Tiros a prol do rural?
A situación da caza no noso país do século XXI
Actualmente o número de cazadores superan os 54.000 (a metade dos que había a principios dos anos noventa), vivindo máis do 70% no rural e xerando un volume de negocio de 100 millóns de euros ao ano. No ano 2009 cazáronse uns 9.000 xabarís,o que supón máis do dobre do que se capturaba a finais do século XX.
A pesar do aumento do número de capturas do porco bravo, a cantidade de danos producidos por esta especie nos cultivos segue en aumento, estimándose en 25 millóns de euros a cantidade de perdas anuais producidas aos gandeiros galegos. Ante esta situación, este goberno tan só ten aberta unha liña de axudas por un importe total de 250.000 € (que recentemente aumentou noutros 200.000 €) e que cobren só, parte dos danos producidos no ano 2009 (que se están comezando a pagar agora despois de máis de ano e medio de retraso -iso é un bo exemplo da xestión eficaz que pregona o señor Feixóo-).
Aos danos en cultivos (quedaría cuantificar os danos de corzo nas plantacións forestais, sen datos a día de hoxe), temos que engadir máis de 1000 accidentes de tráfico anuais producidos por motivo da fauna cinexética (corzo e xabaril principalmente).
Ante esta situación, tense que formular unha xestión da caza moi distinta á que se ven desenvolvendo no noso país de forma tradicional. Isto é debido aos grandes cambios producidos no territorio (abandono de terras, aumento das zonas de refuxio para a fauna, incremento das infraestruturas), nas especies (incremento das poboacións de corzo e xabaril) e nas consecuencias do seu desenvolvemento (danos a cultivos, accidentes de tráfico).
Temos que pedirlle . . .
Aos cazadores e ás sociedades de caza que se impliquen máis co rural e intenten facer "ben" as cousas (xestionar de forma adecuada un recurso natural como é a caza), xerando riqueza no rural e aportando medidas para resolver os danos que a fauna cinexética ocasiona.
Á administración que exerza con responsabilidade a súa función de control e seguimento da actividade cinexética e non só con criterios clientelares. Esa responsabilidade, pasa por introducir medidas preventivas e correctoras modernas e duradeiras.
Á sociedade que sexa máis coñecedora da situación real que está a ter o noso país con respecto ao incremento do número de individuos de xabaril e corzo consecuencia do cambio estrutural que está a sufrir o territorio (motivado unha vez máis polo abandono da propiedade).
En definitiva, todas as partes (administración, cazadores e sociedade en xeral) deben poñer da súa parte para vertebrar un recurso importante para o rural, pero que non pode opoñerse ou ameazar outros usos e intereses do territorio (gandería, sendeirismo, condutores. . .).
A necesidade de facer unha xestión cinexética adaptada á realidade
Polo tanto, a solución dos problemas que ten arestora a xestión cinexética pasa unha vez máis por ordear o territorio e falar coa xente (de forma similar ás propostas comentadas para a prevención dos lumes), xa que non se trata de poñer parches na aparición dos danos (como o comentado cas axudas) e sí abordar de forma integral un problema que depende de modificar as estruturas territoriais do noso país.
Afrontar unha xestión cinexética no noso país, moderna e adaptada á realidade, supón introducir medidas de fondo que permitan facer unha prevención activa (que é aquela que se adianta as situacións, adaptándose a cada punto concreto do territorio). Entre esas medidas están: a ordenación de cultivos (é máis sinxelo protexer os cultivos de millo agrupados que non espallados por todo o territorio); axustar as cotas de captura dos Tecores nas zonas de maior incidencia de danos (xa que en moitos casos o cazador convértese no único predador); incrementar as capturas en femias (tanto en xabaril como en corzo, o número de femias e moito maior que o de machos -e isto incrementa as poboacións moi rapidamente-, xa que as capturas tradicionalmente centráronse nos machos); establecer medidas áxiles para controlar os danos (actualmente o procedemento administrativo é demasiado lento); crear mesas de participación pública nas zonas de conflito (cazadores, gandeiros, administración) para buscar as mellores solucións de control; crear un seguro colectivo que se faga cargo das indemnizacións de forma áxil (o modelo de axudas que está en vigor é totalmente ineficaz); estudar e correxir os problemas existentes nos puntos negros da rede viaria (lugares onde se concentras a maior parte dos accidentes de tráfico motivados pola fauna cinexética).
Trátase de converter un problema, nunha oportunidade para o rural. Porén, este reto implica primeiro ser coñecedores da situación, segundo buscar solucións duradeiras e terceiro comezar a aplicar medidas encamiñadas a transformar o problema en oportunidade. A caza é, sen lugar a dúbidas, un recurso natural renovable que pode e debe dar riqueza ao noso rural; mais do seu bo uso depende que os tiros apunten en boa dirección.
Os danos da fauna cinexética non son máis que un reflexo dos cambios que se están a producir no noso territorio. A prevención e diminución dos danos pasa por medidas estruturais no uso do territorio e na forma de facer as cousas.