Tolerancia e pactos sempre. Rebaixar idearios nunca

Tolerancia e pactos sempre. Rebaixar idearios nunca

Crebando o silencio do grupo, expectante coma sempre por escoitar as verbas do mestre, Xesús exclamou: “y = x2”. Desconcertado Pedro, voceiro dos alí reunidos, dixo: “Mestre, non o entendo”, ao que Xesús, con toda a naturalidade, respondeu: “Home, claro, é que é unha parábola”.

Talvez a base grecolatina que informa a civilización occidental á que pertenzo non me permita nin albiscar o espírito das relixións mistéricas. O pensamento oriental, no que todas elas naceron, resúltame absolutamente exotérico e extravagante, presentándose moito máis próxima e comprensible á miña lóxica a mitoloxía grega con toda a súa carga explicativa do mundo e coa racionalidade da que emana o politeísmo. Evitaron así os gregos recorrer a abstraccións e a diaños que, polo de agora, e van alá miles de anos, semellan ter máis poder que o propio deus: a dor e o mal que causan segue a triunfar no mundo. Os gregos explicaban isto moi ben e sen complicarse; para eles todo era diáfano e tiñan deuses máis ou menos importantes para o bo e para o malo, mentres que as relixións mistéricas armaron unhas lideiras explicativas monumentais que, cando menos, serviron e serven para dar de comer aos que disque saben explicar algo do embrollo. A pluralidade de deuses nunha mesma relixión esixe compartir o seu poder, o que impide a verdade absoluta e o pensamento único, que se manifestan, mesmo con dureza inquisitorial, nas relixións dun único deus. Dicía Ernst Jünger que “a tolerancia é algo que está na natureza do politeísmo, pois os deuses consenten outros deuses ao seu carón”.

Se a idea das grandes relixións monoteístas (Moisés, Cristo, Mahoma...) resulta tan allea á miña comprensión intelectual occidental (deixemos agora a Pablo, Plotino e demais neoplatónicos cos que adubaron a doutrina), outro tanto me pasa con algunhas das parábolas ás que os orientais son tan dados. Se aquela coa que iniciei o artigo é perfectamente comprensible, á tan coñecida do “fillo pródigo” nunca lle collín o seu aquel e sempre lle dei a razón ao bo fillo que ficou na casa e que traballou a reo para ela, sen que o pai lle dese nunca un simple cabrito para facer unha grellada cos amigos.

Se para os grandes partidos, as listas de candidatos ao Parlamento Europeo son unha ocasión de poñer en vigor a máxima “promoveatur ut removeatur”, o que algúns traducen libremente, pero con moito acerto, “unha patada cara arriba”, ignoro a razón que de vez en cando move ao BNG a introducir nas listas fillos pródigos. Xa non é a primeira vez que sucede, e supoño que os que as elaboraron terían en consideración as frustracións ou decepcións que puideran causar en afiliados fieis e traballadores continuos na defensa das siglas. Ben sei o que leva consigo ser un bloque, onde, por definición, teñen que traballar conxuntamente grupos que teñen un ou máis intereses comúns, pero moi distintas sensibilidades. Dentro do BNG teñen cabida e conviven ideoloxías que percorren todo o espectro político, o que esixe unha disposición pactista continua. Así como no politeísmo os deuses pactan, discuten e loitan entre eles, mesmo formando alianzas internas, outro tanto sucede nunha organización política con estrutura de bloque e por iso, tamén aquí, ten que se manifestar necesariamente a tolerancia. Só así se entende que se presentasen baixo as mesmas siglas o alcalde de Pontevedra e o de Teo, aos que, dun tempo a esta parte, non lles atopo máis nexo de unión ca licenciatura en medicina.

Defendo a política de pactos contra o pucheirazo antidemocrático que pretende o PP coa proposta de cambio do sistema electoral. Este partido semella ter de canción de cabeceira aquilo que cantaba Raymon: “Qui perd els origens, perd la identitat”. Eles néganse a perder a súa identidade, ben xestada e mantida na ditadura franquista, e consideran rexeneración democrática que dous concelleiros dun mesmo partido gobernen un concello no que outros oito grupos políticos sacaron cadanseu concelleiro. Consideran que o pobo quere que dous impoñan a maioría sobre a posible unión pactada de oito.

O pasado sábado celebramos en Compostela o 50 aniversario da UPG, onde tiven ocasión de volver a ver, como diría Joseph Pla, “amigos, coñecidos e saudados”. Alí estaba un partido presidido polas súas bandeiras (a vermella cos símbolos do proletariado internacional e a galega coa estrela da liberación nacional) e arrancando coma sempre coa Internacional para, tras oito intervención, disciplinadamente curtas e condensadas, rematar co Himno Galego. Fiel ás orixes 50 anos, segue a manter como norte e guía a defensa das clases traballadoras e a loita pola liberación nacional de Galicia. Ten as ideas e os obxectivos moi claros; pero, ao longo de todo o acto, eu non sabería dicir se se coreou máis UPG ou BNG, porque este partido, mantendo a súa coherencia interna, demostrou sempre unha enorme capacidade de pacto. A liberdade que me dá o feito de non estar eu afiliado permíteme expresar publicamente a miña convicción de que, se non existise a UPG habería que fundala. Non quero maxinar cal sería a defensa de Galicia por parte dun BNG sen a UPG, sobre todo despois de ver e sufrir as defeccións e subseguintes entreguismos a partidos españois. Para min, a UPG é o cerne, o mellor proxecto para a defensa da miña terra e das súas clases traballadoras, o que non quita que, como todo proxecto humano, sexa perfectible, polo que, mantendo inamovible o esencial, o substantivo, a súa razón de ser, deberá estar aberta a escoitar, analizar e, sendo o caso, incorporar á súa acción política todos os aportes adxectivos que a enriquezan.

As miñas maceiras teñen sempre a mesma feitura e o mesmo tronco; pero mentres as raíces profundan cada vez máis na terra (cun radical amor), o tratamento de inverno a base de cobre fai que na primavera agromen ponliñas e follas con máis vigor e que os froitos, produto das maceiras, nunca do cobre, sexan cada vez máis vizosos. Eu estou convencido de que o noso pomar, a UPG, é o mellor, o substantivo, pero tamén de que non debe desprezar os aportes alleos, sempre adxectivos, para mellorar a produción. A UPG naceu con vocación de transformar a realidade do noso país; pero non é a verdade absoluta, está formada por patriotas, non por profetas, iluminados nin fanáticos relixiosos, polo que debe permanecer sempre aberta a pactos coas demais forzas políticas que teñan a Galicia como norte; pero non deben importunala as acusacións que recibe de intransixencia e imposición do seu ideario, pois chega con mirar cara atrás e ver cal é o sistema de elección de portavoces e demais cargos e carteis electorais do BNG e ollar a filiación partidaria de cada nome para comprobar o infundado dos ataques.

O único que lle pido á UPG, acolléndome ao amparo do artigo 46 dos seus estatutos, é que siga mantendo como único fin o traballo, a loita pola liberación da nosa nación e da nosa xente. Prefiro que regrese ás catacumbas a que modifique e rebaixe o ideario só por se manter, porque, e remato biblicamente, como empecei, “se o sal se volve insípido, quen o salgará?”.