Tes un correo electrónico!

Adicción a internet
Tes un correo electrónico!

En 1998 estreábase con notábel éxito comercial “You've Got Mail” (Tes un correo electrónico), unha adaptación ou modernización da clásica “The Shop around the Corner” (traducida por “O bazar das sorpresas”) dirixida por Ernst Lubitsch en 1940. En ambas as dúas películas, os seus protagonistas buscan parella anonimamente a través dos métodos habituais da súa respectiva época: o correo electrónico na versión de 1998, a sección de contactos do xornal na versión de 1940. Cambia a ferramenta comunicativa, pero non os motivos que os impulsaron a utilizalas. Porén, hai un feito curioso e destacábel neste enredo, que malia a comunicación anónima que estabelecen entre ambos, sen sabelo os protagonistas xa se coñecen na vida “real”, onde manteñen unha relación tensa e distante, por non dicir de odio mutuo.

Os medios de comunicación impersoal como os que empregan os nosos protagonistas permiten disfrazalos, aparentar o que non son, ocultar datos da súa personalidade e das súas vidas ou dar unha imaxe determinada de si mesmos. Así, por exemplo, nos medios dixitais, non só podemos empregar o anonimato, senón que as mensaxes que deixamos nas redes sociais pretenden reflectir que somos unha persoa intelectual e fisicamente interesante (fotos dunha viaxe ou unha paisaxe, unha canción ou un vídeo que nos gusta especialmente, etc.); é dicir, son mensaxes que están vinculadas a situacións positivas das nosas vidas, deixando á marxe calquera outra cuestión negativa.


Porén no mundo real as relacións persoais son outra cousa, aí ficamos espidos, con todo o que iso ten de positivo e negativo; como os nosos protagonistas, aparecemos con todos os nosos matices o que dificulta agochar as nosas carencias, a nosa incapacidade, os nosos medos, os nosos complexos.

É evidente que unha carta ou un correo electrónico, ao que lle habería que engadir as múltiples ferramentas de comunicación virtual que temos hoxe en día como as redes sociais, así como o Whastapp, permiten comunicarnos de xeito doado e estabelecer e manter unha relación a distancia, sexa esta de amor, de amizade, de traballo, etc. Mais co espallamento e popularización deste tipo de ferramentas de comunicación electrónica, unido á sensación de que é gratis, -xa indiquei noutro artigo que a cousa non é así de sinxela-, derivou, por así dicilo, en toda unha xeración de ciberadict@s, de persoas permanentemente conectadas e ensimesmadas cos seus smartphones en todo tipo de contextos sociais, mesmo de lecer. Así, ao meu entender, resulta máis habitual do que sería desexábel ver a xente que está máis pendente do seu teléfono móbil que do mundo que lles rodea, como se dalgún xeito quixeran illarse ou parapetarse nun mundo que lles resulta máis pracenteiro e interesante, polo menos no inmediato, malia seguramente ser frustrante a medio e longo prazo.

E neste contexto cibernético que nos rodea, onde nacen partidos políticos sen caras visíbeis, pero que paradoxalmente piden máis transparencia e democracia, é cada vez máis habitual que no seo de colectivos sociais e políticos xurdan peticións para construír espazos comunicacionais na rede, cando o problema é que no “mundo real”, o que falla precisamente é a comunicación directa entre as persoas e o contacto social.

Steve Jobs, co-fundador da transnacional Apple, creador de ferramentas electrónicas que facilitan a comunicación entre todos e todas, e polo tanto nada sospeitoso de ser un “troglodita tecnolóxico”, -se se me permite a expresión-, negábase a manter reunións a través de vídeo-conferencia cos seus colaboradores e traballadores, e procuraba que todas foran presenciais. Tanto é a así, que consciente como era do illamento que a tecnoloxía provocaba nas persoas, deseñou o edificio de Pixar (a exitosa produtora de animación, da que tamén foi co-fundador) de tal xeito que facilitara o encontro fortuíto entre as persoas que alí traballaban, porque entendía que só deste xeito podían fluír a creatividade e o contraste de ideas. É certo que non foi este o único motivo do éxito comercial de Apple e Pixar, pero é evidente que a comunicación e coordinación son clave en calquera empresa e en calquera colectivo humano.

As películas citadas ao principio teñen un final feliz, como toda comedia romántica que se prece; mais os nosos protagonistas só alcanzaron ese final dialogando, limando as asperezas e as diferenzas que os apartaban dunha relación proveitosa e duradeira. Neste sentido, se o nacionalismo galego quere repetir éxitos pasados ten que traballar cohesionadamente, ten que haber máis participación nas asembleas e nas reunións e en todo tipo de movementos sociais, sen esquecer por suposto as ferramentas comunicacionais que temos ao noso alcance, para facer chegar a nosa mensaxe. Se así o facemos, o éxito está asegurado.