Ter ilusión pero non ser ilus@s

Hai oito días que se celebraron as eleccións europeas e son xa moitas as liñas que se teñen escrito para avaliar uns resultados que a quen somos nacionalistas non poden deixarnos satisfeit@s pero que tampouco poden conducirnos a ese camiño sen saída da autoflaxelación no que demasiadas veces entra o nacionalismo cando se deixa influír polo discurso dos altofalantes do sistema.
O BNG encaraba as eleccións ao Parlamento Europeo do 25 de maio na situación de fraxilidade propia dunha organización política que nos últimos anos ten sufrido duros e planificados ataques, tanto desde dentro da organización como desde fóra; ataques que baixo a escusa dunha necesaria modernización do seu discurso o que realmente buscaban era eliminar a capacidade de actuación do nacionalismo galego. E podemos dicilo con orgullo, o BNG foi quen de resistir eses ataques, algo que moi poucas organizacións teñen conseguido en situacións semellantes. Poderíamos comparar a situación do BNG co acontecido con aquel Pichí que non era só un partido comunista senón unha verdadeira institución enraizada na sociedade italiana; lembremos que engaiolado polo cantos de serea pasou de ser unha esperanza para as clases populares italianas a autodestruirse integrándose totalmente no sistema vía un rápido proceso de dexeneración e renuncia aos seus principios e traxectoria.
Partindo desa fraxilidade e de recoñecer que os resultados do domingo non poden contentarnos de xeito ningún tamén é unha ledicia comprobar que foron mal dixeridos por todos aqueles que durante semanas pronosticaron unha debacle do nacionalismo galego o 25 de maio que levaría á súa desaparición en breve tempo.
Erra quen considere que 80.000 votos e un 8% do electorado é o que representa hoxe o nacionalismo en Galiza, igual que erraban aquel@s que consideraban que o 24,78% de apoio electoral que tivo o BNG en 1997 abría as portas a unha inminente liberación nacional. Nin o un nin o outro, analisar as situacións e as dinámicas políticas unicamente en base a resultados electorais sen ter en conta os marcos nos que se desenvolve cada consulta electoral e sen ter en conta que cada acción de votar ou non votar é a expresión da intención do electorado nun momento concreto leva a discursos simplistas e efectistas como algúns dos que podemos ler ou escoitar estes días sobre unha suposta ferida de morte sofrida polo sistema bipartidista o pasado domingo. É certo que o bipartidismo levou un golpe importante pero ollo, que nos últimos tempos hai demasiada xente que pensa que a revolución está á volta da esquina.
Resistimos e agora compre avanzar para que nas vindeiras eleccións o nacionalismo galego dea un novo paso adiante no ámbito institucional; e digo no ámbito institucional porque hoxe é ese o ámbito de actuación no que estamos nunha situación máis fráxil dado que en todo este tempo a militancia do BNG non deixou un só día de manter a súa presenza e o seu traballo social, desde o sindicalismo até os colectivos de persoas afectadas polas preferentes, pasando pol@s emigrantes retornad@s, Corcoesco, a defensa dos servizos públicos, a defensa da nosa cultura…; onde hai un problema sempre hai militantes e simpatizantes do BNG aportando o seu traballo para solucionalo.
Temos problemas e debemos encaralos con audacia, sendo conscientes de que o nacionalismo non é un globo que se infla rapidamente para ocupar espazo e tampouco ten vocación de ser unha simple conciencia crítica testemuñal.
Hai problemas de sobra coñecidos que son estruturais e propios dunha nación negada na que historicamente os sectores que noutras sociedades actuaron de motor na construción de proxectos nacionais sempre foron reácios a voar con alas propias e funcionaron como simples delegados ou cipaios ao servizo do colonizador, contentándose con recoller unhas migallas de premio ao seu colaboracionismo co opresor. Para enfrontar estes problemas o nacionalismo galego leva actuando desde a súa refundación nos anos sesenta do século pasado. Unha actuación que sendo obxectivos ten dado grandes froitos coa creación de instrumentos políticos e sociais que permitiron pasar da nada a una presenza social moi importante; o sindicalismo nacionalista e de clase, que sitúa á nosa clase traballadora organizada a carón daqueles povos coas organizacións sindicais máis combativas e máis avanzadas existentes no planeta, cecais sexa o primeiro instrumento no que pensamos tod@s pero non é o único.
Xunto con eses problemas históricos hai outros derivados de novos fenómenos presentes na nosa sociedade.
Temos un problema para que o noso intenso e sacrificado traballo social e mobilizador se transforme en apoio electoral, algo especialmente preocupante nas cidades, onde deixando aparte o caso de Pontevedra non somos quen de que sexa correctamente recollida a nosa mensaxe. Unhas cidades cada vez máis españolizadas nas que os segmentos máis novos teñen como referencias e elementos de información fundamentalmente cadeas de radio e tv e medios electrónicos de ámbito estatal nos que a realidade galega non existe mentres que si hai presenza, non moita pero algunha, da realidade de Euskal Herria e Catalunya. Para enfrontar ese problema precisamos entre outras actuacións avanzar na popularización de propostas comunicacionais de ampla base que partan da realidade galega, algo no que se teñen dado algún pasos pero non os suficientes.
A esa realidade do noso mundo urbano debemos engadir a existencia de novos mecanismos de socialización cada vez máis alonxados do contacto e da relación persoal que aínda se mantén nas vilas, uns mecanimos de socialización que aínda que poida semellar contraditorio promoven o individualismo. Estes mecanismos teñen unha grande efectividade nunha situación como a actual, non só polo auxe das redes sociais senón sobre todo polos efectos que sobre todos e todas nós en maior ou menor medida ten producido a ideoloxía inoculada polo sistema e imperante na actual fase do capitalismo caracterizada pola crise.
Collendo prestadas algunhas das reflexións do sociólogo Zygmunt Bauman podemos dicir que nos está afectando como consumidores e non como persoas, cidadanía ou clase traballadora. O sistema deu transformado a conciencia de clase en conciencia de consumidor@s, convencendo a unha maioría da povoación occidental de que o obxectivo máis importante na vida é acadar o máis rapidamente posíbel cotas dun suposto benestar en base á capacidade para disfrutar de produtos de consumo individual postos no mercado; produtos de consumo que debido ás dinámicas necesarias para manter a progresión na acumulación de beneficios de quen controlan e se benefician da actual situación deben ser cambiados por outros máis modernos ou máis de moda para poder ser verdadeiramente felices e non sentirse desfasad@s. A crise cortou esa posibilidade de aumento progresivo do consumo e por tanto a posibilidade de acadar esa suposta felicidade.
Neste marco o que prima na vida diaria é o eu enfrontado ao nós, e a angustia producida polos recortes e pola imposibilidade de manter eses niveis de felicidade/consumo produce un trauma ao que se busca unha saída rápida ou unha esperanza á que poder agarrarse. Isto trasládase a moitos ámbitos incluído o electoral, non sendo casual o xurdimento de hiperliderazgos. É moito máis doado e cómodo ver neles esa saída que nos procesos lentos de construción de alternativas sólidas, e igualmente son máis atractivas as propostas simples sen apenas aristas que outras máis elaboradas que precisan dunha reflexión. Por poñer un exemplo, o discurso da simple unidade é moito máis eficaz que o de unidade en base a que.
Sobre todo o anterior e sobre outras moitas cuestións deberemos seguir reflexionando pero como marxistas non podemos esquecer a XI Tese sobre Feuerbach e por tanto trátase de transformar o mundo.
O 25 de maio un importante sector da nosa sociedade dixo nas urnas que xa abonda de sacrificios, de promesas e de mentiras, pero ese elemento positivo pode ficar en acto illado de protesta propio dun tipo de elección propenso ao voto estraño, ou como din as plumas do sistema un voto irresponsábel e extragavante que cando se trata de votar en serio voltará ao rego. É certo que a maioría dese voto non foi en clave galega e ten unha importante compoñente de busca dunha saída rápida ou de cabreo sen máis; pero a existencia dese voto e manter e mellorar o labor diario do nacionalismo no político, no social e fundamentalmente no ideolóxico permiten albiscar o futuro con optimismo, sen sermos ilusos e conscientes de que unha saída á actual situación pasa por moito traballo, capacidade de establecer sinerxias entre a rúa e as institucións e sobre todo por convencer á xente de que unha alternativa realmente transformadora só pode partir do propio, é dicir, unha saída en Galiza pasa por termos capacidade de decidir sobre o noso propio futuro.
Reflexión, diálogo, mellora do que haxa que mellorar e sobre todo algo que as veces deixamos de lado presos de urxencias ou rixideces, moito cariño á base social do nacionalismo, unha base social que nos permitiu aguantar as tempestades e que nos permitirá avanzar.