Ten futuro o libro galego sen escaparate e sen televisión?

Ten futuro o libro galego sen escaparate e sen televisión?

Estou seguro que se eu non vira a mediados dos setenta nun escaparate dunha libraría de Ortigueira diversos libros en galego, eu non tería mercado aos meus quince anos os dous primeiros libros que lin en galego: Adiós, María, de Xohana Torres, e Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro. E estou seguro tamén que se eu non vira nos anos oitenta unha longa entrevista na televisión con José Luís Sampedro tampouco descubriría naquel momento a sabedoría e a personalidade do autor de La vieja sirena. O escaparate e a televisión foron, no meu caso, as fiestras que me abriron os ollos á existencia da literatura galega e a escritores como Sampedro.

Todos nós temos claro que o porvir da nosa literatura como produto cultural para gozo da sociedade en xeral está intimamente asociada á sorte da lingua galega e á sorte política do noso país. Literatura, lingua e país son tres realidades inseparábeis, aínda que algúns autores pensan que o porvir do idioma e a sorte política da nación galega non vai con eles. Creo que tamén temos claro que a presenza do libro galego no ensino non é suficiente para garantir o futuro do libro galego. Para que o libro en lingua galega estea nas mans da xente é preciso conquistar o escaparate da libraría e entrar na televisión galega en horario que non sexa o "pornográfico", en feliz expresión de María Pilar García Negro, e cunha duración que supere amplamente o minuto.

Sei moi ben da importancia dun programa radiofónico como o que dirixe desde hai moitos anos Ana Romaní e de que haxa quen escriba do libro galego nas páxinas dos xornais. Mais iso resulta claramente insuficiente para colocar o libro galego diante dos ollos da xente. Se pasas por diante dunha libraría e o libro galego non aparece no escaparate, se entras na libraría e hai que ir a un recuncho do local para atopar un título en galego, se conectas as vinte e catro horas a TVG e non sae nunca un escritor ou unha escritora en lingua galega, se a sociedade galega en xeral non identifica o nome de Xosé Luís Méndez Ferrín co título dun libro ou a Pilar Pallarés cun rostro concreto de muller, se todo isto acontece, non podemos ser optimistas co futuro do libro galego, e menos aínda ficar cos brazos cruzados.

O libro galego ten que estar no escaparate da libraría, en Celanova e na Coruña, en Vigo e en Viveiro, porque estas librarías están na Galiza, non están en Madrid nin en Murcia. E os escritores e as escritoras teñen que saír na TVG porque non teñen outra televisión para saír. E se desde o goberno autonómico non se impulsa isto, pasaremos da eclosión editorial do libro galego á súa desaparición. O libro galego non pode vivir entre o desprezo e a indiferenza da sociedade nin pode ter porvir exclusivamente como libro de texto. Tampouco pode ser o libro galego para que uns poetas lean a outros poetas. O libro galego é algo que nos enriquece como persoas e como cidadáns deste país e o único que hai que facer é posibilitar que o libro galego poida chegar ás mans de calquera home ou muller de Galiza. E para iso é clave a súa presenza na televisión e nos escaparates das librarías. Cómpre que os escritores e as escritoras se comprometan activamente con este obxectivo, porque se non hai lectores e lectoras en lingua galega estaremos construíndo unha literatura -incluso unha extraordinaria literatura-, para almacenar nunha nave industrial. Así de triste!