Test

Como vai chegando o Nadal, este mes pensei oferecer algo máis lúdico. Así, aproveitando o tirón que teñen nas redes sociais, apóntome à moda dos testes. Marca cada resposta e soma os pontos para logo descobrir cal é a resposta que che corresponde. Sorte!
1. Herdei unha casa abandonada nunha parroquia rural en moi mal estado. Quero reparar o teito e darlle xeito para poder vivir nela, mais veu o presidente dunha comunidade de proprietari@s do outro lado da cidade e díxome que non podo sen a súa autorización e que el, desde logo, non ma pensaba dar.
a) Ao carallo! Na miña casa mando eu!
b) Hai que falar con todo o mundo. Se queren vir @s viciños axudarme a levantar a casa, benvid@s sexan! Agora, son eu quen decido sobre o que hai que facer e como.
c) Se antes estaba en ruínas e quero amañala, será que ten potencial. Máis valor terá aínda despois de rehabilitada, ademais de servir como vivenda.
2. Tras pórse mal no comedor escolar con comida traída de Málaga, levei miña filla ao hospital, onde tiven que pagar unha burrada a unha empresa madrileña para aparcar. Espero que a comida no hospital non sexa tan má como a do comedor...
a) Estamos fart@s de ser una colonia!
b) Transportar alimentos e mercadorías desde tan lonxe contamina moito e non garante unha alimentación fresca e sa. Os aparcadoiros dos hospitais deberían ser gratuítos.
c) Non ten sentido traer comida desde tan lonxe. Se resulta máis barata do que a producida localmente, a calidade non pode ser boa. Tamén cumpre estimular a economía local para beneficiármonos tod@s.
3. Humillan unha nena de 10 anos por falar na súa lingua nun campamento de verán. Un centro infantil da Coruña prohibe o uso do galego por parte das profesoras. Unha médica exixe que lle fale en español na súa propria casa a familia dun ancián no seu leito de morte. A Garda Civil non atende unha consulta por estar escrita en galego.
a) Na Galiza en galego!
b) Eu non falo sempre galego por razóns da vida, mais quero que as miñas fillas teñan a oportunidade de aprendelo e falalo. A discriminación de calquera tipo, sexa por razón de xénero, etnia, sexualidade ou lingüística, non é de recibo nunha sociedade moderna.
c) Como lingua propria da Galiza, o Estatuto recoñece o galego como lingua oficial. Se os que nos gobernan tanto predican que a legalidade é a base da democracia, terían que comezar por velaren polo cumprimento da lexislación en materia lingüística.
4. Teño unhas vacas leiteiras e quero facer uns queixos como se leva facendo desde sempre na miña casa para a familia e para vender na praza. Viñeron uns señores dunha cidade aló ao lonxe dicerme que diso de vender na praza nen pensalo sen licenza, etiquetas e un permiso de manipulador/a de alimentos e non sei que máis. Ademais, din que leite xa hai dabondo e se produzo de máis terei que pagar unha multa.
a) Mercado común europeo, ruína do pobo galego! Feixóo escoita, o agro está en loita!
b) Ao eliminar os intermediarios, os circuítos curtos de distribución benefician tanto a quen produce como a quen consome. Ademais, os queixos de sempre, feitos co leite da casa, están moito máis ricos.
c) Non é lóxico que o leite se pague menos na Galiza que en Andalucía. O sector lácteo é chave para a economía galega e debe ser apoiado activamente, xunto co resto da agricultura, a pesca e o sector naval.
5. Hai unha minicentral alimentada por unha aldea asolagada a escasos metros da miña casa. Pasan por encima dos meus prados uns tendidos eléctricos que competen en ruído coas pas das eólicas que hai no outeiro. Mais cando toca muxir as vacas teño que desenchufar o conxelador, que non lle dá a potencia.
a) A nosa terra é nosa e non de Fenosa!
b) Vaia desfeita ecolóxica! Destrución do patrimonio natural para enriquecer os oligopolios até na propria Rede Natura!
c) Se Galiza soporta os custos sociais e ambientais da produción de enerxía eléctrica, da cal se exporta 40% gratuitamente ao resto do Estado, o normal é que en contrapartida teña unha tarifa eléctrica diferenciada para mellorar a calidade de vida das familias e a competitividade das empresas.
,6. Miña filla, licenciada en física e cun mestrado en física avanzada, leva tres anos sen atopar traballo e xa non ten direito ao subsidio de desemprego. Non lle quedou outra que marchar para Londres, onde traballa pondo cafés nunha franquía ianque. Ela non a ve como unha experiencia moi enriquecedora. Cantas ganas teño de vela no Nadal!
a) Queremos traballar e non emigrar! Postos de traballo na nosa terra!
b) Tivo que emigrar miña tía avoa o século pasado. Nunca voltou ver súa irmá. Cen anos despois e pensaba que estes tempos xa pasaran. Párteme o corazón ver como teñen que marchar de novo as mozas e os mozos do país.
c) Non ten lóxica investir tanto tempo, diñeiro e esforzo en formar a xuventude que tanta falta fai para levantar este país para que logo se malgaste así o seu talento ou que as empresas no estranxeiro aproveiten esta fuga de cerebros.
7. Sendo de Ourense, despois de traballar duro toda a súa vida, meu pai cobra a pensión máis baixa de todo o Estado, que apenas lle dá para viver. Mais case xa está afeito, xa que antes tamén gañaba un dos salarios máis baixos. O que non lle cadra é por que paga a gasolina máis cara que o resto dos ‘españoles’...
a) España é a nosa ruína! Galiza ceibe poder popular!
b) Tócanos pagar o prezo ambiental e de saúde da contaminación dunha refinaría e aínda así temos que pagar a gasolina máis cara. U-la xustiza social?
c) A trágala da solidariedade territorial é unha farsa. Contaminan aquí mais tributan en Madrid. Polo menos, deberíamos poder recadar impostos directamente das sociedades afincadas aquí para podermos investir en reducir a contaminación e crear riqueza no país.
8. O ex-director xeral de Caixa Galicia cobra 16,5 millóns por xubilación. Varios ex-directivos de Novacaixagalicia son condenados a penas de cárcere e a multas (máis ben cativas en comparación) polas indemnizacións millonarias. Escandalosa venda de bens de Caixa Galicia. Polo menos 70.000 galeg@s foron estafad@s na fraude bancaria das accións preferentes cun roubo de aforros de 1800 millóns de euros. Por reclamaren o seu, @s afectad@s son perseguid@s, denunciad@s e multad@s.
a) Banca pública galega xa!
b) Hai que regulamentar o sector bancario para que sexa máis ético e transparente. Hai que recuperar a función das caixas, especialmente a obra social.
c) Para alén de enriquecer aínda máis un puñado de amiguetes, non ten sentido sanear os bancos con diñeiro público para logo revendelos por debaixo do seu valor real. Hai que eliminar todas as prácticas abusivas.
9. Unha bebida
a) Un licor café de Ourense
b) Un viño do Ribeiro
c) Un vermú Nordesía
RESPOSTAS
Mais ‘a’
Parabéns! Es un patriota de pro! Tes as ideas moi claras e xa sabes que o domingo día 20 de decembro vas votar na única candidatura autenticamente galega, NÓS Candidatura Galega para que a Galiza teña voz propria no Estado como leva tendo desde 1996 através d@s representantes do BNG. Érguete xa Galiza, que os tempos son chegados!
Máis ‘b’
Que non te mareen! Se cadra non o sabías ou pode que non lle poñas nome, mais es un soberanista. Confías en que cada un/ha ten a capacidade e a intelixencia suficiente para decidir sobre o seu destino. Gostaches da elección d@s candidatos en listaxes abertas mediante primarias organizadas de Nós Candidatura Galega. Ademais, non está mal que tres das catro cabezas de lista sexan mulleres.
Máis ‘c’
Nacionalista, galeguista...: que máis dá como te chames? Amas o teu país, entendes as razóns da súa explotación e sabes que a solución pasa por conseguir un grupo proprio no Congreso, sen ataduras a forzas que obedecen a intereses alleos. Votando en Nós Candidatura Galega podes axudar a conseguilo.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.