Tod@s a votar no BNG nas vindeiras eleccións europeas
Co gallo das II Xornadas Internacionais ‘Comprendermos a Crise’ organizadas pola Fundación Moncho Reboiras, asistín recentemente a unha conferencia proferida polo francés Jacques Nikonoff, portavoz do Movemento Político de Emancipación Popular (M'PEP). Aínda que as súas observacións partían dunha análise ancorada no caso concreto do Estado francés, tamén era implícito que as conclusións que se tiraban ían máis alá.
Como me tocaba traballar como intérprete e por ter lido o texto detidamente con antelación, prestei máis atención e tamén cavilei máis do habitual. Quero partillar aquí algunhas reflexións que me suscitou a min e tamén aos membros do público nas súas preguntas, que tamén fago miñas.
A primeira parte do relatorio achegaba argumentos a prol dunha saída unilateralmente do euro e da Unión Europea, tachada de “sistema monstruoso de dominación e alienación dos pobos do cal é preciso emanciparse”. Resulta urxente derrubar a EU e o euro, por seren alicerces sobre os que se asenta o capitalismo globalizado, para recuperaren (no caso do Estado francés) ou acadarmos (no noso caso) a soberanía nacional e recrear así ex novo un auténtico internacionalismo. Trátase, en definitiva, de pexas que cumpre eliminar para poder emprender o camiño da construción do “socialismo do século XXI”.
As teses expostas nesta primeira parte partían dunha profunda e rigorosa análise e non carecían de interese. No entanto, a segunda parte do relatorio que máis debate provocou, cando o palestrante avogou por boicotear as vindeiras eleccións europeas. E é xustamente neste aspecto que quero centrar este artigo.
É verdade que na esquerda existe unha longa tradición de boicotear as eleccións, como indica o proprio Lenin: “O boicote é unha das mellores tradicións revolucionarias e marcou o período máis glorioso e heroico da Revolución rusa”. Porén, cumpre lembrar que o marxismo non é un dogma de fe, mais un método que se debe adaptar a cada situación concreta. Cabe recoñecer, portanto, que aquilo que pode resultar unha estratexia política acaída no marco da Franza como estado-nación no seu conxunto pode non ser válida para a Galiza.
En termos xerais, unha campaña a prol dun boicote coloca unha serie de problemas de difícil resolución. En canto o conferencista en cuestión estabelecía unha distinción para el moi nítida entre o abstencionismo pasivo por un lado e o boicote como acción política consciente polo outro, o problema radica en que o sistema polo que se rexen os comicios non recoñece tal distinción: non hai máis que abstención, entendida como apatía e non como un xesto deliberado de oposición consciente. O sistema electoral tamén non distingue entre as razóns ideolóxicas que poden motivar a abstención ou non. Noutras palabras, por moito que o M'PEP apele ao boicote desde unha análise de esquerdas, o resultado final confúndese ineludíbel e inextricabelmente non só coa abstención pasiva antes referida, mais tamén co boicote motivado polo euroescepticismo que define unha parte da (extrema) dereita. En definitivo, o boicote nunca pode chegar a ser máis que abstención e, portanto, de nada serviría para deslexitimar as institucións europeas tal e como pretenden os defensores desta vía.
Eis a segunda dificuldade que entraña unha campaña de boicote, cuxo obxectivo declarado consiste en expresar de xeito taxativo e masivo o rexeitamento a unha institución antidemocrática e antipopular para así deslexitimala. A idea é tentadora: segundo a liña argumental descrita, no caso de se atinxir unha abstención moi elevada (por exemplo acima de 75%), as institucións da Unión Europea, nomeadamente o Parlamento, perderían toda a súa lexitimidade para tomaren caisquer decisións e así deixarían, de facto, de poder seguir funcionando. En poucas palabras, unha abstención masiva marcaría a fin da UE e do euro, coa conseguinte devolución de soberanía a cada país (léase ‘estado membro’).
Ora ben, a realidade non é necesariamente tan utópica, como ben demostra un recente exemplo moi próximo, aínda que a escala moito menor. A principios deste mesmo mes, a taxa de abstención nas eleccións a reitor/a na Universidade de Vigo superou a vertixinosa cifra de 91% (!!). Ou, dito doutro xeito, só acudiron ás urnas menos de 2.000 membros da comunidade universitaria, 8,6% do total de 22.500 con dereito a voto. E, por se fose pouco, ao non existiren papeletas para o voto negativo que exprimiría un voto de non confianza no único candidato, o número total de votos en branco e nulos (1.199) superou con creces os votos a favor (751). Desde a perspectiva do boicote e da abstención activa, os resultados non poderían ser máis elocuentes nin máis contundentes. Porén, as consecuencias non se corresponderon co antes enunciado, máis ben todo o contrario: lonxe de recoñecer a súa derrota e liscar cantando baixiño, totalmente desacreditado e deslexitimado, o reitor eleito declarou que “a xente foi votar e participou” e, sorrindo e brindando pola vitoria coa súa equipa, dixo sentirse “apoiado para acometer un segundo mandato ao entender que conta co ‘apoio claro’ da comunidade universitaria”... Sobran os comentarios.
É claro que o parlamento europeo é un parlamento ‘fantoche’, sen as atribucións dun verdadeiro parlamento, como tamén é certo que a Unión Europea (pedra basilar do neoliberalismo globalizado) ten un enorme déficit democrático. Mais, xustamente por isto, non se vai sentir deslexitimado para seguir adiante coa súa política debido a unha abstención popular masiva, mais ben todo o contrario: primeiro, porque os pobos son o que menos lle importa, e, segundo, porque, ao interpretar calquer boicote como abstención pasiva, se sentiría con menor oposición.
Nikonoff ten toda a razón cando di que votar na ‘esquerda’ oficialista (léase no P‘SO’E no caso do Estado español) para conseguir unha maioría ‘de esquerdas’ na Unión Europea non mudaría absolutamente nada: primeiro, por seren estes partidos de ‘esquerda’ tan de dereitas como os proprios partidos de dereita (e mesmo máis perniciosos, por conseguiren facer tragar a mesma política reaccionaria ás clases populares sob a capa de ‘socialismo’) e, segundo, porque o proprio sistema está construído de tal xeito a non permitir ningunha mudanza substancial de orientación política. A esencia mesma da UE é neoliberal: non é reformábel.
Mais non se trata disto. No caso da Galiza, acadar unha representación propria na UE europea é esencial por varias razóns: porque temos o dereito de falarmos con voz propria e sermos escoitad@s; porque así podemos, polo menos, fiscalizar @s ‘representantes’ do pobo galego dos partidos españolistas e denuncialos publicamente como cando sacrifican a Galiza en favor dos intereses superiores desta súa España, grande e libre; e porque serve de ferramenta de propaganda para espallar a mensaxe soberanista e unha análise crítica das implicacións para Galiza de pertencer a España e, por ende, á UE, e contribuír así a crear consciencia nacional para erguer o país.
As eleccións dentro da democracia burguesa están sempre deseñadas para reducir á mínima expresión calquer risco de mudanza substancial no sistema que cabe derrubar. Mais non por isto participar en tais procesos electorais é antirrevolucionario. Remitámonos outra vez a Lenin: “Nós, bolxeviques, atuamos nos parlamentos máis contrarrevolucionarios e a experiencia demostrou que semellante participación foi non só útil mais necesaria para o partido do proletariado revolucionario, precisamente despois da primeira revolución burguesa na Rusia, a fin de preparar a segunda revolución burguesa e, logo en seguida, a revolución socialista”.
Encaramos o mesmo dilema que describiu aquel grande nacionalista irlandés, Gerry Adams, na súa homilía de Semana Santa de 1996, ao falar do referendo que levaría á creación da nova Asemblea da Irlanda do Norte: “O Sinn Féin nunca participará de modo algún neste tipo de institución [referíndose a un hipotético restabelecemento do antigo e desacreditado Sormont]. Preferiríamos boicotear tanto as eleccións como o corpo eleito. No entanto, vivimos no mundo real. Seremos guiados, pois, por se é preciso defender o noso voto ou defender os dereitos do noso electorado”. Como a el, a nós non nos queda outra alternativa do que defender o dereito de o pobo galego ser representado en Bruxelas, independentemente das innegábeis eivas da UE.
Por todo isto, animo todo o mundo a acudir ás urnas o día 25 de maio e votar no Bloque Nacionalista Galego, a única opción que representa unha alternativa verdadeiramente galega, cunha análise altamente crítica da Unión Europea.