Teoría do nacionalismo e tradición cultural galega ao respecto
Hai algúns trazos ou fenómenos característicos da nosa mecánica informativa, comunicacional, educativa, valorativa, cultural en xeral, que expresan unha forma de conduta respecto de nós mesmos, os nosos feitos e esforzos. Estou a falar dos feitos e esforzos que teñen a ver coa nación galega como un fenómeno consciente, polo tanto co nacionalismo. Curiosamente, esa conduta non deixa de ter algunhas concomitancias coas formas de proceder dos que non teñen esa conciencia da nación, porque a ignoran, a desprezan ou a anulan a mantenta. Claro está que algunhas desas características ou formas de comportamento resultan máis sorprendentes e, en principio, inexplicábeis, que se produzan en sectores sociais nacionalistas, que nos que viven o feito nacional como prescindíbel. Porén, todo pode inserirse dentro da natural tendencia a non estimar o que a sociedade galega é capaz de xerar, producir, desenvolver ou propor por si mesma respecto de si ou do mundo. Diría que é a natural tendencia a desvalorizar o propio en calquera campo da cultura nacional galega, mesmo se tiver que ver coa propia experiencia colectiva como nación sen Estado, como nación política oprimida. Parece que tamén nós estamos empeñados en que non se consolide unha tradición cultural, artística, política, ideolóxica propia de nós, pois a tendencia a non partir dela, a desconsiderala, ignorala ou desprezala como obsoleta, anticuada ou irrelevante caracteriza moitas das nosas actuacións neses campos. É como se nada estiver aclarado antes de nós, é como se houber que dar por suposto que moitos dos esforzos, feitos e conquistas dos nosos antepasados estivesen superados, non tivesen valor ou simplemente non interesasen por non seren modernos, de bo ton ou acordes coa moda dos tempos. Non acredito en que unha cultura poida ter certa solidez e fundamentación se non conta cunha tradición, se non se coñece, valora ou interroga continuamente desde o presente. Velaí por onde os acérrimos inimigos, poderosos destrutores e interesados desprezadores da cultura nacional galega, da súa lingua e da súa historia, achan uns inesperados e inxenuos colaboradores nos que, no campo nacionalista, ignoran, agochan ou reducen a importancia da nosa tradición en calquera campo. Mesmo que for para criticala por unhas supostas eivas, debería ser tida moi en conta, porque significa a forma en que, antes que nós, se confrontaron e analizaron os problemas, a realidade, desde unha perspectiva conscientemente galega. É posíbel que algúns vexan nesta forma de esquecemento ou ocultación unha maneira intelixente de presentarse anovados para non espertar só polas aparencias ( a referencia á realidade galega, sempre avellada e tópica nos estereotipos) prexuízos, reaccións negativas ou indisposición de ánimo. Coido que é un erro de cálculo, que non provoca a predisposición nin a adhesión desexada, mentres que si afrouxa e debilita, soterrándoo máis, o corpo vivo dunha tradición literaria, política, ideolóxica, artística e cultural, non só digna de consideración e coñecemento, senón especialmente capaz, ben asumida, de espertar conciencias, adhesións e identificacións nunha sociedade tan necesitada de autoestima. Cavar a fosa da ignorancia e a descualificación, por activa ou por pasiva, do noso, non vai conducir a nada positivo, porque non vai haber ningún futuro diferente se non se conta coas tendencias que no pasado o procuraron: no caso dunha nación negada, o esforzo de todos aqueles e aquelas que tiveron vontade nacional porque a realidade obxectiva necesitaba expresarse, existir conscientemente, como realidade diferenciada, facendo uso do vehículo base cultural por excelencia, a lingua propia.
Veño de ler un interesante, necesario e útil libro co título, E logo, temos razóns para ser nacionalistas? (2014) , obra de Henrique del Bosque Zapata, licenciado en dereito e profesor do Instituto de Mos. Vaia por diante o meu recoñecemento pola súa disposición a asumir unha temática de grande actualidade e analizala desde coordenadas racionais e destinadas a clarificar os galegos e galegas sobre ela, pois é de vital importancia para o noso futuro. Non é moi habitual esta forma de proceder na literatura ensaística galega, moi pouco proclive a tratar temas políticos ou económicos candentes ou que deberían selo para a sociedade galega. O seu esforzo merece, pois, ser valorado: os leitores e leitoras do libro poderán aclararse sobre cuestións fulcrais do nacionalismo para non sucumbir perante a propaganda sinistra e hostil que nos asolaga de forma descarada ou sinuosa todos os días e a todas horas. Porén, considero que as virtudes do libro van acompañadas dalgunhas deficiencias ou limitacións, se se quixer, confusións, que non se terían cometido ou estarían máis reducidas ou matizadas, se se tiver en conta a tradición analítica galega respecto do problema das nacións oprimidas en xeral, e o de Galiza, como caso particular. Intúo que o corporativismo académico, léase os dogmas e censuras universitarias, establecen modos e maneiras sobre o que está ben visto e o que está mal visto. Naturalmente, nada que teña a ver coa tradición cultural galega está ben visto, como é lóxico, normalmente dentro da Universidade Galega. Porén, tamén coido que é chegado o momento de non deixarse intimidar por quen reduce a súa influencia, agás honrosas excepcións, a actuar como un apéndice ideolóxico do sistema imperante, sen que tampouco deixe de ser ela mesma cada vez máis marxinal dentro do sistema. Non nego que o uso dos seus diñeiros públicos noutra dirección tería un proveito colectivo e social diferente, concretamente para sistematizar e espallar o coñecemento da realidade nacional galega. O que digo é que non compensa a censura que impón, o seu limitado, discrecional e sempre oportunista, recoñecemento. Moito menos no caso dun libro que terá que abrirse paso nun mercado editorial e de leitores, o do libro galego, no total desamparo do mundo oficial.
Honradamente coido que, se Henrique del Bosque tomase en consideración textos básicos da teoría nacionalista galega, non se tería entregado, por exemplo, de forma tan fácil a un concepto equívoco, contraditorio e contraproducente como o de “nacionalismo español” para referirse ao españolismo, esa expresión ideolóxica do imperialismo, pois non outra cousa é o que exerce o aparato do Estado, en nome da nación única e indivisíbel España, contra algunhas das nacións que o soportan. Esquivar a idea de que unha xerarquía desigual, un dominio político, cultural e lingüístico, unha dependencia en todas as ordes, exercida por un poder estatal, asentado na idea dunha nación única, é imperialismo, só serve para escurecer as causas do conflito. En todo caso, existen outras expresións menos contundentes pero válidas, como centralismo ou, desde a perspectiva das nacións sen Estado, subordinación ou dependencia, para caracterizar a relación de desigualdade entre nacións nun Estado como o español. O que non debera valer, a non ser que se persiga xustamente a confusión, é “nacionalismo español”, pois usa a mesma palabra, o mesmo concepto que o “nacionalismo galego, catalán ou vasco” para referirse a dous mundos, dúas realidades e dúas aspiracións confrontadas, antitéticas, onde unha é dominante, opresiva e ofensiva, e as outras dominadas, oprimidas e defensivas. Así fican, nada menos que homologadas nacións con Estado e nacións sen Estado na súa realidade e nas súas aspiracións. Lóxico, malia ser un sofisma, que os teóricos da democracia liberal ou dun marxismo dogmático e eurocéntrico analicen o fenómeno nacionalista desde esta perspectiva tan falsificada e manipuladora. Así conseguen matar dous paxaros dun tiro: descualificar o nacionalismo como algo intolerante e agresivo, lonxe de toda ecuanimidade, e dar a imaxe de que se aposta por un termo medio entre fanatismos. Xa se sabe, o fanatismo que provoca a exasperación das identidades encontradas, porque, ao cabo, é dun fenómeno puramente identitario do que se trata, cando falamos de “nacionalismo”, segundo os teóricos liberais e marxistas antinacionalistas, que non dunha relación de opresión que contén múltiples facetas. A perversidade pode mesmo camiñar cara á intención de identificar o nacionalismo co fascismo ou o nazismo, esas formas de exaltación das nacións con Estado que teñen vocación agresiva expresa de expansión e dominio imperiais. Non cabe máis caos e confusión ao servizo do sistema do dominio, pois, feita a homologación, podemos concluír que todo nacionalismo é malo, o duns e o doutros, pois parece tratarse do mesmo fenómeno, vivido desde perspectivas diferentes. Nada máis lonxe da realidade, desde calquera perspectiva que se mire. Como sabe moi ben Henrique del Bosque, o intento de acuñar a expresión “patriotismo constitucional” para agochar un españolismo rampante con xustificacións cívicas e aparente neutralidade democrática, foi parello á aparición da expresión “nacionalismo español”, tamén nos ámbitos académicos, cunha dupla finalidade: afastarse aparentemente do españolismo tradicional, clásico, e ameazante, e lealo á vez na súa causalidade e razón de ser coas dos nacionalismos das nacións sen Estado que, no caso do Estado español, están confrontados coa idea excluinte, dominadora e imperial de España, sustentada nunha estrutura de poder aos seu servizo, a do Estado español (isto é o que se quere ocultar custe o que custe).
Non é un secreto que os clásicos do marxismo acabaron recoñecendo que había nacións oprimidas e nacións opresoras, nacións burguesas e nacións proletarias, para catalogar a dialéctica entre elas. O mesmo Lenin chegou a falar, en todo caso, de nacionalismo gran ruso, da nación grande, que oprime as pequenas nacións, de nacionalismo opresor e de nacionalismo dos oprimidos, e mesmo de nacións proletarias. Nunca acharemos en Marx ou Engels a expresión nacionalismo inglés e nacionalismo irlandés para aludir, nun caso, o expansionismo imperialista británico e o seu dominio sobre Irlanda, e no outro, ao movemento nacional de emancipación irlandés, malia o tacticismo oportunista que moveu a súas posicións teóricas e prácticas na cuestión nacional. Desde logo, non hai unha soia páxina do Sempre en Galiza, de Castelao, redixido entre 1935 e 1947, que aposte por describir o problema das nacionalidades no Estado español, e moi en particular, o de Galiza, facendo uso da terminoloxía e o concepto “nacionalismo español” para aludir á ideoloxía que expresa a opresión sobre aquelas, ao tempo que a ideoloxía emancipadora se acubilla no mesmo substantivo acompañado de diferente adxectivo, o xentilicio nacional. Castelao sempre se refire ao Estado imperialista ou centralista español, ao centralismo e ao imperialismo, nunca ao nacionalismo español. Como acontece tamén na Doutrina Nazonalista (1921), de Ramón Vilar Ponte, redixida xa ao rematar a primeira grande guerra. Mesmo Vicente Risco, na súa Teoría do nacionalismo (1920), falando de “O nacionalismo na Hespaña” non se lle ocorre colocar baixo esta catalogación nin á ideoloxía castelanista nin á españolista, expresións do “centralismo”. Noutras aportacións máis modestas e próximas no tempo, como Problema nacional e colonialismo. O caso galego (1978), de López Suevos, Ramón, e Rodríguez, Francisco, elaborado coa intención de actualizar algúns aspectos da análise nacionalista, ao comezar a andaina do actual réxime, bébese nesta concepción, nesta tradición, por ser a máis real e politicamente apropiada para describir o fenómeno das nacións dependentes, sen Estado, e o noso, en particular. E que os tempos que corren necesitan unha adecuación analítica para dar mellor conta da realidade das nacións oprimidas que as obras devanditas, por unha banda as de Castelao e R. Vilar Ponte, tan fundamentais, como e pola outra, a de Suevos e Rodríguez, intentando facelo desde unha posición marxista non eurocéntrica? Non son quen de revelar xa a realidade cos seus esquemas e terminoloxía conceptual? Sen dúbida, hai moito que matizar e actualizar. Porén, non se avanza coa confusión terminolóxica e conceptual, bebendo en fontes con clara intención ideolóxica adversa, por moito que se acubillen no halo da modernidade ou nun fachendoso academicismo científico. Sempre, pero hoxe máis que nunca, os produtos das institucións académicas, no caso concreto das ciencias sociais, históricas e humanas, en xeral, deben ser atendidos e analizadas como o que realmente son: discursos, máis ou menos fundamentados, a partir de filosofías concretas, e naturalmente intencionados nos seus obxectivos, ás veces de forma impúdica, pouco coherente.
Teño a sensación de que o útil e meritorio libro de Henrique del Bosque tería sido máis coherente e tamén máis exemplar e alentador para os lectores e lectoras galegos se dialogase, mesmo para contradicila, coa tradición ensaística galega sobre o tema, moi en especial con Castelao e o seu Sempre en Galiza. A facilidade co que o poder español na Galiza está a soterrar a obra multifacética de Castelao, dun valor incalculábel, con moito que nos dicir e descubrir aínda, explícase tamén pola nosa natural disposición a esquecer ou obviar a tradición que nos deu vida, da que provimos e na que nos asentamos. Así é difícil chegar lonxe, porque descubrimos o xa descuberto, inventamos o xa inventado ou acreditamos en estar innovando ou asimilando do de fóra para o noso ben, cando copiamos sen pensar na utilidade e adecuación á nosa realidade, cando menos. Tamén os galegos e galegas necesitamos saber cal é a nosa tradición, coñecela e espallala, para continuala de forma anovada e á altura dos tempos. A verdade é que o esforzo intelectual por aclarar a cuestión nacional galega e unha teoría xeral do nacionalismo desde nós ten na tradición cultural galega unha importancia cualitativa indiscutíbel. No libro de Del Bosque late esa tradición en moitas das súas mellores páxinas. É mágoa que non sexa máis explícita, e que non lle valera para coller con pinzas algúns conceptos, terminoloxías e análises, de moda, nada neutral, na España. Unha moda á que se adheriron, sen maiores miramentos, a maior parte da intelectualidade e o mundo académico galegos, sen entrar a considerar para nada se a nosa tradición analítica coincidía ou avalaba esa terminoloxía conceptual e, se non o facía, por que era. En concreto e precisamente, nunha cuestión tan importante e decisiva como a definición do que é o nacionalismo, moito máis no actual contexto histórico.