Trinta anos
Amigas e amigos leitores: Estamos a comezar o ano en que cumpriremos -no albor do próximo outono, mes de Setembro- os primeiros trinta da fundación do actual BNG. Quizabes non sexa sobrante de todo lembrarmos que este feito constitutivo do nacionalismo contemporáneo foi un ponto de partida; mais, ao tempo, un ponto de chegada e, desde logo, unha continuación histórica abruptamente interrompida pola guerra civil española, onde á nosa patria, a Galiza, tocoulle unha parte ben cruel, só recentemente rehabilitada e (re)construída historiograficamente (aínda en proceso...). O Partido Galeguista que se funda formalmente en Pontevedra, en Decembro de 1931, ten e mantén unha clara vontade unitarista, ao selar a alianza e acción partidaria común de todas as faccións nacionalista-republicanas operantes na Galiza nos anos inmediatamente anteriores. Por certo -como o mesmo Castelao recorda oportunamente-, o labor cultural (que non culturalista) desenvolvido e acumulado no período da ditadura primorriverista foi fundamental para crear e sedimentar unha conciencia galega que tan bon papel estritamente político había xogar no rexime seguinte, a 2ª República española. Visto desde hoxe, admira comprobarmos o inmenso traballo desenvolvido polos nacionalistas galegos de pre-guerra e pola acción dun partido, como o galeguista, que non puido operar nen sequer cinco anos consecutivos a prol do fortalecemento do nacionalismo galego, contándomos, por suposto, co ferrollo imposto polo bienio negro (desterro funcionarial-tentativa de descabezamento político-organizativo daquel, nas persoas de Castelao, secretario político, e de Alexandre Bóveda, secretario de organización, transterrados, respectivamente, a Badajoz e Cádiz).
Con moi diferentes e densas pegadas desta memoria histórica galega, o nacionalismo galego contemporáneo (re)nace, nos anos sesenta do século pasado, cunha vontade, ao tempo, de re-ligación e de actualización, de adaptación aos tempos. Tempos en que tantas patrias do mundo, tantas ex_ colonias estaban a conquistar a súa emancipación das potencias coloniais. Esta é unha das variábeis que inflúen loxicamente na emerxencia do nacionalismo contemporáneo. Por suposto, unha outra, a radical oposición á opresión exercida desde a inmediata e premente ditadura franquista, que agudizaba as xa inveteradas condicións de marxinalización e subordinación económico-política da Galiza. A novidade chamativa, en todo o caso (e, sobre de todo, a respeito do nacionalismo predominante no País Basco e en Cataluña), deriva da fusión -en beneficio mutuo- de marxismo como método de análise histórico-política e de irrenunciábel nacionalismo. A confluencia da Unión do Povo Galego e mais do Partido Socialista Galego -a aquela altura- nace desta simbiose.
Deamos agora un triplo salto no tempo. Das forzas constituíntes da "Mesa de Forzas Políticas Galegas" (1976), só a Unión do Povo Galego sobreviveu, sen guadianas nen reformulacións, no seo do "Bloque Nacional-Popular Galego" (AN-PG+UPG) e, desde 1982, no BNG. Este partido é moito máis coñecido pola súa sigla do que polo seu nome completo. Permítaseme recordalo inteiro, a unión do povo galego, e, por aquí, talvez aventurar unha hipótese da súa permanencia e continuidade política, na clandestinidade, na ilegalidade no actual rexime e na dificultosa legalidade a duras penas obtida. Algo terá a ver -conxecturo- a semántica das palabras que integran a súa nomenclatura: unión necesaria; suxeito escollido; adxectivo-epíteto imprescindíbel, non como complemento circunstancial -local- senón como definición nacional. A partir de aquí, caben moitas perguntas: ¿cando este partido, na súa actuación política concreta, antepuxo ou impuxo como conditio sine qua non o seu marxismo ou o seu comunismo?; ¿cando supeditou as súas decisións ou as súas propostas a non se sabe que designios de non se sabe que internacional comunista?; ¿cando subordinou as súas tácticas a unha política internacional -do bloco chamado do Leste- en detrimento da proclamada soberanía de decisión galega?
Se estas perguntas se plantexasen e respondesen, con respeito á verdade histórica, habería a posibilidade de situarmos o debate nos seus termos realistas: mantermos, ou non, a continuidade dun proxecto e dunha obra nacionalista, con toda a adaptación precisa aos tempos, ou ben apontármonos a unha outra solución, por exemplo, a tentativa de oferecermos unha oferta político-eleitoral semellante á vella facción "galeguista" do PSOE. Naturalmente, todo se pode falar, remodelar e reconverter, mais coido que sería imperativo político-moral ineludíbel centrar o debate en perguntas que admiten moi pouca ou nengunha ambigüidade, verbigracia:
· ¿Seguimos acreditando na existencia e fortalecemento do sindicalismo nacional e nacionalista (CIG) ou apontámonos a calquer central sindical?
· ¿Admitimos e adoptamos, como único idioma normal e oficial, internamente e en todos os usos sociais e públicos posíbeis, o galego, ou practicamos o pactismo sedicentemente galego do "tanto ten", "o caso é entenderse", "hai que se abrir á sociedade" etcétera?
· ¿Qué significa "abrirse á sociedade"? Aclárese: ¿expandir a mensaxe do BNG e dilatar o seu campo de influencia ou adaptármonos, en táctica curtopracista, ao que a "sociedade" padece por dominio directo da moral-política-mediática dominante?
· ¿Afiliámonos á permanencia e melloría do BNG ou a dinamitalo desde dentro?
· ¿Entoamos cánticos varios á pluralidade, o frente amplo..., e, descaradamente, defendemos a EXCLUSIÓN dun dos membros fundadores do nacionalismo galego contemporáneo, a UPG, que, por certo, nunca usou do voto ponderado nas filas do BNG?
· A militancia: ¿ela é boa, consciente, cando favorece o seu voto as posicións que defende e, por contra, convértese en "robótica" e manipulada cando ESCOLLE democraticamente, en votación asemblear, as alternativas que mellor conceptúa?
De certo que poderíamos seguir con máis enunciados deste cuestionario inexistente. Inexistente, porque un dos problemas -e non menor- dos que está a padecer o BNG hoxe é o plantexamento de debates falsos, fantasmagóricos (refutar e combater o que non existe), inducidos pola pantalla mediática nada inocente e si claramente interesada na anemia e destrución do nacionalismo galego, cando si sería ben produtivo situarmos (que todo o mundo o fixese) os termos claros do debate ideolóxico-político en que nos encontramos inmersas-os.
Permítaseme un recordo persoal. Meu pai gostaba de recordar e repetir unha frase que lle atribuía á miña avoa materna, isto é, á súa sogra. "Como ela dicía -evocaba- isto non ten traza...". Recórdoa, saudosamente, aplicada, por exemplo, a cando miña irmá ou eu cometiamos algunha trasnada, como el dicía, moi pouco edificante...
Si, amigas e amigos leitores: isto non ten traza... ¿Que é o que non ten traza, aplicado a nós? No meu xuízo -para o que solicito a benevolencia concedíbel, como a tantas e tantos máis, a quen leva moitos anos con boa vontade de engrandecer e arrequecer o nacionalismo galego organizado-, o que non ten traza é apontarse a captar e dirixir o que se di detestar na súa forma actual, tan cheo de defeitos e maldades que nos perguntamos como é que os que así pensan non se corresponsabilizan -ao igual que o fan dos "éxitos"- da deriva declinante: ¿ou é que, en dualismo oportunista, o "ceo" só corresponde a uns e o "purgatorio" a uns outros? Descaradamente maniqueo, non é?
Conclúo. Dentro dunha semana, no 28-29 deste mes, reunirémonos en Asemblea Nacional, a previa e inmediata á celebración do noso trixéximo aniversario. Non desempeño, na actualidade e desde hai anos bastantes, cargo nengún orgánico e/ou institucional no seo do BNG. Falo, porén, após moitos anos de militancia mantida e de coñecemento directo, en postos diversos, da organización e da súa representación institucional. Desa "autoridade" me sirvo, militancia á que sigo servindo desde outras tarefas e funcións, coido que non desprecíbeis. Chamo, por isto, a cualificados compañeiros con moitos anos de servizo e de cicatrices na loita común, chámoos a non protagonizaren nen ampararen accións-boomerang: todo o que deostaren do actual BNG inevitabelmente recairá sobre a parte alícuota que a eles lles corresponder. Chámoos a prescindiren de tantos preconceitos acumulados. Chámoos a concelebrarmos conxuntamente ese aniversario próximo que citei. Chámoos, en fin, a reavivaren o espírito que levou os nosos antepasados a se fundiren no Partido Galeguista en 1931 e o que nos levou a todas e a todos os que participamos, na Coruña, en Setembro de 1982, á fundación do BNG. Un BNG que non naceu do nada nen por xeración espontánea, senón polo esforzo sostido e a vontade indeclinábel de patriotas galegas-os, homes e mulleres unidos na firme convicción de dotármonos dunha expresión política xenuína, de neta e única obediencia galega, que, ao longo de todos estes anos, foi sumando efectivos e alargando o seu campo de actuación. Que levemos unha década de declive eleitoral e de mantemento-remontada leves, mais visíbeis, non pode inducirnos máis que a corrixir o preciso, rectificar tácticas, mellorar notoriamente a nosa actuación... Todo o que cumprir, agás o ataque interno inmisericorde, agás o castigo inclemente aplicado aos de dentro no canto de o dirixir aos que están a esmagar de verdade a Galiza, mantendo a súa subordinación e marxinación no Estado e en Europa.
¿Moralismo dunha "vella" militante? Talvez. Non o desboto. Prefiro, secomasí, ser lida por quen poda acreditar na boa vontade que quero que presida os debates e as resolucións que se aproximan. En todo caso, pido que xulguemos feitos e non fantasmas. Pido que nos autorrespeitemos -todas e todos- na historia pasada. Non como estático recurso inmobilista; todo o contrario: como aval dun futuro necesario e posíbel. Para a Galiza, que non é unha entelequia, unha utopía ou un cómodo depósito idealista, senón, material e socialmente, nós mesmos, as galegas e os galegos de hoxe. Nen máis nen menos.