Touros… ¡Olé!

O 26 de setembro de 2013 tivo lugar no Congreso dos Deputados o debate de totalidade dunha Proposición de Lei, derivada dunha iniciativa lexislativa popular, para a regulación dos touros como ben de interese cultural. Máis tarde, o 3 de outubro deste mesmo ano, foi aprobada con competencia lexislativa plena pola Comisión de Cultura, após sufrir modificacións, entre elas darlle unha nova denominación, Proposición de Lei para a regulación da tauromaquia como patrimonio cultural. Este texto legal non anda con rodeos á hora de considerar a festa taurina, e todo o que a rodea, “parte do patrimonio histórico e cultural común a todos os españois”, “signo de identidade colectiva”, “configurador da identidade nacional propia” e “digno de protección en todo o territorio nacional”. O Goberno español fica lexitimado para “garantir a promoción da Tauromaquia como patrimonio cultural de todos os españois, así como tutelar o dereito de todos ao seu coñecemento, acceso e libre exercicio nas súas diferentes manifestacións” (artigo 5.1). Con tal finalidade, vai desenvolver as seguintes medidas (artigo 5.2): a) a aprobación dun Plano Nacional, que recollerá todas as medidas de fomento e protección da Tauromaquia, garantindo o libre exercicio dos dereitos inherentes á mesma; b) solicitar a inclusión da Tauromaquia na lista representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade da UNESCO; c) impulso de normas que fomenten a unidade de mercado, responsabilidade social e liberdade de empresa no ámbito da Tauromaquia, en consideración dos beneficios económicos, sociais e medioambientais que esta actividade xera; d) impulso e fomento, en colaboración coas restantes Administracións Públicas, dos mecanismos de transmisión dos coñecementos e actividades artísticas, creativas e produtivas que conflúen na corrida de touros e a arte de lidar. Haberá unha Comisión Nacional de Asuntos Taurinos, baixo a presidencia do Ministro de Educación, Cultura e Deporte (disposición final segunda). A mantenta respecto a linguaxe empregada pola Lei, para non deformar en nada o seu espírito e intención, agás a mudanza ao galego.
Chamoume a atención, lendo o debate de totalidade da Proposición de Lei en pleno para a súa toma en consideración, que a oposición á mesma se fundamentou en tres cuestións básicas: a festa taurina é unha manifestación ostentosa do maltrato animal, aspecto que, nalgunhas intervencións, chegou a rozar o bizantinismo científico na descrición do sufrimento e a agonía dos touros; a lei persegue anular a decisión do Parlamento catalán de prohibir as corridas cunha norma estatal de rango superior; consecuentemente, denunciouse que se trata dunha invasión de competencias das comunidades autónomas en materia de cultura, dentro do deseño recentralizador que move a política do Partido Popular en todos os ámbitos. A cuestión de considerar a festa dos touros como un patrimonio histórico e cultural común a todos os españois, signo de identidade colectiva, merecente de protección en todo o territorio, aos que con tanta insistencia fai referencia o preámbulo da lei e o seu articulado, apenas foi confrontada. E moito menos a intencionalidade de usar a tauromaquia como arma de españolización, revitalizándoa custe o que custe. Por iso, voulle dedicar algunha atención a este aspecto de vital importancia, en particular para Galiza.
Desde hai séculos, polo menos, desde que o cristianismo tivo incidencia social, existiu unha filosofía contraria ao uso da violencia e o maltrato contra os animais. Esta sensibilidade relixiosa acadou unha argumentación laica na concepción de que a civilización e o progreso humano, eran antitéticos da barbarie, en calquera das súas manifestacións, incluída a de danar, combater, ferir, facer sufrir ou maltratar, como alarde de capricho, sadismo ou superioridade, os seres vivos. A razón humana, na súa lóxica de procura do ben, a harmonía e a convivencia, era naturalmente proclive á piedade, á compaixón e ao respecto pola natureza viva, pois o home formaba tamén parte dela. É curioso comprobar que os Papas –Pío V, Gregorio XIII, Sixto V, por exemplo- ou os intelectuais que, entre os séculos XIII e XVIII, condenaban as corridas de touros ou espectáculos similares, facíano evocando o circo romano, como se se tratar dun comportamento propio de xentís. Para a sensibilidade cristiá o circo romano era condenábel pola exaltación como espectáculo do combate home/animal ou home/home até a morte. A corrida de touros non sería máis que unha versión, en sociedades católicas, do deleite pagán por ver correr sangue, neste caso do touro e, moitas veces, do toureiro. Esta tradición crítica, evidente desde a Idade Media, aboiou, nos derradeiros anos, con máis forza dentro da concepción ecoloxista en voga, que inclúe a proxección do sentimento humano sobre os animais. Certamente, o espectáculo dos touros xa non cumpre a función social de grande impacto alienante que cumpriu, especialmente no campo ideolóxico e político, desde mediados do século XIX até pasada a metade do XX. É selectiva e complementaria a súa función, específica. Hai outros espectáculos máis adecuados para cumpriren funcións alienantes de forma máis extensiva e axeitada aos tempos do audiovisual e a globalización. Neste aspecto, o animalismo atopa un aliado eficaz na concepción imperante da modernidade.
O espectáculo dos touros pasou por transformacións sociolóxicas e económicas de calado para se ir adaptando ás necesidades das clases dominantes. Pasou de ser unha festa de nobres e señores, co pobo excluído ou a distancia, durante toda a Idade Media, ocasión para mostraren os oligarcas forza, bravura e galanura, como adestramento para os combates, a se converter en “festa nacional” de España. O proceso de mudanza foi lento pero eficaz, acompasado coa construción progresiva do Estado centralizado e burocrático e a mitoloxía da nación única española, de recoñecida fundamentación cultural castelá-andaluza. Integráronse as clases populares como espectadores masivos, tamén como potencial carne de canón coa expectativa individual de convertérense en ricos. Aparecían como protagonistas dunha festa, presidida por señoritos. Era unha oportunidade de disfrutaren xuntos. Os señores congraciábanse así co populacho nunha diversión común, capaz de producir pingües beneficios empresariais tamén. A parafernalia mítica da españolidade, incluída moita contribución da intelectualidade progresista, acabou por darlle a consideración de arte polo seu colorido, incluído os efectos da luz solar na tarde, a presunta estética das faenas e a vestimenta dos toureiros e da cuadrilla, a impoñente presenza dos touros, a maxestuosidade dos cabalos, e o sangue vermello que chega a tinxir a area, sempre o touro como vítima, ás veces tamén o toureiro, porque a morte debe campar polo coso para a emoción existir, sublime sacrificio por fases. Majas e chulas sorrín porque aquí as mulleres ocupan o papel galante que lles corresponde tradicionalmente, sendo unha marabillosa oportunidade para luciren as súas galas e os seus dons naturais, mentres poden pasar sen rubor dunha obscena ou desprezativa alusión á pouca masculinidade ou á covardía do toureiro, como calquera macho da praza, ao pranto histérico e o alboroto dramático por unha cornada inesperada. Flamenco e touros foron sempre conxuntamente, conformando paseniña, pero de forma inexorábel, a identidade folclórica popular española, a de referencia para todos, e coa que todos nos debemos identificar.,É curioso observar como o poder establecido –incluída a Igrexa Católica, agora debidamente calada- xogou, durante moito tempo, cunha dualidade hipócrita verbo deste espectáculo, o mesmo que unha grande parte da intelectualidade española, precisamente por seren conscientes do seu, a cada paso, maior papel simbólico da “nación” única, da súa identidade. O proceso de sedimentación cultural popular, nos territorios das dúas Castelas, Estremadura e Andalucía, principalmente, é claro desde a época dos Reis Católicos, a aspiración a se converter en festa “nacional” albíscase ao longo do século XVIII, coa monarquía centralista borbónica, e estoura de forma nidia, premeditada e amparada oficialmente desde as institucións do Estado burocrático, centralista e capitalista, sobre todo a partir de 1833, que asume plenamente como a súa base a invención dunha nación única, España, necesitada de símbolos que a identifiquen. Non deixa de ser todo un síntoma que a maioría dos escritores de lingua castelá, desde o século XV até comezos do XX foran, moral e esteticamente, críticos co espectáculo taurino, unha posición que vai recuando progresivamente ao compás da súa conversión en símbolo de identidade colectiva. No mesmo debate parlamentario da Proposición de Lei para a regulación da tauromaquia como patrimonio cultural, podemos comprobar como está presente unha dualidade fuxidía entre a súa consideración como un costume, festa ou tradición, con arraigo popular en certas zonas, imbuída dun valor simbólico identitario que non se quer discutir ou se defende abertamente, e a súa visión como unha práctica que habería que considerar como unha parte do pasado do país, incompatíbel co sentimento de oposición ao maltrato e a crueldade cos animais. O discurso do representante do Grupo Socialista foi elocuente neste aspecto e a súa abstención tamén. Velaí as súas palabras: “…durante muchos meses en los ambientes taurinos los aficionados socialistas no lo han pasado bien a costa de tanta vana presunción, tampoco lo han pasado bien en este tiempo los socialistas defensores de los animales escuchando algunos reproches en los ambientes animalistas (…) Una parte muy importante de la sociedad española siente que esas prácticas hieren su conciencia moral. Por eso nos negamos a declarar los toros bien de interés cultural, sin entrar siquiera a discutir los valores estéticos de los mismos. Nos negamos en señal de respeto a esas personas, que son muchas, porque también ellos son españoles y España es tan suya como la del que más (…) Los toros no son algo que hayamos inventado los españoles del presente, insensibles a los cambios en la conciencia sobre los animales y la naturaleza, sino que forman parte de la historia, de la cultura, de la vida de muchos millones de españolas y españoles. En ese caso, en el caso de que pudiéramos, no podemos arrancarles todo eso sin arrancarles una parte del sentido de su vida, del ejercicio de su libertad. También España es su país, un país en evolución al que ninguna ley, por cierto, fijará para siempre en un momento de su historia cultural”. A intervención do portavoz do PP, propia do españolismo militante sen complexos, chegou até o paroxismo: “Como toda gran creación humana, la fiesta de los toros expresa valores universales. Como toda cultura popular, es inseparable de la identidad de los pueblos que la han inventado o adoptado”. Previamente sentenciara: “La fiesta de los toros es efectivamente inseparable de las identidades que ha forjado y éstas recirpocamente se han construído gracias a ella”. Non deixou de pór o dedo na contradición, na dualidade interna, oportunamente agochada na posición do grupo Izquierda Plural. Fíxoo exteriorizando a súa sorpresa pola unanimidade en contra da proposición non de lei deste grupo na súa totalidade (a intervención correu por conta dunha deputada catalá de ICV-EUiA, centrándose en defender a competencia do Parlament, condenando o maltrato animal e desbotando a posibilidade de emitírense corridas de touros en horarios de audiencia infantil). Lembroulles o portavoz do PP que distinguidos membros do Partido Comunista de España (Miguel Hernández, Alberti, Picasso, Domingo Dominguín…) foran grandes afeccionados. Preguntoulles se estaba no seu programa electoral o antitaurinismo e, finalmente, informoulles de que había moitos alcaldes de IU que organizaban todos os anos unha corrida de touros. Naturalmente, obviou toda confrontación con UPyD, malia a súa emenda de devolución, destinada a salvar a súa imaxe de modernidade ao tempo que se daba cobertura os elementos básicos da Proposición de Lei: por unha parte, non ás subvencións públicas, pola outra si a unha regulación de ámbito estatal do que consideraron patrimonio cultural inmaterial de España, categoría que o propio PP acolleu gustoso no canto da inicial de ben de interese cultural.
Neste momento crítico en tantos aspectos, afánanse en nós impoñeren unha legalidade que converte a festa dos touros nun patrimonio cultural inmaterial, coa debida protección das Administracións Públicas, en todo o territorio do Estado, incluída a posibilidade de subvencións públicas en particular polos concellos. De nada vale que haxa xa sociedades libres desta tradición española por decisión das súas institucións democráticas (Catalunya ou Canarias) ou refractarias popular e maioritariamente a ela (Galiza): hai que posibilitar que podan ser reeducadas, obrigalas a entrar e a someterse a unha festa estraña e sanguiñenta, elevada á categoría de arte, coa esperanza de os seus efectos españolizadores seren imperativos. O caso galego foi, e é, paradigmático. Aquí a tauromaquia sempre foi unha proxección forzada desde o exterior, naturalmente co colaboracionismo interno dos intermediarios máis servís do Estado español nos seus múltiples chanzos: a imitación de todos os símbolos de España e da súa identidade cultural oficial, como impostura, á vez que renegan unha e outra vez de todo o que ula a galego, é o que os xustifica no seu papel servil e indigno até a caricatura. Cante flamenco e touros foron instrumentos para ir socavando a cultura popular galega, as nosas tradicións, a nosa arte, a nosa música popular e o nosos cantos. A verdade é que os efectos do cante flamenco foron máis perturbadores na música, na canción e, naturalmente, na lingua, que as corridas de touros. Non podemos negar que o andalucismo, como modelo a imitar, nas súas diversas facianas, veu facendo estragos na mentalidade popular galega, na propia valoración e asunción do noso patrimonio cultural tradicional e as súas potencialidades de desenvolvemento, desde o século XIX até hoxe, cando menos. Por exemplo, causa estupor comprobar como se xustifica por parte de grupos folclóricos que din defender e estudar o nosos patrimonio tradicional musical, en nome do respecto polo traballo de campo, cantar cancións en castrapo ou en castelán como se foren un xenuíno produto autóctono popular, libre dos efectos da mímese, a imposición e a impostura colonizadora. Poden estaren certos de que, con este criterio, chegarán a recoller como cantos populares galegos letras das cancións de Manolo Escobar. O mundo das cantareiras necesita con urxencia unha reflexión a serio sobre o que cantan e como o cantan, por que o que recollen é como é ou está como está.
Cinguíndonos ao mundo taurino, afirmamos con rotundidade que a festa dos touros é totalmente allea a Galiza. Só a súa oligarquía nobiliaria, durante os séculos XVI e XVII, como homologación e por parentesco coa castelá-andaluza, celebrou corridas á súa maneira elitista, sen a menor participación popular: en Monforte, por exemplo, os Condes de Lemos, en ocasións sinaladas. O certo é que até mediados do século XIX, curiosamente, non chegou a Galiza o andazo das corridas. E non foi nin polo clamor popular, nin sequera polo da súa pequena e mediana burguesía das vilas e cidades. Foi desde as institucións creadas polo novo Estado centralista, concellos e deputacións, como un intento de mímese e homologación das capitais de provincia e cidades importantes, sobre todo con Madrid, e pola consideración, en ascenso, da festa dos touros como un símbolo da identidade nacional española. Así en 1850, por iniciativa do alcalde da Coruña, o exmilitar ferrolá, Juan Flórez, tivo lugar a primeira corrida de touros nunha praza de madeira construída ex profeso. A tradición antitaurina galega era de raíz popular e estaba sustentada, ademais, pola capacidade razoadora dos nosos máis ilustrados intelectuais, desde o século XVIII, o momento en que comezou a ser unha alternativa como festa nacional e axexaron que podía ter afán expansivo a todo o territorio da monarquía borbónica. Cualificaron como acto de barbarie as corridas de touros, subliñaron a nula tradición ou soporte popular con que contaban no noso país, o papel do touro como animal de traballo entre nós e previron contra os intentos de elevalas á categoría de símbolo de toda España. Feixóo, desde unha posición racionalista civilizadora, e Sarmiento, desde unha visión máis global e comprometida, arremeteron sen ambigüidade nin complexos contra a barbarie das corridas e a pretensión de consideralas unha festa cultural simbólica de todos os territorios, de todas as nacións do Estado centralizado. Chegaron moito máis lonxe que Jovellanos, quen tiña claro que había zonas como Galiza e Asturias totalmente alleas a esa tradición. A oposición interna na Galiza á introdución dos touros foi mudando en escéptica e pasiva tolerancia como un fenómeno de importación mimética que aparecía e desaparecía, nalgunhas das súas máis importantes vilas e cidades, como un Guadiana, segundo as circunstancias políticas e os gobernantes locais de quenda se visen urxidos a unha maior ou menor mímese, acatamento ou veneración pola festa nacional de España, como se vendía e espallaba, onde non tiña arraigo, mentres a inmensa maioría do pobo se mantiña indiferente e unha minoría se adhería ao flamenquismo, unha de tantas imposturas que o país soportou e soporta. A festa taurina foi aquí importada, sobrevive só se é claramente subvencionada e resulta unha diversión ou entretemento que ataca a nosa tradición cultural, a nosa visión do mundo, os nosos hábitos de diversión colectiva. Foi un factor de colonización mental e de asimilación cultural que nos converte en esperpentos indignos. A máis touros e flamenquismo menos respecto, consideración e identificación con todo o patrimonio cultural do país e menos asunción de quen somos e de onde vimos, máis autodesprezo e menos autoestima.
Pódese pasar á marxe deste aspecto, nas actuais circunstancias, para cinguirnos a unha crítica antitaurina que non desborde os límites da civilización benpensante, a denuncia da violencia e o maltrato contra os animais, e a necesidade de salvagardar a infancia e a formación da sensibilidade social da contemplación e exaltación de festas que incitan á barbarie. De feito, faise, mesmo desde posicións nacionalistas. Pode servir para non entrar nun debate político conflitivo. Porén, a función ideolóxica e política da festa taurina, convertida en festa nacional, nun Estado plurinacional, é máis que evidente. A Proposición de Lei do PP vén demostralo, nunhas circunstancias críticas e mesmo de declive da súa función como espectáculo de incidencia popular masiva como era na España cañí do século XIX ou grande parte do XX onde ocupaba, en boa maneira, o papel que hoxe ocupa o fútbol. Non son os mesmos motivos nin as mesmas argumentacións nin as mesmas consecuencias as que se derivan da defensa dos touros ou da súa prohibición nunhas nacións ou noutras do Estado. Nuns casos, hai que se confrontar cunha tradición propia, secularmente interiorizada, con funcionalidade xerada desde dentro da propia dinámica social, con gustos e tradicións sedimentadas secularmente. Noutros, estamos perante un fenómeno importado, unha impostura cunha clara finalidade, provocar admiración, sometemento a hábitos, costumes, festas e mesmo lingua alleas, como forma de homoxeneizar o espazo de todo o Estado cunha superposición cultural española, malia non sexa orixinaria nin propia, incentivando así procesos de subordinación e dominio. Aínda lembro como, hai uns anos, sendo deputado no Congreso, un importante número de deputadas do PP percorría España, como devotas seguidoras de José Tomás, contemplado como a esperanza dun novo símbolo, ascético e sufridor el, capaz de resucitar o entusiasmo das masas polas corridas por mor do golpe recibido nestes tempos de alienación futbolística e perante os efectos sociais das críticas ao espectáculo taurino como incivilización, barbarie e maltrato animal, e as propostas políticas a favor da prohibición, en Catalunya. Con que ardor español, con que indisimulado pracer acompañaban o novo Nazareno redentor, como se fosen Virxes ou Madalenas, para arroupalo, de forma especial en Barcelona, deixando así constancia de estaren dispostas a imitaren o martirio do toureiro na praza, coa súa defensa da festa nacional española en zona, segundo elas, hostil. Advertían así de que o desafío catalán, a pretensión de prohibir as corridas, facendo uso das competencias do autogoberno, non quedaría sen resposta, mentres esperaban que un milagre estético, unha pirueta máxica dun pobre sufridor, recuperase, coa oportuna axuda política, o pasado esplendor da tauromaquia, arte e diñeiro.
Recomendo que leamos máis os clásicos galegos (por exemplo, a Castelao e a súa visión da tauromaquia), se queremos facer unha real, contundente, axeitada e de efectos multiplicadores oposición á tauromaquia no noso país. Quen aquí intentou sempre introducila foi coa finalidade clara de provocar efectos colonizadores, mímese que nos converte en caricatura de outros, en renegados. Foi outra a intención de Francisco Vázquez, como bo galego á española? Corre outra idea pola cabeza dos señores que, co amparo de sevillanas, mantillas, peinetas, carrozas, pretenden seguir gastando en touros en Sarria, segundo eles, para atraer forasteiros á vila? Que move o desatino do alcalde de Muíños organizando en terras desérticas por mor da emigración corridas como reclamo de modernidade e españolía xustamente nas festas do verán cando máis fillos da diáspora retornan para pasaren alí as súas ferias? Pode darse maior dose de embrutecemento e de renuncia ao propio? Haberá que facerse notar por símbolos alleos, por costumes e diversións ben contrarias á nosa tradición, como se non fosemos ninguén por nós mesmos, o noso traballo, o noso patrimonio cultural e histórico? Non é de estrañar que o resultado sexa, a cada paso, unha maior anulación e a falta de perspectivas de futuro. E que dicir do espectáculo que se contempla todos os veráns na Praza de Touros de Pontevedra? Que sería del sen a presenza, asidua e notoria, dos galegos á española, e dos madrileños de Sanxenxo ou Baiona, presididos e animados agora por Raxoi e Feixóo, como majos ou chulos de España? Non lles parece que, grazas a esta rendida admiración flamenca, estes mozos galegos, agora xa en diferentes fases de madurez, demostraron ser aptos para gobernar España, nun caso, e para chulearse da Galiza noutro, desde a impostura do colonizado? Non está claro o que a Proposición de Lei aprobada no Congreso pretende protexer, amparar e impor precisamente onde os touros non son un fenómeno patrimonial autóctono?
O movemento antitaurino galego debería telo moi presente. E o nacionalismo galego, sempre contrario á tauromaquia, tamén. Neste como noutros moitos temas, pretender que a lóxica e a causalidade da oposición, deben e teñen que ser as mesmas aquí que en Sevilla ou Toledo, non deixa de ser unha simplificación abusiva que, en nada, nos beneficia nin aclara como pobo. O PP tan sabe que non é así que pretende obrigarnos a entrar pola forza na idea de que hai unha España única que, por certo, tivo e ten nos touros, e tamén no flamenco, por máis presentábel que apareza, unha das súas bases identificativas. Non é difícil de entender que touros e flamenco teñen a ver coa identidade, a traxectoria cultural e a tradición festiva de Andalucía, Estremadura e as dúas Castelas, polo menos. Non teñen a ver coa de Galiza. O problema non está só no maltrato animal nin na sensación de barbarie que a festa taurina pode provocar en moitas sensibilidades, un rexeitamento moi en consonancia con toda a boa conciencia aparencial que nos caracteriza. O problema está tamén no papel simbólico dunha identidade política nacional que, obxectivamente, cumpre, que ten como corolario unha ideoloxía de subordinación a unha imaxe, unha concepción de España como nación única, sustentada en valores e prácticas culturais destrutivas e aniquiladoras doutros valores, doutras prácticas culturais, doutras tradicións nacionais.