Todo empezou en 2015

En decembro de 2015 o Estado español asomábase a unhas eleccións caracterizadas polo rexeitamento ao bipartidismo que dominaba a política estatal desde 1978 e polos ecos do 15-M que aínda reverberaban na Porta do Sol madrileña e en moitas outras do Estado. Esas eleccións, celebradas o 20 de decembro, catapultou a formacións políticas novas, Podemos e Ciudadanos, en detrimento das clásicas, PP e PSOE. O resultado deu un Congreso fragmentado en catro, que condenaba ás forzas políticas a negociar e entenderse.

Mais non se entenderon. O PP de Mariano Rajoy, como forza gañadora naquela altura, e atenazado pola corrupción, foi incapaz de tecer un acordo con ningunha forza política do Congreso. E o PSOE, a pesar de asinar un acordo con Ciudadanos, os votos de Podemos imposibilitaron a investidura de Pedro Sánchez. O resultado: en xuño de 2016 habería que pasar outra vez polas urnas.

A pesar de que as eleccións foron en xuño, as forzas políticas, as novas e as vellas, non foron capaces de investir un presidente até o mes de outubro dese ano, grazas á tortuosa abstención do PSOE, que implicou a dimisión de Pedro Sánchez como secretario xeral deste partido e como deputado. O goberno de Rajoy foi efémero, en maio de 2018 caía froito dunha moción de censura capitaneada polo resucitado político Pedro Sánchez.

O goberno de Sánchez foi aínda máis efémero que o de Rajoy. Ante a imposibilidade de aprobar os orzamentos, o presidente do goberno disolve as cortes e convoca eleccións para abril deste 2019. As eleccións deron como resultado un Congreso cun PSOE moi reforzado, un PP e un Podemos minguantes, e un Ciudadanos que se quedou ás portas do sorpasso a Pablo Casado. As tres dereitas non sumaban para ser alternativa e todo pivotaba en torno ao PSOE. Sen embargo, logo dunhas negociacións esperpénticas, Podemos rexeitaba unha coalición cunha vicepresidencia e tres ministerios, absténdose na votación do 25 de xullo.

Calquera votante de Podemos estarase preguntando por que se rexeitou a vicepresidencia e os tres ministerios en xullo, que si valían agora en setembro. Todo son especulacións; por unha banda temos a un PSOE que non quere ceder o seu espazo da “esquerda” de goberno con un partido que como Podemos xoga no seu mesmo cuadrante político. Mais por outra parte coido que a cousa vai de egos. Recordemos, que esa proposta do PSOE veu acompañada do veto de Pedro Sánchez a Pablo Iglesias no consello de ministros. Dáme a impresión de que xusto no momento en que o líder podemita deu un paso a un lado, en teoría para favorecer o acordo, nos despachos do PSOE sabían que xa podían ofrecer a lúa, que a investidura de Pedro Sánchez sería inviábel, e así foi.

O personalismo mesiánico que caracteriza á maioría dos partidos políticos actuais pode dar bos resultados electorais no curto prazo, temos exemplos recentes que así o confirman; mais tamén é a súa febleza. Analizar e coñecer adversario, tendo en conta as súas fortalezas e debilidades, non só políticas, senón tamén desde un punto de vista psicolóxico, son clave para trazar unha boa estratexia. No PSOE coñecen moi ben Pablo Iglesias.

Pero sigamos. Pasou agosto e en setembro abriuse de novo o teatro político. Logo da investidura fallida do 25 de xullo, o PSOE internamente puxo rumbo a eleccións, pero a pesar de todo inaugurou a tempada de teatro, onde se escenificou novamente que se quería negociar, mais entre bastidores xa todos sabían que o 10 de novembro era inevitábel. Até Rivera, que logo de estar ausente durante todo o verán, saca do sombreiro unha proposta delirante para evitar o previsíbel desastre electoral que lle vaticinan as sondaxes para o 10 de novembro.

A estas alturas calquera persoa que vivira con maior ou menor interese todos estes acontecementos tirará como conclusión que co bipartidismo vivíase mellor, todo era máis previsíbel e menos estresante. Se non hai goberno non é só culpa de Podemos e Ciudadanos, mais serán os que paguen os pratos rotos da festa, nun intre nos que as consignas do 15-M fican enmudecidas polo famoso relato político. Mentres tanto, PP e PSOE verán reforzadas a súas posicións surfeando a onda da gobernabilidade, que será o leitmotiv da campaña electoral, que devolverá o bipartidismo a dominar outra vez o centro do taboleiro político do Estado.

Todo empezou en 2015, para Galiza tamén.

As eleccións de 2015 e a reconfiguración do mapa político estatal tivo tamén repercusións no noso país. O BNG quedaba sen representación en Madrid por primeira vez desde 1996. Esta situación implicou que Galiza deixou de ter peso político e ficou muda desde entón, incapaz de visibilizar os seus problemas e condicionar o goberno estatal. Esta situación veuse agudizada pola actitude submisa do goberno de Feijóo aos designios do PP estatal, sexa de Rajoy ou de Pablo Casado.

Por outra parte, os que viñan para mudalo todo surfeando na onda de Podemos, confirmaron o guión previsto das forzas estatais tradicionais: submisión ao que diga Madrid e desaparición política de Galiza nas cortes do Estado.

O 10 de novembro está por ver como queda o panorama político, mais Galiza ten novamente unha oportunidade para ser decisiva e para petar na mesa poñendo enriba da mesa os graves problemas que temos, que son moitos e acuciantes. O 10 de novembro é a hora de facer valer Galiza. É a hora de que o BNG volva ao Congreso.