Todo vale a cambio duns kW
O primeiro día en que o Goberno galego se atopaba en funcións, o Conselleiro de Medio Ambiente, o Sr. Hernández, presentaba a bombo e platillo unha obra que nese momento aínda se atopaba en consulta a avaliación de impacto ambiental. O proxecto de construción denominado como “Abastacemento da área metropolitana da Coruña a partir do lago artificial da central de Meirama” pretende, detrás dunha suposta deficiencia no abastecemento da Área Metropolitana da Coruña, construír unha minicentral e facer viábel outra, xa concedida en 1998, que se atopa ao pé do encoro de Cecebre.
A información saltou á opinión pública grazas á denuncia de ADEGA. A asociación ecoloxista denunciaba a utilización, agora para consumo, da auga acumulada nunha balsa mineira, a da mina de Meirama, que, segundo o proxecto da Xunta de Galiza, será vertida directamente ao río Barcés e, 17 kms río abaixo, ao encoro de Cecebre, do que se abastece a cidade da Coruña e a súa área metropolitana. ADEGA poñía en dúbida que esta auga puider servir para o abastecemento e denunciaba o efecto negativo que vai ter sobre o encoro Abegondo-Cecebre, dado que este espazo está incluído dentro dos Espazos Protexidos do Plan Hidrolóxico Galiza Costa e dentro do Inventario de Humedais de Galiza.
Mais, se non era suficiente, a cousa non quedou aí. Ademais de servir para presentar esta obra que, até ese momento, non coñecía nin sequera o Concello de Carral, gobernado polo PP e no que se construirá o túnel que levará a auga de Meirama ao Río Barcés, a visita do conselleiro ao Concello da Coruña serviu tamén para asinar un convenio no que a empresa municipal de auga da Coruña (EMALCSA) se fai cargo do encoro de Cecebre.
Foi o BNG o que tivo que denunciar que a gran beneficiada deste convenio non era nin a área metropolitana, nin o abastecemento de auga, senón a Concelleira de Cultura, Ana Fernández. O mesmo día que se asinou o convenio de colaboración entre Augas de Galiza e o Concello da Coruña, para a xestión e explotación da presa e encoro de Cecebre, o PP da Coruña, nunha Xunta de Goberno Local Extraordinaria, aprobaba xa o propio convenio. E isto, malia carecer dos informes preceptivos do interventor e da Asesoría Xurídica. Nesta Xunta de Goberno Local participaba a concelleira Ana Fernández, a pesar de que a empresa matriz da súa familia, Fergo Galicia, ten o 60% do capital social de Minicentrales Eléctricas de Galicia, S.L., empresa que ten a concesión do aproveitamento hidroeléctrico do encoro de Cecebre. O convenio na súa cláusula quinta fai referencia explícita de dita empresa cando sinala:
O Concello da Coruña e a sociedade Emalcsa comprométense a acordar a solución máis favorábel para a coordinación e realización dos intereses dos titulares dos dereitos concesionais outorgados ao propio Concello e á sociedade Minicentrales Eléctricas de Galicia, S.L..
,O BNG tamén denunciou que a concelleira de Cultura, que saltara aos medios de comunicación por describir a programación da anterior Concellaría de Cultura da Coruña, dirixida pola compañeira María Xosé Bravo como “demasiado gallega” ocupou, á vez, o cargo de concelleira en réxime de dedicación exclusiva e foi membro do Consello de Administración de sociedades, particularmente, de Minicentrales Eléctricas Bouza Vella, S.L. Hai que lembrar que o seu cargo municipal é incompatíbel coa realización de actividades mercantís, sexan ou non remuneradas, como sinala o art. 75.1 da Lei 7/1985 de Bases de Réxime Local, e a concelleira ocultou estos datos na súa declaración de bens. Así, o apartado de “actividades ou ocupacións mercantís ou industriais” feita pública aparece en branco.
Fronte a todas estas denuncias, o PP da Coruña comezou por negar a maior. Primeiro, dixeron que non había ningunha minicentral, cando este proxecto poría en funcionamento dúas e, logo, defendeu a participación da concelleira de Cultura na Xunta de Goberno Local que autorizou o convenio expres, argumentando que co convenio non se modificaba a concesión de 1998 para unha minicentral propiedade da concelleira ao pé do encoro de Cecebre, e que esta minicentral non se ía construír por non ser rendíbel.
Foi de novo o BNG quen tivo que lembrarlle ao PP que en maio deste mesmo ano Augas de Galiza precisou que a concesión do aproveitamento hidroeléctrico do encoro de Cecebre a Minicentrales Eléctricas de Galicia, S.L. está sen explotar, mais segue vixente, e a empresa, no momento en que se comezou a encher o oco da mina, tamén comezou a tramitar o proxecto construtivo. Por certo, esta construción invadía terreos á beira do encoro que son propiedade do Concello da Coruña, polo que EMALCSA tiña denunciado o proxecto de Minicentrales Eléctricas de Galicia. Agora, co convenio asinado polo conselleiro Hernández e o alcalde Negreira, o Concello da Coruña comprométese a desistir de calquera litixio do pasado.
A prensa máis chauvinista da Coruña chegou a acusar o BNG de ser “pouco coruñés” por non aledarse desta grande obra, que seica melloraba o abastecemento de auga da área metropolitana. O que poucos queren explicar é que o lago artificial de Meirama, que con este proxecto manterá os seus usos lúdicos (teñen previsto facer unha praia e un embarcadoiro), non estaba previsto na rede de abastecemento de auga. Agora, uns supostos cartos que teñen que vir de Europa, van permitir construír un túnel que canalizará a auga deste o lago artificial ao río Barcés. Ao final deste túnel haberá unha minicentral de 500 kW. Temos que lembrar que os concellos de Abegondo e Carral se abastecen directamente deste río, e o proxecto previsto por Augas de Galiza desoe en todo momento as indicacións do Informe de Impacto Ambiental publicado en 2008, cando se comezou a encher de auga a mina, a respecto da calidade da auga. 17 km río abaixo, o novo transvase de auga permitirá aumentar o nivel do encoro de Cecebre, e polo tanto, facer rendíbel o xa vello proxecto da minicentral ao pé deste encoro.
Da calidade da auga, ninguén fala, nin da idoneidade de usar a auga dunha balsa mineira para o abastecemento. Iso si, negocio e kW si que van ter.