Ter claro de onde vimos


Hai agora dez anos, os días 28 e 29 de xaneiro de 2012 o BNG celebraba a súa XIII Asemblea Nacional, no antigo mercado de gando de Amio en Compostela; foi a asemblea máis participativa de todas as celebradas pola organización nacionalista, con presenza e participación directa de case 5000 militantes.

Pode haber quen entenda que no momento actual, cando as cousas van ben, non é bo lembrar a situación pola que pasaba o nacionalismo galego hai dez anos. Por contra, considero que para manter os pés sobre a terra, hai que ter sempre claro de onde vimos; pois a vida de unha organización política é unha suma de experiencias e de persoas, experiencias das que extraer ensinanzas e persoas ás que agradecer a súa aportación.

A XIII Asemblea do BNG, ademais de ser a que contou con unha maior participación de militantes, na miña opinión foi tamén a máis importante das celebradas até agora. Non só polo contido do debate, dado que as dúas visións que confrontaron non eran novas na historia do nacionalismo; senón sobre polo contexto no que se produciu a mesma.

O BNG levaba tempo en crise, crise que había quen situaba na derrota nas eleccións autonómicas de 2009 e a perda do goberno da Xunta, pero que viña de atrás.

Os anos previos a Amio e os inmediatamente posteriores foron moi duros para o nacionalismo galego; e non me estou a referir unicamente ao político ou en concreto aos resultados electorais, senón sobre todo ao persoal. Compañeiros e compañeiras, que nalgúns casos levábamos camiñando da man desde a fundación da fronte nacionalista en 1982, enfrontámonos duramente, decidindo algúns abandonar o BNG para facer outro camiño, ou deixar a militancia e irse para casa.

A sociedade arrastraba catro anos de unha fonda crise económica, froito do estoupido da burbulla financeira; e había dous conceptos estrela no debate político, “indignados” e “nova política”. O primeiro era bandeira do 15-M, movemento de protesta moi importante no estado e con menor repercusión en Galiza, que se producira poucos meses antes, e que era un síntoma importante de desafección; unha desafección relacionada sobre todo coa frustración pola falla de expectativas persoais pero que houbo quen confundiu cun movemento revolucionario. O segundo era a etiqueta ideada para denominar un xeito de facer política supostamente rompedor coas estruturas anquilosadas do pasado.

En círculos menos amplos usábase con profusión un terceiro concepto, non era novo pero naquel momento foi moi útil para dotar dun argumentario a un segmento dos que finalmente abandonaron o BNG, e así xustificar algunhas das súas decisións. Era o concepto “esquerda nacional” enfrontado ao concepto “nacionalismo”, e empregado para identificar á esquerda de obediencia estatal actuante en Galiza.

Todos eses elementos foron adobados convenientemente con unha campaña mediática verdadeiramente bestial, que aproveitando a situación de debilidade do nacionalismo galego, tentou darlle a estocada. Están aí as hemerotecas, para comprobar que a intensidade daquela campaña de linchamento do BNG non ten nada que aprender de campañas que se despregan na actualidade.

Con todo en contra o máis doado tería sido ceder nos principios e sumarse ao que presentaban como un futuro de luz, no que un cambio no estado suporía posteriormente un cambio en Galiza. Pero a militancia nacionalista decidiu resistir e asumir unha vez máis que deixarse levar pola corrente non é bo, pois deixas de ser ti quen fai o camiño, e hai quen decide por ti cara onde e como debes ir.

Van alá dez anos, e dez anos na historia non son nada; pero os cambios tecnolóxicos e sociais derivados da implantación da era dixital fan que parezan un século. A nosa memoria é incapaz de asimilar a inmensa cantidade de información que recibe hoxe; sobre-información que dando a impresión de que nos permite estar máis informados e informadas, consigue xusto o contrario. O noso cerebro recibe tantos impactos, sobre todo visuais, que é incapaz de procesalos todos; perdemos capacidade de concentración e sobre todo capacidade de reflexión, afacémonos a pasividade de ser só receptores, e esquecemos moitas cousas. O inmediatismo, a caducidade de toda noticia que deixe de aparecer dous días nos destacados..., lévannos a perder perspectiva, e a perspectiva é básica para poder facer calquera análise.

,
Ao rematar Amio, o BNG pasou a ser considerado unha organización política anticuada e sectaria que non atraía a ninguén, e que non tiña perspectiva de futuro. Algunhas enquisas incluso chegárono a situar como forza extra-parlamentaria ou no mellor dos casos residual no Parlamento Galego. Eran os tempos nos que imperaba o discurso da necesidade de eliminar calquera estrutura estábel, ao consideralas como negativas por coartar a liberdade e a participación; era un discurso que se cualificaba con rupturista e de unha nova política, que ilusionaba e subía como a escuma até case tocar coas puntas dos dedos o ceo. Todo isto hoxe pode parecer imposíbel a algunhas persoas, pero era así.

Na actualidade o BNG é líder da oposición no Parlamento Galego, a única voz que defende os intereses de Galiza no Congreso dos Deputados, unha forza que conta con importante implantación territorial, e que ten un programa serio. Partindo da realidade e das capacidades do noso país, é alternativa ás políticas do PSOE e do PP.

Só pasaron dez anos para que a realidade mudara deste xeito, pero sería un erro pensar que, unha vez superamos aqueles obstáculos, todo vai sempre ir cara diante. A política actual é moi volúbel, dado que o sistema centra todo nos resultados electorais, e nós mesmos levados pola ilusión podemos caer no engano, se non temos claro de onde vimos e esquecemos que é o traballo social o que impulsa os avances electorais; e é a existencia dunha organización forte e con introdución a que permite facer ese traballo social e resistir en momentos de retroceso.

Trouxéronnos até aquí a confianza no país, e a convicción de que só hai futuro para Galiza se é suxeito político por si mesma; é dicir, se mantemos como irrenunciábel o principio de auto-organización. Como dixo Bautista Álvarez “temos que acumular enerxías se aspiramos á vitoria, porque carecen de futuro político quen teñen que importalas dende fóra” e por tanto non podemos aceptar voar con alas emprestadas.

Amio foi un chanzo fundamental na construción do actual BNG, unha construción colectiva.