazo do festexo, dos 30 anos da Semana Galega de Filosofía con Ramón Regueira; o espazo da denuncia, con Manuel Rivas ou Bruno Groppo; o espazo da praxe transformadora, no que encaixamos a Miren Etxezarreta e Manuel Cruz; e o espazo do compromiso, con Francisco Fernández Rei, Aurora Marca ou a portuguesa Paula Godinho.

E profundamente emotiva foi a Clausura dedicada ás vítimas da represión franquista en Galiza, unha homenaxe aos que sufriron a represión e aínda están a sufrila mediante o esquecemento, e que contou coa presenza e o testimuño de Flor Baena (irmá de Humberto Baena, membro do FRAP fusilado en 1975), Gonzalo Adrio (irmán de Xosé Adrio, fusilado o 12 de novembro de 1936), Telmo Comesaña, presidente da Asociación Memoria Histórica do 36 de Vigo, Luis González "Ferreiro", militante comunista durante o franquismo, e Valentín García Bóveda, neto de Alexandre Bóveda.

Nunha volta máis de torca, o ministro Wert quere reducir aínda máis os xa escasísimos estudos de filosofía na educación secundaria. Non interesa formar persoas que lle dean valor ao pensamento e á capacidade de análise crítica. Interesa máis “formar” recursos humanos, forza de traballo que non pregunte nin cuestione. Que estean “despolitizados”. Nestas horas baixas para o pensamento libre e crítico, a Aula Castelao de Filosofía preséntase tan necesaria e imprescindíbel para o noso país e para cada un de nós como o leva sendo neste trinta anos. Como dixo Ramón Regueira, cofundador e presidente de honra, a Aula Castelao procura a galeguización fronte a instalación, a innovación fronte a domesticación, a participación fronte a cerrazón: “a Aula Castelao pretendeu durante toda a súa vida vacinarnos contra un aire que se respira, e que están tratando de meterse na nosa cabeza, de furar nos nosos miolos, ese aire leva catro virus, o virus da impotencia, o virus da resignación, o virus da amnesia e o virus da indiferencia.”