Transformación dixital: Está Galiza preparada?
O primeiro proceso histórico transformador aconteceu entre 1769 e 1830 e foi co paso da produción manual á mecanizada, coa única incorporación galega a cargo da fabrica de Sargadelos. Posteriormente sobre 1850 veu a segunda que introduzo a electricidade permitindo a fabricación en masa, téndose que agardar ate mediados do século XX para a chegada da terceira coa electrónica, as tecnoloxías da información e as telecomunicacións. Nesta terceira chegou tamén internet pero agora as tecnoloxías de intelixencia artificial asociadas aos macrodatos preparan unha cuarta revolución que trastornará o equilibrio mundial.
Blockchain, Big Data, Machine Learning, IOT e AI, entre outros moitos termos, forman parte desta cuarta transformación, introducindo ademais o debate de si teñen que ser traducidos ao noso idioma ou seguir sendo utilizados na súa terminoloxía inglesa en aras dun suposto entendemento global. En Galiza parece existir unha certa preocupación pola transformación na que podemos atopar sinais nos grandes grupos como PSA, Inditex, Estrella Galicia e Calvo e na aparición de distintas consultarías. Ademais como fundación sen ánimo de lucro atopámonos có Instituto Tecnolóxico de Galiza (ITG), sendo o investimento público en I+D+i (investigación, desenrolo e innovación) moi cativo.
Para dar unha idea da capacidade de procesamento actual consideremos que si levamos un teléfono móbil de última tecnoloxía no peto, levamos enriba 6.900 millóns de transistores e que un daqueles ordenadores que permitiron a chegada a lúa tiña 5.000 (sen millóns) e xuntando a súa capacidade entre todos os utilizados daba un total de un millón.
Comparemos agora o tempo que tardaron distintas tecnoloxías en chegar aos 50 millóns de usuarios para dar idea do tsunami que se achega. O teléfono tardou 75 anos, a radio 38, a TV 13, internet 4, facebook 2, instagram 19 meses, youtube 10, twitter 9, angry birds (xogo) 35 dias e pokemon go (xogo) 19. Felizmente esta revolución aínda que si é un tsunami pola desfeita non o é polo tempo xa que cun tsunami non hai tempo para tomar medidas e con esta transformación si, aínda que hai que poñerse xa a faena.
Quizais o máis preocupante deste tema sexa a influencia que terá sobre os modelos de negocio e consecuentemente sobre o emprego. Catro de cada dez empresas desapareceran en 5 anos se non se adaptan. Pensemos que os modelos de negocio ate hoxe tiñan unha media de vida de vinte anos, agora non pasa de 20 meses. É dicir que aínda que demos coa tecla e montemos un negocio innovador que funcione, non o fará despois dese tempo. Vai ser máis importante ser rápido que grande e acabou o paradigma do vaso medio cheo medio baleiro, agora o importante é si se está a chear ou baleirar.
Na listaxe dos dez empregos máis demandados hoxe en dia, estes non existían hai 10 anos e solo o 1% dos traballos de principios do século XX mantense. Isto significa que remataron os tempos nos que un tiña un traballo para toda a vida ou polo menos sempre traballaba naquilo no que se tiña especializado. Hai que estar aberto á continua formación e adaptación ao que demande o mercado. A OCDE calcula que o 80% de tipoloxías de traballo están en perigo de extinción. Infelizmente baixaron un 40% as matrículas en carreiras tecnolóxicas e solo hai un 9% de mulleres nelas cun impacto calculado pola súa cativa presenza de 9.000 millóns de euros de perdas.
Podemos dicir que haberá traballos non emprego. Moi preocupante é a actual tendencia de alugueiro de directivos que se pode estender a toda a cadea de emprego: Fichaxes temporais por proxecto (interim). Aínda así as persoas seguen a ser a clave, e non persoas que pensan senón persoas que executan, é dicir de nada vale ser marabilloso pensando se logo non se executa eficazmente.
Outro dato é que pasamos do 10% de robots ao 40% e segue a subir. Entendamos robots non solo como máquinas que fan traballos manuais senón tamén intelectuais. Ate o que parecía inabordable por eles como o mundo legal está vendo a chegada dos contratos intelixentes programados por intelixencia artificial que contemplan todo o que pode acontecer. O test de Tuning xa foi pasado por unha máquina no 2014.
Por outra banda esta chegada da intelixencia artificial está provocando a volta de antigas disciplinas como a de filosofía lóxica analítica, cun potencial brutal no futuro para o adestramento das intelixencias artificiais, ou a xa tradicional das matemáticas.
Resumindo as claves podemos dicir que o mundo está cambiando máis rápido que nunca, que hai que ter coidado onde te informas (fake news, manipulacións ideolóxicas), que implantar importa máis que pensar, que non todas as tecnoloxías aportan valor, que a vantaxe competitiva a nivel agregado seguen a ser as persoas e que as pemes poden contratar directivos que ate hoxe non podían pagar.
Aquí pouco efecto terán mobilizacións, protestas ou presións que como moito conseguirán parches temporais (vexase o conflito VTC-Taxi). O que ten que chegar chegará e máis vale que nos adaptemos e adaptemos todas as políticas, industria, empresas, formación e capacidades individuais ou o tsunami que acabará chegando arrasará con todo o que coñecemos, incluídos os logros sociais e no noso benestar. E adaptar significa que mantendo o noso ideario e as nosas loitas sociais temos que incorporar a Galiza a esta transformación. Seguro que atopamos o camiño para aproveitala e vela como unha oportunidade sen asustármonos nin rexeitala.