Transición, transición

Transición, transición

Lin hai pouco un artigo de José Mª Ridao, colaborador de El País, no que expresaba a súa perplexidade polo que estaba a acontecer coa avaliación social da Transición. Era incomprensible, para el, o xiro pendular que se estaba a producir a respecto daquel período. Nin podía ser tan exemplar o proceso que se desenvolveu entre mediados dos setenta e mediados dos oitenta, no século pasado, nin, ¡madia leva!, habería que maldicilo por consideralo responsable das moitas eivas que percorren este Estado. O que inqueda a Ridao, canda outros representantes do que pode ser a contorna intelectual do PSOE, non é outra cousa que a deriva deslexitimadora que gaña espazo no ámbito da dereita máis elocuente. Esa dereita que, agora fachendosa, reclama con voz tronante a eliminación do texto constitucional daqueles artigos e principios que supostamente prepararon a desintegración da "patria española" e, de paso, dos excesos garantistas que derivaron na aprobación de leis tan aborrecibles como a que regula o aborto. Nese balbordo ultradereitista pesca tamén o Partido Popular e, por iso, de cando en vez algún (ou algunha) dos seus representantes máis conspicuos amaga co discurso provocador. Pero non parece haber caso. O que parece será próximo partido de goberno sabe moi ben ata onde debe chegar e, como case sempre, as augas non han de rebordar a canle. Porén, nesta lea histórico-sociolóxica, hai outro asunto que semella ter máis interese. A preocupación expresada por Ridao semella ter como cerne a recente modificación constitucional pactada, non podía ser doutro xeito, entre Zapatero e Rajoy. Non penso que o apuren as futuras consecuencias sociais que se poden derivar dela senón que o vexo máis agoniado polo que supuxo de ruptura daquela (magnificada ata o ridículo) pureza consensual. Afeitos como estaban a gabar sen taxa as virtudes do consenso "exemplar", porque eles si que mitificaron todo aquilo, a extraordinaria xenerosidade, e perspicacia, que amosaron líderes e partidos (os que o fixeron) na procura da "estabilidade e da reconciliación", viñeron en reparar que tales artes de sedución só valeron para aqueles anos, que en pasando o apuro cada quen turra cara onde toca e que, ao mellor, a tan gabada Transición quizais merecera un pouso de crítica. Non é sen tempo que o que algúns, moi poucos, historiadores ou investigadores do social se atreveron (nos atrevemos) a dicir xa hai ben tempo acade agora un certo recoñecemento social. Que, por certo non precisa de grandes requilindorias. Vexamos: que non houbo ningunha derrota, nin suicidio político, dos franquistas a partir do ano 1975, antes ben, unha negociación de xeonllos da que saíron libres de calquera responsabilidade penal (amnistiados, bah!) e sen calquera explicación (canto máis devolución) das expoliacións e asaltos aos que someteron as propiedades dos vencidos. Que as conquistas políticas, sociais ou culturais (que as houbo, sen dúbida) non poden agochar as tribulacións dunha sociedade tutelada polos mesmos militares que respaldaron o golpe militar de 1936, chantaxeada por unha Igrexa que se nega a aceptar o seu papel de institución privada, aferrollada por unha xustiza que por baixo da venda só ten ollos para os poderosos e que nega con desprezo o mínimo dereito ao recoñecemento da diferenza. Non se trata de sermos fatalistas nin arrebolados, simplemente queremos que se conten as cousas ao xeito. Ao xeito de todos e non duns poucos. Un relato que non exclúa todo aquilo que seica é politicamente incorrecto nin que se ampare por baixo dun suposto equilibrio para non alporizar aos que aínda hoxe reclaman a vixencia da súa vitoria.

,Precisamos dunha revisión aberta, complexa pero sen trampas, da historia da Transición. Unha revisión académica, sen dúbida, pero tamén social e política. E de todos, porque tampouco é sustentable a vixencia dunha historia mitificada da oposición á Transición. Unha cousa é significar o esforzo denodado que aquela oposición desenvolveu para sobrevivir nuns tempos crueis, sen amparos nin recursos, e outra aprofundar na profecía autocumprida de que a relativa marxinalidade que a acompañou tan só é responsabilidade dos outros. E por veces, máis das que debera, semella que algúns dos dogmatismos, dos automatismos, que se desenvolveron naqueles anos (por pura necesidade de supervivencia) nunca acabarán de desaparecer do escenario social. Tamén no nacionalismo. Dá mágoa pensar que, nesta altura, se poda "santificar" aos protagonistas daquela xeira outorgándolles o alcume de levreis, nunha contraposición malvada e destrutiva aos que hoxe "só prefiren o unto". Que este pobo, seica, non "mereza" nin estea á altura da organización política máis representativa do nacionalismo. Ou que parte dese mesmo nacionalismo ridiculice o debate sobre a necesidade de abrirlle as súas portas á sociedade na que se insire (aínda que só sexa porque a inmensa maioría dos seus votantes están fóra da organización dos elixidos e porque, polo que se intúe, non sempre comparten os designios dos levreis). Como en tantas ocasións na historia, a estridencia na argumentación non é outra cousa que a expresión do temor ao cambio. E así andamos, abeirados a un discurso que por máis perfume que se lle bote non disimula o cheiro a rancio, a vello, a reaccionario. Malo, se calquer tempo pasado foi mellor.