Todo vale, mesmo resignarse
Mentres a "esquerda" fai políticas da dereita, os simpatizantes da "esquerda" non demostran publicamente as súas críticas por non facerlle o xogo á dereita. Mentres a "esquerda" conxela as pensións e recorta os soldos aos funcionarios, o PP critica o abaratamento do despido... se isto non é esquizofrenia, que narices é?
Temos convocada para o día 8 unha folga en toda a función pública e a estas alturas (apenas queda unha semana) vexo nos afectados unha resignación difícil de comprender pola miña parte (será que son moi novo).
"Somos uns privilexiados" é a excusa que máis escoitei nos últimos días. E esa visión non só a escoitei de portas a fóra senón máis ben de portas a dentro. Mais eu creo que ter un traballo fixo non é un privilexio senón un dereito (e semella que con esta afirmación vivise en Marte).
Non creo que os varredores e os do servizo de limpeza da administración ou concellos que gañan 900€ ao mes sexan uns privilexiados. Nin que os xardineiros, ou os adiministrativos que xestionan a administración e a burocracia destas adiminstracións sexan uns privilexiados. E tampouco creo que os mestres e profesores non nos merezamos o noso soldo nin as nosas vacacións polo tipo de traballo que desenvolvemos. E os bombeiros, policías, médicos, enfermeir@s, celadores, coidadores. Nin que as rapazas e rapaces das galescolas sexan uns privilexiados cos escasos 1000€ que gañan. Todos funcionarios (ou persoal laboral), para a sociedade vagos e maleantes.
A "esquerda" na dereita e os seus medios co " esto lo arreglamos entre todos" e demais campañas mediáticas, leva construíndo unha imaxe de nós perversa. A do "funcionario de ventanilla" da deputación que entra ás 10, vai ás 11 ao café, volve á 1 para dicirche "vuelva usted mañana". A de novos ricos acomodados con tres meses de vacacións ao ano que non a rañan.
Recórtannos o salario e moitos o día 8 non van a secundar o paro. Por prexuízos, non polos cartos. Porque viven decepcionados dos sindicatos. Odioso sobrenome que nos agrupa a todos por desgraza cando a traizón e o desánimo venlles dado polos sindicatos do poder CCOO e UGT. E eu non os culpo, poño todo tipo de argumentos enriba da mesa:
Non poden ser os servizos públicos os que paguen unha crise que provocou a gran banca privada e a especualción inmobiliaria.
Non nos podemos resignar. Isto non é solidariedade, é un parche inútil.
Debemos ir a unha folga non por este recorte senón por dar un golpe na mesa e dicir que non estamos dispostos a pagar unha crise que nós non provocamos. Hai que mobilizarse polo que virá detrás: novos recortes, suspensión da extra... Polos ataques furibundos do neoliberalismo sobre os servizos públicos.
Aquí en Galiza xa os estamos sufrindo: privatización dos centros de día, destrución do consorcio, máis concerto no ensino privado, construcción do hospital semi-privado de Montecarrasco, privatización dos parques de bombeiros, destrución dos servizos sociais no rural...
E mentres a resiganción invade as almas da maioría, sobre as nosas mentes ronda o medo ao que virá: privatización das pensións, reforma laboral despiadada e pactada á baixa polos de sempre, novos recortes, equiparación da dobre rede pública-privada, etc...
E mentres a xente crea que as pensións son un regalo e non un dereito, a resposta non chegará. Mentres a xente crea que as vacacións ou parte do salario son un regalo, a resposta xamáis chegará. E mentres non nos concienciemos de que non debemos pagar unha crise nós e si os que a provocaron e fomentaron, continuará a esquizofrenia e con ela o sistema. Maldito sistema. Ata semella que ten sorte.